viernes, 18 de noviembre de 2016

A cor como emoción

A Fundación Mapfre exhibe a mostra ‘Los fauves. La pasión por el color’, na que se recolle o nacemento e desenvolvemento dun movemento artístico que con tan só dous anos de vida deixou unha fonda pegada na historia da pintura a través do continuo berro da cor.


DOUS ANOS tan só serviron para facer da cor un xeito de expresión da realidade como nunca antes se vira. Entre 1905 e 1907 un grupo de pintores explotaron a vida que os rodeaba cunha febril paleta de cores que reinterpretaba un mundo cheo de novas miradas, de dúbidas, pero tamén de respostas inmersas no sempre convulso cambio de século. 
A Fundación Mapfre na súa sede do madrileño Paseo de Recoletos mergúllase neses dous anos para achegarnos como xorde ese movemento, que xa se iniciara na última década do secúlo XIX arredor dun grupo de pintores formados no taller de Gustave Moreau. Henri Matisse, Albert Marquet, Henri Manguin, Georges Roualt, Charles Camoin e Jean Puy comezaron a experimentar unha nova realidade a través da pureza da cor e o seu exultante emprego. Ese senso de amizade grupal foi moi importante á hora da configuración deste movemento, algo non moi habitual na historia da pintura, e tamén fomentou novas creacións a través dos retratos que se fixeron entre eles e que centran un dos capítulos desta mostra.
En 1905 o Salón do Outono de París foi, como xa sucedera noutras edicións cos pintores impresionistas, un balbordo arredor daqueles cadros que semellaban conter lume no seu interior. O público e a crítica alporizábase ante esas paisaxes con cores irreais pero ante os que o espírito do espectador víase excitado dun xeito pouco usual. Así quedaron bautizados como ‘fauves’, é dicir, feras, uns salvaxes co pincel que arriscaron todo a esa radicalidade dos tons. A aqueles nomes xa citados engadíanselle dous dos máis interesantes pintores deste movemento incorporados un ano antes, André Derain e Maurice Vlaminck, que lle deron o empurrón definitivo a todos eles para afianzarse nese xeito de pintar, para seren pintores libres e sen máis ataduras co seu maxín e uns pinceis que botaban lume, como vemos nos cadros que enchen as dúas plantas da sede da Fundación coa habitual calidade da montaxe á que acostuman nesta institución.
Deterse ante as vistas de Londres que fixo Derain para renovar as famosas paisaxes que alí tamén pintou Monet, ou facelo ante a vida parisina recreada por Marquet ou fronte as paisaxes rurais de Chatou realizadas por Vlaminck, son suficiente motivo para gozar desta exposición como dunha epifanía pictórica. Pinceladas e cores sen ataduras de liñas o u formas, simplemente ceibes nunha superficie do cadro entendida como un territorio de experimientación, pero tamén de expiación íntima dunhas visións que deixaban de ser as que tiña todo o mundo que participaba delas para converterse na visión que delas tiña o pintor. Un acto subxectivo que acadaba un chanzo máis nas conquistas impresionistas impulsadas dende a cor como gran protagonista. Como todo lume este tamén estaba condeado a súa extinción e, como afirmou o gran pintor do cubismo que tamén coqueteou co fauvismo, Georges Braque, «durou o que duran as cousas novas».
Un movemento tan  fulgurante tiña no factor tempo un inimigo que o condeaba a medida que este medraba á súa extinción. Aquelas feras foron aplacando almas e pinceis e se sentiron máis cómodos a carón doutros mestres como Cézanne e os seus progresos no relativo ás solucións formais e do debuxo. A liña irá domesticando ás cores e apreciarase neles a dulcificación da paleta que aquí se recolle moi ben en diferentes cadros de bañistas-recuperando un tradicional motivo cezanniano- e de paisaxes con formulacións híbridas entre as pesquisas de Cézanne e o inminente cubismo.
De tódolos xeito o feito xa queda aí, e non hai máis que achegarse ante un cadro de Vlaminck para entender a capacidade da cor e da pincelada para emocionar, para xerar unha ledicia na mirada que te afasta do real para inxerirte no máis marabilloso que pode existir na arte, a singular mirada dun creador e a súa capacidade para traducir o noso mundo ao seu xeito. 



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso 13/11/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario