viernes, 28 de julio de 2017

Un ‘Cristal’ no que reflectirse


Foi un 25 de xullo pero de 1932 cando a pontevedresa revista ‘Cristal’ saiu á luz, isto é, cando do prelo da imprenta Antúnez, no número seis da rúa da Oliva, a modernidade quixo ser revista baixo unha cabeceira xa mítica para a nosa literatura.
Como antes o foron ‘Alfar’ na Coruña (1923), ‘Ronsel’ en Lugo (1924) ou ‘Gallo’ en Granada (1928), un grupo de mozos quixeron, fai oitenta e cinco anos, cabalgar sobre esa luminosidade cultural e chea de esperanza pola renovación do país que se vivía naqueles primeiros anos trinta. “Esto es Cristal, y es un un grupo de artistas, lleno de la ansiedad y el colorido fuerte y puro de la savia joven, quien lo lanza en un renacer de clarines de espiritualidad, despegándose del ambiente mohoso de política que enturbia las horas, como un cohete, a vendimiar luces en la concavidad terciopelada de una noche vernal”. Isto é o que se podía ler naquela primeira editorial de presentación da revista adicada, nas súas oito páxinas, á Compostela do Apóstolo que celebraba unha identidade, pero tamén o respecto pola cultura, e a necesidade que se tiña dela como bandeira dun territorio cheo de eivas pero que precisaba, ademais do pan, dos libros como chanzos para o seu progreso.
Naquel primeiro número, co deseño na capa do que logo sería o gran arquitecto, Alejandro de la Sota, citáronse nomes como Noriega Varela, Paszkiewicz, Juan Bautista Andrade, Otero Pedrayo, Luis Amado Carballo, Álvaro de las Casas, Juan Ramón Jiménez, Nóvoa Gil e Juana de Ibarbourou.Poesía en castelán e en galego, baixo o acubillo dos promotores dun ‘Cristal’ no que reflectirse unha mocidade bulideira, con gañas de amosar as súas posibilidades nunha cidade que vivía un esplendor cheo de nomes senlleiros como Castelao, Bóveda, Losada Diéguez ou Filgueira Valverde, tamén de iniciativas sobranceiras como a fundación da Coral Polifónica, a do Museo de Pontevedra ou da Misión Biolóxica. Aqueles promotores foron José Mª Álvarez Blázquez, Juan Vidal Martínez e Antonio Díaz Herrera, a dirección literaria dos dez números dos que se compuxo este soño. Porque estas revistas xurdiron como os soños dunha mocidade que necesitaba explorar as súas arelas de creatividade. Con escasos medios, sen apenas posibilidade de futuro, estas revistas espalláronse por moitas das capitais da península recollendo a semente da Edade da Plata, é dicir, daquela Xeración do 27 da que se cumpren neste ano noventa da súa mítica reunión sevillana. Nela simbolízase un estado de ánimo a través das súas figuras e, sobre todo, dunhas palabras que atronaron por tódolos cantos do mundo e ás que se sumaron moitos outros como os nosos protagonistas pontevedreses.
E se algo é o 27 é Lorca, e Lorca bendeciu ‘Cristal’, e Lorca escribiu en ‘Cristal’, e Lorca visitou, catro meses despois da saída do primeiro número, aquel desván do Hotel Méndez Núñez, na actual praza de San Xosé, xusto fronte ao Café Moderno, ata onde aqueles mozos levaron ao seu ídolo para poñerlle un papel diante, pero sobre todo para calmar a faciana de vergoña que tiñan ante o gran poeta tras ensinarlle un lugar tan ruín para artellar unha revista. Pero o autor de ‘Poeta en Nova York’ sacou do apuro a aqueles avergoñados lembrándolles a revista que el mesmo creara en Granada catro anos antes, a revista ‘Gallo’, e que non tivera mellor acubillo. Deixáramos a Lorca cun papel fronte a el no Café Moderno, alí, sobre unha daquelas mesas de mármore a súa pluma non tardou en facerse un soneto publicado no número do mes seguinte.
‘Cristal’, polo tanto, é unha daquelas iniciativas que fixeron do anos trinta, antes do oprobio da Guerra Civil, unha sementeira inmarcescible. Os anos de escuridade, de dores cravados na alma, de lousas e cunetas aínda, aínda, aínda hoxe vergoñentas, non foron quen de facer esquecer aquelas iniciativas. Tras o arrebato gongorino dos grandes poetas do 27 foron agromando outras iniciativas que quixeron facer das letras ser, das palabras expresión artística ou, como diría Jorge Guillén, unha “adhesión a la vida”. E é que se algo se pode aínda poupar fronte a un número calquera da revista ‘Cristal’ é esa necesidade de vida, esa obriga, xa non fisiolóxica senón moral de aproveitar a vida, de gozala en tódalas súas posibilidades, pero sobre todo, argallando un cóctel entre o culto e o popular. “Cristal tiende, dentro de la exquisitez de su contenido, a ser eminentemente popular. El vino de Chipre al alcance de todos los labios”. Así remataba aquela primeira editorial publicada o Día de Galicia de 1932 na que o que se quería saborear era algo tan sinxelo como o que tamén deixou escrito Jorge Guillén no seu poema ‘Más allá’: “Ser, nada más. Y basta./Es la absoluta dicha”.




Publicado no Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 26/07/2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario