martes, 6 de septiembre de 2016

Castelao, corazón pontevedrés

Rue Saint-Antoine nº 170
A exposición ‘Meu Pontevedra’ que se pode ver no Museo de Pontevedra ata o vindeiro domingo permite facer un percorrido pola pegada na cidade de Pontevedra da figura poliédrica de Castelao. Un rastro infinito a través de obras de arte, ilustracións, fotografías, iniciativas culturais e vencellos con institucións que perfilan ao xenio e ao home.
Autocaricatura de Castelao (David Freire)

«Eu vivín longos anos de ledicia en Pontevedra, aferrado á fermosura dos seus arredores, coma quen non pode desprenderse dos brazos mornos dunha noiva. Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida...» Con estas palabras que nos reciben á entrada da exposición ‘Meu Pontevedra. 1916-1936’ no Museo de Pontevedra, un dáse de conta plenamente da importancia desta cidade no devir vital daquel home nado en Rianxo que chegou a Pontevedra en 1916 e que non se foi dela ata 1936, obrigado por unha historia que amosou o peor de si mesma, como é a loita fratricida entre irmáns, a represión e o exilio de moitos que non facían más que vivir e sentir o que acontecía ao seu arredor. 
Esas palabras de Castelao ábrennos as fiestras a unha relación cidade-home que ficou inalterábel ata o fin da súa vida, ata que en Bos Aires finou, abofé que lembrando aqueles anos felices xunto á súa muller Virxinia, pintando e escribindo no seu estudo, falando cos seus amigos Karepas, promovendo a revista Nós, dirixindo a Coral Polifónica e ata facendo de actor nunha película. En definitiva, formando parte dunha comunidade que nos anos vinte do pasado século amosou un dinamismo vital e cultural abraiante para unha pequena vila, pero que sen dúbida serviu de inspiración e motivación para todas as tarefas que Castelao acometeu, que non foron poucas, e todas elas levadas cunha efervescencia que non deixa de sorprender pola súa cantidade e trascendencia para Galicia.
Castelao chega a Pontevedra en 1916 para facerse cargo dunha praza no Instituto Nacional de Estatística, non tardará en integrarse na vida social da cidade, como tampouco tardará en amosar o seu talento artístico e o seu manexo da caricatura inmortalizando a moitos pontevedreses do seu tempo en retratos nos que con moi pouco dise moito do retratado. Percorrer as facianas expostas de Manuel Quiroga, Antonio Medal ou Pintos Fonseca é entender moito de todos eles. Entre 1916 e 1928 Castelao establecerase nunha vivenda na praza do Concello para, dende 1928 ata a súa marcha en xullo de 1936, instalarse no número catro da rúa da Oliva, onde tiña a súa consulta o doctor José Barros Sanroman, pai do que sería cirurxián de prestixio mundial, o doutor José Luis Barros Malvar. Unha fermosa fotografía na exposición na que Castelao aparece acompañado de nomes tan relevantes da nosa cultura como Arturo Cuadrado, Luis Seoane e Xosé Eiroa ábrenos a porta desa vivenda cuxo estudo reconstrúese na exposición a partir das anotacións atopadas no Expediente de Responsabilidades Políticas no que se facía un listado de materiais dos que foron perseguidos. Dende ese listado amósanse aqueles materiais conservados nos fondos do Museo de Pontevedra para xerar un espazo o máis fiel posíbel ao que era o lugar no que Castelao facía abrollar o seu talento. Por esa porta saía Castelao todos os días ás rúas de Pontevedra, a percorrer os seus cafés, o Méndez Núñez, no que xunto con Risco, Cabanillas e Losada Diéguez artellaron a Revista Nós, cerna da súa opción política dende a arte como xeito de concienciación e de reflexión para unha terra e os seus habitantes; alí tamén debuxou núa á pianista Fischer de xira por Pontevedra. O Café Moderno ou o Café Royalty para o que fixo ese cadro espectacular ‘A tentación de Colombina’ (1917) que formou parte da súa decoración, tamén para o Liceo Casino ilustrou diferentes tarxetas de celebracións, o que amosaba a intensa implicación de Castelao con institucións ou realidades de Pontevedra, algo que non deixou de facer dende a súa chegada á cidade e que xa se reflicte coa súa participación no primeiro filme galego ‘Miss Ledya’, (1916) na que Castelao ten varias aparicións.
As rúas e prazas de Pontevedra comezarán a ser para Castelao tamén os referentes nos que centrar as súas obras, os soportais así como diferentes escenarios naturais da contorna, como a Ría de Pontevedra coa illa de Tambo, convertiranse en constantes en moitas das súas obras, tanto pictóricas, como ilustracións, repetíndose como escenarios para as súas composicións.
A súa estadía en Pontevedra serviralle tamén de marco para xerar imaxinarios fascinantes vencellados á Revista Nós ou á Coral Polifónica, entidade da que sería presidente entre 1929 e 1932, e como non na creación dese Álbum Nós que marabilla cada vez que un se asoma a el, e máis aínda nesta ocasión coa milagrosa aparición do orixinal que acada novas dimensións da obra dende o plástico, porque o que xa era evidente era que ese álbum era o arrinque do compromiso político artístico do home que albiscou a necesidade de facer da arte un berro ante a situación de Galicia.
Toda esa modernidade que descubrimos no feito por Castelao ata o de agora, cunha liña e cun traballo dunha fonda actualidade fronte ós tipismos artísticos que abondaban nese momento, incrementaríase coa viaxe que fai en 1921 por Francia, Alemaña e Bélxica, o que lle permite enfrontarse directamente a modelos pictóricos tradicionais como os xermanos ou flamencos, pero tamén aos novos istmos artísticos que xurdiron na Europa de entreguerras co súa volta á orde, e a recuperación da figuración, pero dende postulados expresionistas. Así as cousas, Castelao retorna a Pontevedra e o seu universo plástico engrandécese. Que marabillosas as súas pequeniñas estampas dun café de París expostas na mostra!, tamén esa viaxe reflíctese no seu interese polo patrimonio etnográfico xa que a súa clasificación das cruces de pedra na Bretaña terá un epígono nas cruces de Galicia, ou na descuberta da técnica de gravado do linóleo que será moi importante en Pontevedra coa creación da Escola Linoleísta de Pontevedra que xurdirá da man do propio artista. Tamén Castelao será unha figura clave á hora de premiar aos artistas que serían becados pola Deputación de Pontevedra dándolle un empurrón definitivo a esa nova xeración de artistas, ‘Os renovadores’, que tras a súa escolla partirían a diferentes destinos para ver, como viu Castelao, o que acontecía en Europa.
Incansábel Castelao segue estando detrás de iniciativas esenciais para o futuro da cidade e será coa súa participación na posta en marcha do Museo de Pontevedra, formando parte do primeiro Padroado, co que Castelao puña en marcha o gran proxecto cultural da cidade naquel tempo e no que o propio tempo quixo que se garde  a maior parte do seu legado. Ese que agora se amosa de xeito inmenso nunha exposición para ver unha e mil veces e que remata na súa opción política, aquela que dende a súa escolla como deputado en Cortes en 1931 converteuse no seu gran motor vital, o que puxo en marcha en Pontevedra onde só houbo un intre de mágoa, a perda do seu pequeno Pachiño en 1928, un laio entre un corazón pontevedrés, un corazón, que, como reflectiu Bagaría, chorou moitas veces por todos nós.




Publicado no Diario de Pontevedra 5/09/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada