lunes, 5 de diciembre de 2016

O Mestre Mateo no Prado

A iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes verá o seu soño cumprido o vindeiro martes. Dende ese día o Museo do Prado amosará a obra do Mestre Mateo, converténdose así no primeiro artista galego en ter o privilexio dunha exposición individual nesa pinacoteca.



O ANO 1188 remátase o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Dende esa data a lenda do Mestre Mateo e o traballo que saíu do seu taller non deixou de medrar ata hoxe, como un nome e unha contorna chea de misterios, de preguntas sen respostar, pero que todas elas quedan disoltas no vagar dos tempos cando un se enfronta á súa obra, a eses sorrisos que iluminan unha escultura que, como en poucos lugares do mundo naquel tempo, deu un chimpo imprevisíbel cara adiante, dotando ás súas figuras dunha humanidade e un carácter terreal que se afastaba da constante achega á divinidade da Idade Media. 
O Mestre Mateo prende así a súa obra, vencellada por primeira vez na nosa arte a un nome, a un creador que tivo a consideración non só de artesán senón de artista plenamente recoñecido, como queda ben claro coa concesión por parte do rei Fernando II dunha renta vitalicia. Ese documento orixinal, coa sinatura do monarca, é o punto de arrinque da primeira exposición adicada a un artista galego no Museo do Prado. E tiña que ser el, o noso primeiro gran artista, o xerador dunha linguaxe nova a rentes do ‘Finis Terrae’, cando o home se afastaba da terra para achegarse ao ceo, a un chanzo seguinte na súa fe que prendeu na Compostela da peregrinaxe humana. O Museo do Prado, dende a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes e o apoio da Fundación Catedral de Santiago, xunto a diferentes institucións culturais de Galicia, plantexa todo un discurso da descuberta da obra mateana que leva consigo a impagábel difusión que supón ter en Madrid, na principal pinacoteca do mundo, ao noso referente artístico.
A partir dese documento será a propia escultura a que fale, na que recoñezamos as características do artista e o seu taller e para iso reuniránse case todas as pezas que se espallaron do Pórtico da Gloria tras a súa remodelación levada a cabo no ano 1520, que supuxo o peche  dun Pórtico aberto cara o exterior. Na sala de Escultura, situada xunto á porta de Goya, atoparemonos con pezas pertencentes ao Museo Catedralicio, como o Rei David, o Rei Salomón, a reconstrucción hipotética do Rosetón da fachada, unhas dovelas co castigo da luxuria, os cabalos do cortexo dos Reis Magos e un San Mateo, sendo estas tres últimas pezas parte do coro pétreo da Catedral. Tamén dúas pezas do Museo de Pontevedra, os profetas Enoc e Elías; e os patriarcas Abraham e Isaac conforman a exposición, xunto cunha sorpresa de última hora, o derradeiro achádego en relación á obra do Mestre Mateo, anunciado o pasado mes de outubro. Falamos dunha figura, posiblemente un profeta que apareceu sen cabeza pero co seu típico atributo, unha filacteria entre as mans.A exposición pecharase coa imaxe do conxunto do Pórtico da Gloria, tal e como foi concebido, e ao seu carón as palabras que lle adicou Rosalía de Castro en ‘Follas Novas’, no seu poema, ‘Na Catedral’: «¿Estarán vivos? ¿Serán de pedra/aqués sembrantes tan verdadeiros,/aquelas túnicas maravillosas,/aqueles ollos de vida cheos?/Vós que os fixeches de Dios ca axuda,/de inmortal nome Mestre Mateo,/xa que aí quedaches homildemente/arrodillado, faláime deso./Mais co eses vosos cabelos rizos,/santo dos croques, calás... i eu rezo». Este fragmento é moi revelador do que suscitaban as figuras do Mestre Mateo nos fieis, e tamén da sensibilidade da propia Rosalía para captar a vida que se agochaba nelas, de salientar o traballo dos paños, desas túnicas que amosan a mestría na labra da pedra ao igual que acontece cos seus característicos cabelos rizados, así como a inmortalidade á que está chamado un artista que é quen de facer iso.
Madrid acollerá así unha mostra dun artista dunha terra no limiar do mundo, pero tamén dun artista no limiar dun tempo que alumeou coas súas figuras, con esas pezas que fuxían do muro para achegarse aos fieis, para compartir a vida cun home que, dende aquela e ata hoxe, quedou abraiado cun mestre da escultura, cun mestre da arte, o Mestre Mateo.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 27/11/2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario