miércoles, 10 de mayo de 2017

Algo que ver, algo que esconder

Rue Saint-Antoine nº170
Arte. A Fundación RAC acolle ata o 20 de maio o traballo de Irma Álvarez-Laviada, unha exploración dende a creación ao propio entorno do artista entendido como inspiración, como xerador de formas e a maneira de conceptualizar un discurso artístico que atopa alí onde semella que non hai nada, onde só asoma a angustia do baleiro.


Cando un percorre as diferentes obras que compoñen a exposición de Irma Álvarez-Laviada atópase con elementos que coñece, aínda que descontextualizados. Son materiais que forman parte doutras realidades: madeiras, cartóns, texturas, embalaxes... formas recuperadas do traballo cotiá do artista no estudo. Traballo pero non traballo, xa que estes materiais xorden dese outro discurso invisíbel da creación, o dos materiais que envolven, protexen e, ao fin e ao cabo, ocultan ás propias obras de arte. A nosa protagonista fíxase nesa outra realidade e renova o compromiso que ten todo artista con aquilo que os demais non vemos ou desprezamos. Irma Álvarez-Laviada artella así un discurso artístico propio, que medra dende esa reapropiación dos materiais, a partir de como o que semella esgotado, baleiro e sen futuro, pode rexenerarse dende o acto creativo ‘per se’, con todas as posibilidades desa arte que ata só uns minutos antes servía de refuxio e protección. Aquilo que se precisaba para negar agora é o que se precisa para sumar, para facer arte.
Atopámonos deste xeito cunha artista que pousa a súa mirada nesas contornas da realidade. Desa realidade única en que se converte o estudo ou o taller para cada creador. Un pode tentar imaxinar a Írma Álvarez-Laviada mirando cara o que rodeaba as súas obras de hai un tempo. A toda esa morea de refugallos que protexen unha obra de arte e que a artista redime en novas aventuras artísticas. Series de cartóns coloreados, fragmentos dunha pintura que se alinean ao longo dunha parede, cun xogo de multiplicidades xeométricas cara fóra, pero tamén cara ao seu interior, onde esas xeometrías son unha acotación do que se pode prolongar ata o infinito; espumas convertidas en cadros nos que a súa tactilidade amosa unha faciana máis que interesante, sobre todo cando se xoga co contraste do branco e o negro; caixas e fragmentos de caixas que retoman unha xeometría que non só evoca a escultura minimalista máis clásica, senón que o é, xa que para esta mostra retoma os seus postulados de complicidade co espazo, de xogo coa esquina da sala, prolongándose pola parede dialogando con outra peza que se atopa sobre o chan. Nese diálogo seguramente sexa onde se comproba de xeito más potente esa nova vida, ese estar como obra dende que unha creadora se fixa nela para propoñernos esta catarsis do artístico.
Moi interesantes son tamén os seus xogos a partir do traballo cos cartóns. Pregos, formas, acumulacións... Qué fermosa esa peza que nos saúda a entrada obrigándonos a achegarnos a ela, a mirar a través da súa profundidade. Tamén as fotografías dos palés que temos na sala inferior da Fundación RAC xeran esa sensación de recuperación, de obrigarnos a mirar as cousas doutra maneira a como acostumamos, a recoñecer formas minimalistas nun proceso casual pero que, co xiro que lles outorga a artista, forman xa parte do proceso creativo.

Ver e esconder son verbos enfrontados que aquí reúnense non só como fondo conceptual de todas as obras senón  sendo parte do propio título da mostra, ‘Algo que ver, algo que esconder’. Un nomear no que se agocha ese interese de Irma Álvarez-Laviada por facer desa especie de baleiro o eixo da súa creación artística, afastándose da pintura coa que se iniciara na arte, adentrándose nun terreo de exploración que cada vez amosa unas conquistas más valentes, exitosas e proveitosas.
Cada vez que a Fundación RAC abre as súas portas con algunha proposta expositiva dámonos conta da necesidade deste espazo en Pontevedra. Unha instalación perfecta na que acoller creadores e obras sempre ben escollidas, cun obxectivo claro e definido. Apostas moi interesantes que semellan non ter acomodo nin nesta cidade nin noutros espazos de Galicia. As últimas exposicións estanse centrando nalgo que sempre estivo na cerna da creación desta fundación, o de pousar a mirada sobre creadores que están comezando a madurar o seu traballo. As exposicións de Damián Uceda, Marcos Covelo, Enrique Lista ou Pablo Vence así o afirman e, si miramos cara o futuro, vemos como esa aposta polo talento de creadores emerxentes continúa con nomes procedentes de Sudamérica onde se está a rexistrar un momento cheo de novas achegas no terreo da plástica. Deste xeito nos próximos meses veremos nas salas da Fundación RAC a obra de Héctor Zamora (México), Rosendo Cid (Galicia), Sandra Gamarra (Perú), David Zink Yi (Perú) e Amalia Pi (Arxentina).


Publicado no Diario de Pontevedra 8/05/2017. Fotografías: Javier Cervera-Mercadillo


No hay comentarios:

Publicar un comentario