domingo, 3 de julio de 2016

Unha cidade de novela

Mozas comendo xeados en Pontevedra
 (Rafa Vázquez. Arquivo Gráfico Museo de Pontevedra

As cidades tamén se poden pechar nun libro. Pontevedra non tivo excesivo éxito como marco dunha novela, como parte esencial dun relato literario ao que sacarlle o partido que todo escenario pode ofrecer. Se deixamos a un lado a enorme ‘La saga/fuga de J.B.’, non é sinxelo lembrar un texto de ficción no que a singularidade de Pontevedra se encerre entre as súas páxinas.
Algo que é dificil de entender, cando ao longo da historia esta cidade tivo momentos históricos e unha acumulación de personaxes que a converten nun ámbito idóneo para moitos tipos de relatos. Pero as veces acontece que as esperas son boas cando o que nos atopamos ao final dese tempo baleiro acada unha excelencia que te fai esquecer o tempo perdido, e algo diso sucede ao ler a última novela de Xosé Monteagudo, ‘Todo canto fomos’. Unha desas novelas de longo alento, un texto de fondo percorrido no que conflúen unha serie de historias persoais que emerxen da historia de Pontevedra, das historias das súas xentes, pero tamén das súas rúas e prazas e deses espazos públicos, como os cafés, nos que se desenvolve, non a gran historia, pero si o relato íntimo dunha sociedade a través dos contactos humanos, dos amores, das traizóns, das penas, das risas, dos soños ou das esperanzas.
Como gran novela o texto mergúllase en diferentes tempos e xeografías, salta o Atlántico para falar da emigración e deténse, antes de afrontar as décadas seguintes, neses fascinantes anos vinte de Pontevedra esnaquizados co levantamento militar que deu lugar á Guerra Civil e á represión, moi dura nesta terra e na que o libro detense nunha das súas partes para conferirlle á literatura unha faciana de homenaxe, pero sobre todo de memoria, dunha necesaria memoria que nunca convén esquecer. O certo é que se algún elemento suxeita o conxunto da novela é a memoria, a lembranza motivada a partir dun argumento que arrinca ao atopar un escritor, entre o legado da súa nai finada, unha serie de escritos que explican os feitos que rodearon a súa vida. Desenvolver ese nobelo é a obriga dese fillo que deixa as súas exitosas novelas de detectives para facer a novela que quizais nunca se atreveu a facer, a novela que lle debe a súa nai, a novela que se debe a si mesmo. Ese itinerario creativo conflúe na propia cerna da novela como xénero, cuestión que tamén axita Xosé Monteagudo para alentar unha reflexión sobre o que pode constituírse como unha novela e como se vai conformando dende unha escolma de relatos que se fían por ese fío invisíbel que as veces pega as vidas da xente. Algo tamén plantexado de xeito recente por outros escritores, como Xabier López ou Xesús Constela, ao artellar un relato global a partir de diferentes historias aparentemente afastadas entre si.
‘Todos canto fomos’ é un itinerario por esa articulación da novela, cunha estructura que amosa un longo traballo de hibridación dos seus relatos que se espallan, non só nas súas palabras, senón tamén nas localizacións: Mogor, Sanxenxo, O Grove... amosando unha fonda documentación sobre sectores laborais, como a pesca ou as peles, nos que se amosa a capacidade descriptiva do autor sobre estas materias. Pero nestas cincocentas páxinas hai moito máis. Xosé Monteagudo reivindica a necesidade e ata o amor por  elementos como a lectura, que importante son as librarías no relato! ou o valor da educación, e a educación en igualdade home/muller, en tempos nos que non era nada sinxelo, facendo deles folgos para o desenvolvemento humano, ou simplemente para acadar unha paz interior en loita cos acontecementos. Toda unha vida que bule en Pontevedra arredor de nomes como os de Castelao, Alexandro Bóveda ou Losada Diéguez; de fitos como as Irmandades da Fala ou o Partido Galeguista; de situacións vividas no Café Méndez Núñez, no Recreo de Artesanos, polos Karepas ou no Baile do Casino e, como non, no Diario de Pontevedra, pulos esenciais da paisaxe local.
Xosé Monteagudo sérvese de Pontevedra para xerar unha atmosfera, pero tamén nos agasalla aos pontevedreses cunha novela espectacular, artellada arredor da nosa cidade como elemento nutricio e esencial nas vidas dos seus protagonistas que, como pezas dun crebacabezas, acadan unha novela inesquecíbel. Unha novela que merece esta cidade e unha cidade que merece esta novela.



Pechado nun libro I. Publicado no Diario de Pontevedra 2/07/2016


No hay comentarios:

Publicar un comentario