martes, 28 de marzo de 2017

Abrir as portas da imaxinación

Rue Saint Antoine nº 170
Literatura. A edición dun libro por parte do Salón do Libro de Pontevedra convértese nunha achega máis deste evento cultural adicado a sementar entre os máis pequenos a afición pola lectura e o amor polos libros. A escrita de Antonio Manuel Fraga e as ilustracións de Jacobo F.S. fan de ‘Escaquis e Romeu’ un novo chanzo na historia do Salón.



Non deixa de medrar o Salón de Libro de Pontevedra, de facer ano tras ano que o maxín de autores e nenos se mesture para facer desta cita un tempo de soños sen comparación noutro lugar que non sexa tras as paredes do Pazo da Cultura de Pontevedra. A decoración dos espazos, os contacontos, os espectáculos, os obradoiros todo iso vai sumando ano tras ano, e xa van dezaoito, na sementeira de futuro que é este milagro que naceu ás orelas do Lérez.
O pasado ano o Salón deu un salto ben importante, un chimpo deses que non son sinxelos pero que o tempo amosará como necesarios. Un xeito diferenciador nun territorio que xa é diferente a todo. Fálolles da edición de libros, e así no Salón anterior contemplamos o nacemento dunha criatura ben fermosa que viña da man de Ledicia Costas, na parte literaria, e de Óscar Villán na ilustración. Aquel primeiro libro foi ‘As peripecias de Extravaganza Pérez’. Agora ese libro tivo un irmán, o primeiro abofé dunha familia que promete ser ben numerosa, neste caso coa escrita de Antonio Manuel Fraga e o traballo na ilustración de Jacobo Fernández Serrano, para poñer nas nosas mans unha historia baixo o título de ‘Escaquis e Romeu’
E como xa fixera a parella creativa do pasado ano, de novo a empresa acadada polos nosos protagonistas desta edición volve a dar boa conta do enorme talento que se abeira na nosa terra. Xente que escribe de marabilla e que o fai para un público realmente complicado, como é o público infantil e xuvenil, moitas veces menosprezado por un sector da cultura pero que cada vez se amosa máis rico e con máis vigor nas súas fazañas. Antonio Manuel Fraga propón unha historia chea de imaxinación, dunha lectura áxil e entretida arredor do encontro entre un barbeiro e unha curiosa ‘rapaza’ que aparece na súa vida. O poder que ela ten de abrir portas nas paredes tralas que asomarse ao que poden ser as vidas de moitos dos protagonistas do libro que se verán reflectidos nas súas actuacións na sociedade e o resultado dos seus feitos, deixa unha narración intelixente, na que no devir do que se conta Antón Manuel Fraga mergúllase nun claro traballo de concienciación do lector sobre o medio ambiente, o medo ao diferente (emigración), a importancia da saúde, os hábitos de lectura, o egoísmo... en definitiva, unha chea de cuestións que o autor encaixa perfectamente nunha narración na que o fantástico vaise impoñendo á realidade, como si o cotiá, o noso día a día, fose unha gaiola para o escritor que precisa de abrir tamén unha chea de portas da imaxinación para citar a seres do máis diversos que espallen a súa narración, e así nos atopamos cunha morea de personaxes fascinantes e que son aos que pon imaxe Jacobo F.S. cunhas ilustracións que perfectamente lle poñen corpo ao escrito, algo que tamén é ben complicado, e máis cando son dúas as persoas a traballar nunha mesma dirección. Así é como todas esas imaxes ben merecen ser amosadas de xeito independente ao propio libro, ocupando parte das paredes do Salón como unha exposición con todos os merecementos desa arte que é a ilustración, ás veces solapada pola escrita, cando van en común, pero que aquí traballan ombreiro con ombreiro.
A capa do libro reúne a todos eses seres xerados por Jacobo F.S. entre os que un non pode deixar pasar a chiscadela que se lle fai ao noso inesquecible Agustín Fernández Paz. Os rasgos físicos de Romeu, o barbeiro amante da lectura que cada noite pasa un par de horas na súa randeeira léndolle as súas plantas, xunto aos elementos do seu carácter, todo inocencia e bondade cos demais, non deixa moito oco á imaxinación. Antonio Manuel Fraga sabe ben, como bo lector de literatura xuvenil e do xénero fantástico, da importancia de Agustín Fernández Paz neste eido da escrita, polo que a homenaxe a un dos tótems, non só desa literatura, senón do propio Salón do Libro, é un acto de xustiza no primeiro Salón que se celebra tras o seu pasamento.
‘Escaquis e Romeu’ é o número dous desa colección que sae do prelo do Salón do Libro pero o que é en realidade é un chanzo máis na procura dese soño que cada vez máis inza entre os nosos cativos como é o de abrirlles esas portas á imaxinación e a todo o que pode conter un libro, que é tanto que esa misión nunca pode rematar. Antonio Manuel Fraga e Jacobo F.S. xuntáronse para seguir subindo eses chanzos, e o que eles puxeron baixo os nosos pés é un dos máis firmes que nos podemos atopar, un libro orixinal dende o que seguir abrindo portas a nosa imaxinación, e esas portas asegúrolles que son infindas.




Publicado no Diario de Pontevedra 27/03/2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario