viernes, 28 de julio de 2017

Luis Gordillo. Confesión xeral

Referencia da pintura en España, a intelixente aproximación proposta dende o CGAC á figura de Luis Gordillo abarca toda a súa dimensión como creador. Sen acotacións temporais a obra de arte enténdese como un proxecto global cheo de referencias entre as diferentes etapas.


BAIXO O comisariado de Juan Antonio Álvarez Reyes e Santiago Olmo o máis complexo á hora de artellar unha exposición arredor de Luis Gordillo, sobranceira figura da nosa pintura, é o modo de amosala, pero sobre todo de reflexionar sobre a súa obra a partir da composición da mostra. De poucos pintores se ten escrito tanto, como de Luis Gordillo, de poucos tamén se ten exposto tanto como arredor do seu traballo, por iso, á hora de facer unha exposición hoxe o máis importante non é o feito de amosar a súa obra, senón as conclusións que nos pode deixar o seu visionado e o contacto coas pezas expostas.
A planta primeira, a planta baixa e o dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporáneo énchense do universo plantexado pola pintura de Luis Gordillo. Énchense dunha comprensión total da súa obra que nos leva a percorrer o seu traballo dende a década dos anos cincuenta ata os nosos días. Autor dunha obra única, moi difícil de incluir en istmos ou correntes pictóricas, o labor de Luis Gordillo amósase nesta mostra cunha intención globalizadora, isto é, diluíndo fronteiras temporais ou etapas creativas e recuperando aquelas estratexias de representación que se mantiveron como alicerce de toda a súa pintura. O diálogo entre as obras, e entre esas obras e o espectador conflúe nesa organicidade do discurso, nese senso arquitectónico dunha obra xerada dende o rigor e a consistencia dunha aposta irrenunciábel pola liberación dunha pintura á que se suxeitaron posteriormente, nos anos oitenta, toda unha corrente de pintores que lexitimaron un discurso pictórico propio que, con figuración ou sen ela, plantexaron un necesario debate dende o visual para acadar un rescate das posibilidades da pintura tras o letargo do franquismo.
Luis Gordillo estaba tras todos eles como unha sorte de rede ante as piruetas. O evidente goce pictórico da súa obra enguedéllase coa súa capacidade analítica da pintura, plantexada dende unha permanente contradición entre xeometría, abstracción, tonos e planos que conflúen nunha simboloxía que enche de posibilidades a súa pintura. As deformacións, as duplicacións, as manchas, limitan cunha sorte de surrealismo ou de pintura psicolóxica que tende pontes á iconografía pop. Todo irase complicando coas transferencias procedentes doutras técnicas artísticas: fotografías, colaxes, debuxos... para xerar así un espazo propio, de rebelións e liberacións que loitan contra si mesmas pero tamén coa propia identidade da pintura. Un dos comisarios da mostra é o propio director do CGAC que no texto curatorial plantéxanos a cerna da exposición: «Entre as distintas series establécense relacións de filiación e diálogo, e entre as distintas épocas establécense en cambio friccións paradoxais e violentas que se recompoñen en sorprendentes diálogos». Isto é realmente interesante, sendo o que xustifica a exposición, a análise de recursos que se moven entre as obras, afastándose do momento en que son concebidas pero que, cando se observan dende esa temporalidade, amosan unha distorsión que non é tal. É un pouco como se as obras fuxisen do seu carácter cronolóxico, refuxiándose na súa propia concepción, sendo partes dun proxecto de autor que non precisa do aserto temporal.

Esa situación é a que fai de Luis Gordillo unha especie única, un creador de seu, este tipo de artista non se ven influidos, eles son os que inflúen. Pero isto, que sería o lóxico cando un creador está nos momentos finais da súa traxectoria, no caso que nos ocupa xa se produce dende as súas primeiras inquedanzas pictóricas, facendo en numerosas ocasións da súa pintura un camiño aberto en diferentes direccións polas que moitos foron camiñando a risco de enfrontarse ás complexidades da súa obra, que as hai e moitas. Pero ese tamén é o reto da pintura, o de suxerir e xerar problemas aos demais, o de propoñer territorios indómitos cos que desafiar aos demais e de paso á propia pintura. Esta ‘Confesión xeral’ que aquí se plantexa pon de relevo moitos destes desafíos dende alguén do que tanto se dixo que xa o que nos queda é ver, e aquí hai moito que ver.

Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda 16/07/2017. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario