jueves, 2 de marzo de 2017

Relacións espaciais

Rue Saint-Antoine nº 170
Escultura. O  novo espazo artístico pontevedrés, Musart, na rúa Herreros, acolle unha serie de pezas do creador Eusebio Rivero nas que reflicte diferentes relacións do ser humano coa arquitectura e o espazo. Unha interesante experiencia artística chea de miradas á conexión do home coa realidade dende o contraste do vacío e a ocupación


Xúntanse dúas boas noticias ao achegarnos á exposición de Eusebio Rivero na ‘Galería de Arte. Musart’ de Pontevedra. Por un lado o propio contedor, acostumados como estamos á orfandade de lugares nos que facer unha axeitada exposición de obras. Esta nova iniciativa na nosa cidade debería converterse nun sementeiro de expresións artísticas, de apostas por xente nova, abofé a que máis precisa destes espazos, co alicerce da presenza cercana da Facultade de Belas Artes, pero tamén de canle de expresión para numerosos creadores que teñen moito que dicir e que non atopan o lugar axeitado. Esta é a segunda boa nova, a de enfrontarnos con un creador que ten moito que amosar a través dun traballo cheo de interese e de miradas suxerentes sobre a realidade.
Non evita Eusebio Rivero o mirar enfite a nosa sociedade, e facelo a través da súa arte, dende un xeito de expresar que non precisa de grandes escenografías, senón de atinar con cómo se plantexa unha idea fronte ao público. O interese do artista por amosar a loita do home co ámbito urbano, da fricción entre o baleiro e a ocupación. O continuo asulagamento da arquitectura fronte a nós mesmos, converte a esta mostra nun xeito de reflexión sobre os nosos modelos de vida. Esta mezcla de pintura, escultura ou instalación ponnos ante homes expulsados da propia arquitectura, a piques de caer nun abismo moitas veces propiciado pola propia especie. Situacións que levan ao traballo de Eusebio Rivero a moverse polas canles da arte conceptual nas que o artístico conflúe co filosófico ou co antropolóxico.

Os diferentes conxuntos de pezas expostos van a achegarse a esas preocupacións de xeito visualmente moi efectivo dende uns personaxes que se moven case que atordados por diferentes escenarios nos que o autor integra referencias a arquitecturas recoñecidas, acompañadas por eses personaxes que en ocasións incluso carecen desas referencias espaciais e camiñan simplemente por un baleiro negro, e para iso Eusebio Rivero emprega obxectos, a priori, sen nengunha referencia artística. Uns borradores fincados na parede, uns buratos negros sobre unha cartulina ou unhas pizarras no chan permiten xerar percepcións a priori impensables pero que logo encaixan de maneira brillante co que se pretende. Coa exposición que, baixo o título de ‘Arte e espazo arquitectónico’, coido que vai moito máis aló do que ese propio nome amosa, converténdose nunha experimentación visual sobre aspectos nos que se adoitan xerar infinidade de teorías dende o punto de vista das ciencias humanas pero ás que a arte pode servir tamén como ferramenta para a súa análise.
Formado na Facultade de Bellas Artes de Salamanca, esta relación do home co espazo é a gran preocupación artística de Eusebio Rivero, que pretende reflectir a través dunhas pezas nas que os diferentes soportes son posibilidades para tantear esas relacións nas que xa leva tempo traballando, así como explorando novos vieiros de expresión como pode ser a fotografía. Achegándonos a estas pezas e ante a descontextualización do ser humano, afastado das súas anclaxes cotiás na cidade, visualizamos esa situación de inseguridade e de expulsión do propio territorio. Figuras no limiar das pezas, en diferentes posicións, dentro, fóra, algúns incluso coa cabeza metida no chan. Escenarios da perplexidade que nos sitúan ante unha realidade social do noso tempo ao que á arte pretende dar respostas, ou polo menos plantexar unha serie de preguntas. As respostas virán da nosa participación, da nosa maneira de achegarnos a esta proposta de Eusebio Rivero que estará aberta ata o 23 de marzo na Galería de Arte: Musart, un novo espazo no que, neste caso, estudar os nosos espazos de vida.




Publicado no Diario de Pontevedra 27/02/2017
Fotos. Laura García

No hay comentarios:

Publicar un comentario