miércoles, 14 de diciembre de 2016

O falar da terra

Rue Saint-Antoine nº 170
Arte. A relación do artista co territorio, a esculca da natureza dende unha mirada creativa é a aposta da exposición ‘Pegadas na terra’ que, ao acubillo do Culturgal, manterá vida propia alén deste evento. Aberta ata o 8 de xaneiro estas son as pegadas que unha natureza pletórica é quen de suxerir aos nosos creadores xerando unha nova natureza.



Camiñamos entre a natureza. Camiñamos por unha sala de exposicións. Unha mímese que se acada dende o maxín dunha escolma de artistas que, mérito dos comisarios, Paula Cabaleiro e Antón Sobral, acada xerar ese ámbito de conexión entre o exterior e o interior, entre unha natureza que vai máis alá de ser inspiración para ser motivo e cerna do traballo de cada un deles. De cada un de uns artistas que fan desa natureza o seu taller, converténdoa nunha lectura de si mesmos dende unhas propostas que xorden da experiencia, do contacto do material e dunha organicidade que son quen de converter e transformar nunhas obras de arte que son anacos de natureza, anacos de arte.
Eses anacos son os que nos falan da terra, da súa necesidade cada vez máis forte para facerse berro, para ese grito do desacougo que un atopa nas fotografías de Carla Andrade na condensación da inmensidade; pero tamén na dor de Neves Seara e os restos do lume e que Edu Valiña explicita nunha fotografía impactante, a dun toxo fincado na boca, a dor que se agocha no silencio. Desagradecidos como somos con esa nai eterna que cada vez mutilamos de xeito máis vergoñento, xa non só no seu propio sentir, senón tamén no noso. Nin para nós mesmos sombos bos. Todas estas miradas converten esas paisaxes en territorio de cadanseu artista, espazos para a reflexión case sempre dende o obxecto, dende o rescate do material empregado como forza telúrica que nas obras de Lemuel Quiroga, Maribel Longueira ou María Álvarez ten algo de elemento terapéutico, de arte para cauterizar a ferida. A dela e a nosa.
Fran Herbello emprega a esa natureza como material de traballo, enredadeira da memoria que se fai retrato. Roi Domínguez disecciona o territorio e Alberto Pena compón a súa pintura dende a dinámica ceo e terra, o sentido lúdico da natureza ven da man de Román Corbato e Miguel Benjumea. Xoan Cerviño converte en poemas esa natureza, mentres Reme Remedios e Alberto Bidarra reflicten nun vídeo a experiencia do real entre o ser humano e a natureza alicerzada na súa memoria, nesa sorte de crisálida que nos propón Bibi Martín. Natureza que se fai topografía no espazo que Xurxo Oro converte nas nosas catro provincias coa súa terra ennegrecida ou cos seus outros habitantes alén de nós, nunha reflexión que da man de Jorge G. Valenciano pecha nunhas caixiñas nas que atopamos moitas das especies que nos acompañan neste devir. Tamén Christian Villamide propón o seu propio territorio a través dunha serie de pezas que falan do relevo da fisonomía da montaña, pero tamén dese proceso de degradación ao que a sometemos.
Cada artista, coa súa dinámica de traballo, co seu xeito de achegarse a esas pegadas resumidas nun inspirador conxunto que, no Pazo da Cultura de Pontevedra, é a conformación dunha nova paisaxe, dunha natureza reinterpretada e que, estaremos todos de acordo, é incapaz de achegarse á orixinal en canto a súa autenticidade, beleza ou capacidade de suxestión, pero si que o que nos propón é unha capacidade de autorreflexión arredor de nós mesmos que a inocencia da primeira non pode amosar. O artista constrúe a súa pegada para que forme parte de nós mesmos, para que a teñamos sempre presente como un neón luminoso que nos sinale o noso propio fracaso como especie e como hóspede insolidario.
Acheguémonos, polo tanto, a estes diálogos do home e a natureza, formemos parte da reflexión que se nos propón e que sen nós non tería moito sentido. Certo é que se algunha identidade ten a arte que se fai na natureza e a partir dela é a súa condición de efémera, unha terapia pasadía, un achegamento ao real dende o pensamento para balizar esa nova realidade que se converte en arte, algo que os dezaoito creadores que aquí participan propician para mérito seu e dun proxecto necesario como medio feiticeiro para dende o aquilo máis puro que hai en nós, o noso contacto coa natureza, artellar un discurso plástico.
Son as ‘Pegadas na terra’ as nosas propias pegadas, o feito notarial de que home e natureza esíxense ambos como parte dunha mesma identidade agora reconvertida en arte.



Publicado no Diario de Pontevedra 5/12/2016
Fotografías: Gonzalo García


No hay comentarios:

Publicar un comentario