viernes, 28 de octubre de 2016

Protexer o invisible

Os relatos que enguedella Xaime Toxo neste volume constitúen un percorrido pola vida e os seus instantes. Intres cheos de febleza que aparecen fiados co invisible, coa ligazón daquilo que irrumpe nas nosas vidas para provocar un xiro que as condiciona dun xeito irreversible.


MOVÉMONOS fronte ao abismo. Situámonos ante a incerteza que acosa o noso devir. Un arame invisible ao que Xaime Toxo ponlle palabra para plantexar toda unha cartografía do humano a través dun mollo de relatos que pescuda alí onde se nos fai inaccesible, onde os nosos comportamentos, fracasados como especie, propoñen o noso naufraxio nun mar bruado polo vento da inseguridade.
Os textos deste ‘Protexer o invisible’ ábrensenos alicerzados sobre dous fortes piares. O primeiro deles, o que plantexa o relato inicial, o relato do mar. Como non, dende o mar e polo mar, é dende onde Xaime Toxo (Bueu, 1955) plantexa todos eses instantes de vida que se van sucedendo nos seguintes relatos. Pero aquí, a carón do axóuxere do mar, está todo: Compostela, Bueu, as sereas da imaxinación do escritor, o cachalote branco do medo constante, e tamén a memoria e a infancia. O segundo piar é o que pecha o libro, un relato, o máis longo do conxunto, que se entende case como unha ‘nouvelle’. Un texto de fuxida, de viaxe, é dicir, de literatura. Metáfora nun libro de metáforas. Entre ambos, sitúanse pequenos textos, de moi poucas páxinas pero nas que se condensa a capacidade do escritor para transmitir esas sensacións do desasosego, do que se escapa da nosa control e co que hai que loitar para tentar recuperar o timón, abraiando por cómo, en tan breves textos, pódense enxerir tantos aspectos da existencia.
Un tras outro o autor xera unha atmosfera que te enlea dentro da súa propia vértixe, e que se prolonga sobre todo o libro. Así ímonos asomando, un tras outro, á sensación do abismo, a un punto límite que baliza a nosa vida para poñernos, sinxelamente, ante nós mesmos, cando tantas veces fuximos dese espello, lendo estes relatos o espello vólvese cara a nós, obrigándonos a manter enfite esa mirada.
Falo do abismo do diario, non o abismo co que a literatura do fachendoso pretende teorizar tantas veces, senón dese outro abismo de ‘proximidade’ para o ser humano e coa aventura que supón afrontar cada día. Un abismo que se converte en baleiro, estando as máis das veces non tan lonxe, simpremente ao outro lado da cama. Este aspecto do próximo confírelle ás historias a sensación do real, case do palpable, do que se move entre nós e que vemos cada xornada. O relato pégase a nós, e o facemos noso, demostrando, deste xeito, Xaime Toxo o seu permanente compromiso coa persoa e con moitas das derivas ás que non condeou esta sociedade que habitamos.
Ao longo dos textos tamén danse cita os afectos e as esperanzas, os fracasos e as fraxilidades, os medos e as dúbidas...así como os seus contrarios. Un enfrontamento permanente para tentar establecer aquilo que se nos amosa tantas veces como incomprensible, para o que Xaime Toxo dá cabida tamén a aspectos  fundamentais nas nosas vidas como o papel que xoga o azar ou mesmo o misterio, e que amosan a querencia do autor por certos autores como Cortázar, Borges, Kafka, Conrad ou Bradbury.
E todo iso a través dunha linguaxe ampla de léxico que, lonxe de xerar confusión ao lector, espalla o horizonte do relato e as súas pretensións. Ese horizonte o que procura é atopar as certezas que solventen as dúbidas, esculcar alí onde as sombras abrollan no espazo da inquedanza. Alí somos febles e sentímonos nun océano de inseguridades, de ondas que nos volven pequenos. «O mar é unha certeza de abismo no rumbo da balea», este haiku mariño danos a benvida ante a travesía polas existencias de tantos personaxes como nos imos atopando, cada un cunha situación que converte cada relato nun compás da navegación.
Con ser boa a nova deste mollo de relatos tamén o é que sexa o primeiro título dunha nova editorial xurdida da ilusión e a esperanza, de nome Ancoradouro. En tempos de peches e escuridades esta apertura, esta raiola de luz, proxéctase sobre o océano para alumear sobre o lombo da balea, o lombo da literatura que nunca deixará de saír dos abismos para deixar constancia da súa forza inagotable.




Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo 23/10/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario