lunes, 20 de marzo de 2017

O espertar dun soño


DENDE O seu taller escoitase a campá do mosteiro de Armenteira, un repenicar que semella espertarnos dun soño como o de San Ero, fundador dese mosteiro, do que espertou 300 anos despois. O certo é que as obras de Leopoldo Nóvoa teñén tamén esa capacidade, a de conxelar o tempo, a de sedimentar, nese territorio construído, todo un magma que semella estar activo, aínda que na súa superficie se amose solidificado.
Toda a súa obra ten ese sentir, o do latexo interno, o da faciana hermética e silenciosa fronte ao espectador. "O silencio é, agora, a oquedade de luz dun soño morto", escribiu o poeta Xavier Seoane. Silencio, oquedade, luz, soño. Catro palabras que balizan, como un compás, o quefacer plástico de Leopoldo Nóvoa. Unha conxunción de elementos que forman parte dunha obra de longo alento, unha inmensidade pictórica que quedou sen pai fai cinco anos pero que deixou un legado inxente. Parte del, dezanove pezas, forman parte desta homenaxe en forma de exposición que se amosa no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ata o 16 de abril. Poden semellar poucas pero á vista da forza que cada unha desas pezas ten, son máis que suficientes para a aproximación a un pintor único na nosa paisaxe plástica, pezas que ademais son o perfecto vencello para achegarnos ao motivo que lle da sentido a esta convocatoria como é o propio taller do pintor entendido como espazo de creación, o ámbito dende o que o creador impulsa a súa obra cara o infinito.
O Atelier de Armenteira segue aínda alí, como no soño do santo, chantado entre vides e leiras, entre bosques e correntes de auga, agochando no interior ese tempo detido entre a memoria e a luz. E aí é onde todavía pervive a obra de Leopoldo Nóvoa visibilizado nunha morea de cadros que son memoria a través da súa xeografía casi táctil, unha orografía do experimentado que se foi sedimentando sobre o soporte ata converterse en testemuña dun tempo e dun hombre fronte a el. Leopoldo Nóvoa nunca se afastou da súa contorna, tanto en A Armenteira como en París, os seus talleres eran unha sorte de alambique dende o que destilar o acontecer da realidade social do ser humano, facéndoo case como un alquimista, convertendo sensacións, percepcións ou inquedanzas en obras de arte. Obxectos físicos nos que se calibra unha realidade non sempre feliz. As cinzas, os fragmentos, os espiños, os símbolos, os ocos... todo iso e moito máis é a iconografía relativa a unha sucesión de xeracións e circunstancias, de loitas que foron facendo de todos nós algo moito peor do que semellamos ser, poñendo ao propio ser humano contra as cordas nese baleiro da escuridade, nese horizonte de cinzas no que o futuro semella estoupar no presente, nunha concentración de forzas que todavía hoxe abraia pola súa contundencia así como pola súa vixencia.

Percorrer estas obras significa achegarse a ese retorno que tiña lugar cada verán, no que o artista ía acumulando unha longa traxectoria a un e outro lado do Atlántico, a carón de grandes artistas plásticos, pero tamén xunto aos escritores do boom latinoamericano, pero ao que non se pode entender sen esa introspección que se pode acadar nese espazo inzado pola natureza e ata por un ascetismo de tipo monástico que semella sobrevoar pola contorna, dende a fusión de néboas e sons de paxaros que compoñen un hábitat certamente singular que agromou nunha obra da que aquí temos moitos dos seus diferentes percorridos. Tamaños e técnicas distintas nas que latexa unha mesma alma, un xeito de entender a arte como parte dunha vida que vai máis alá da presenza física do seu creador. Cinco anos despois cada unha destas obras seguen sendo un berro do desacougo, a contención dun silencio que nunca se escoitou tanto sobre unha superficie pictórica como cando Leopoldo Nóvoa puxo mans en mente sobre ela, e o que tantas veces fixo no seu estudo de A Armenteira, alí onde nos espertamos dun soño.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 12/03/2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario