martes, 4 de octubre de 2016

Caendo no pozo dos soños

Rue Saint-Antoine nº 170
Fotografía. A fotografía de Rafaela Gómez-Casero ocupa a sala de exposicións do Patronato de Turismo Rías Baixas no Pazo das Mendoza para achegarnos unha inspiradora mirada á realidade do artista, pero tamén a un mundo onírico no que o paso do tempo e as sensacións sobre a muller son quen de xerar un engaiolante discurso artístico.

Ficción e realidade plantexan un fermoso xogo ao longo das dúas series que compoñen esta exposición coa que descubrimos o traballo de Rafaela Gómez-Casero. Dende esa mirada é dende a que temos que falar, a da descuberta a de atoparnos unha nova firma que amosa con seu traballo unha inquedanza máis do artista. E cando falo do artista non me refiro en concreto á propia autora destas imaxes, senón á reflexión que se fai ao longo da exposición sobre o concepto de artista, as súas dúbidas fronte ao espello da creación, ante o que un pode verse máis ou menos reflectido, pero sempre temeroso ante o que pode producir; pero tamén dúbidas que xorden desa inspiración que pode ser esquiva co creador.
«Ela despertou por fin do longo sono e viu a realidade», así comeza un texto que un pode ler ao mesmo tempo que percorre a exposición, unha memoria íntima da artista na que se agocha tralo pano das palabras o que nas imaxes se pon ante nós. Palabras que falan de soños, de esquecementos, de beleza, de muller, de tempo ou de viaxe. Palabras todas elas que van conformando o itinerario, o camiño a seguir nun proceso artístico que ten moito dunha Alicia no país das marabillas, dunha creadora que se atreve a cruzar ese burato que a transporte a outra dimensión, unha caída polo pozo dos soños para tentar mergullarse neles e coñecerse a un mesmo.
Baixo o comisariado de Francisco Porto as fotografías xogan nos camiños da ficción e a realidade, deconstruíndo ambos territorios e compoñendo un novo itinerario que se volve cheo de forza fronte ao espectador en gran medida pola cantidade de suxestións que é quen de conter nas súas pezas Rafaela Gómez- Casero. Eses ambientes despoxados da súa pel polo tempo, fráxiles e a piques de ser esnaquizados retoman a vida durante uns instantes, a presenza da artista convocándose a si mesma, nunha sorte de expiación persoal, ten moito de conquista dese espazo da mente ao que tan só a arte pode descender e aínda máis chegar a representar. Todas estas imaxes de habitacións solitarias, deshabitadas, nas que tan só quedan pegadas do ser humano e as que o tempo vai depositando nas súas paredes propoñen un diálogo do artista con si mesmo, cun espazo íntimo que se converte nun mundo paralelo cheo de imaxes coas que convocar a creación, coas que seguir enchendo o relato de miradas que escenifiquen o sentido, e tamén ese texto que imos lendo a medida que nos atopamos coas fotografías.
La Doncella y la voz errante’ é como se titula de xeito xenérico este traballo co que a artista nos amosa as súas experiencias a través do obxectivo outorgándolle a estas pezas unha singular potencia visual que nos obriga a revisalas unha e outra vez. Como nun conto, cada unha destas fotografías é unha fiestra que nos pode levar a diferentes estadíos, a suxerentes terreos dende os que podemos ollar a realidade pese ás moitas dúbidas que trascenden dunhas fotografías escrupulosamente tratadas.
«Ao chegar ao máis alto xa non era a mesma muller», continúa a contar ese texto. A medida que a viaxe avanza o sentido, o vivido, vai mudando a personalidade da creadora e as súas percepcións da realidade a través da cámara tórnanse diferentes, as dúbidas e os temores vanse superando, xa non costa tanto asomarse ao espello, tentar explicar o que acontece dentro dun a través da expresión artística.
O equilibrio, o desasosego, a perda ou a ausencia vanse convocando en diferentes espazos para logo irse afastando da presenza da artista, da muller que unha vez que se coñeceu e recoñeceu é quen de continuar esa viaxe cunha equipaxe máis lixeira sen moitas máis pretensións que a de acadar o seu espazo de liberdade, ese que xorde cando se impón a confianza no traballo dun mesmo sabedor de que ese é un termo irrenunciable, e que o fracaso procede precisamente desa dúbida ante o que un pode facer.
Fotos de espazos, pero tamén fotografías de corpos, de mulleres que se moven en espazos sen referencias e nos que ese corpo móvese nunha especie de danza con si mesmo. Un movemento que se fosiliza, do que só queda o xesto, pero tamén a captación dese momento de tránsito ao que nos referiamonos antes como de cruzar a porta cara unha nova dimensión. Eses fondos negros son un abismo ante o que tentar non caer, no que se asoman todos eses medos, pero sobre todo no que a artista se debe impoñer para facer das súas fotografías o discurso artístico preciso para acougar a desconfianza. Para iso non é preciso habitar os palacios ou rodearse de luxos, o esquecemento e a decadencia, reflectidos na maior parte das imaxes poden ser un espazo de traballo que ofreza todas esas necesidades da artista que por fin poderá nese espello amosar aquilo que a súa arte precisa facer.
Todo será moito máis claro, todo respostará a unha nova visión do que nos rodea. A soedade xa é confianza e tempo para gozar co feito. Rematou a viaxe. «Xamais volverei a abandoarte». Os saltos do irreal ao real xa chegaron ao seu fin co resultado que amosan cada unha das fotografías de Rafael Gómez-Casero nas que vemos non só ese tránsito senón tamén a unha artista que se mira a un espello, que se mira a si mesma.


Publicado no Diario de Pontevedra 3/10/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario