martes, 21 de junio de 2016

Aquelas luces, estas sombras


Todavían semellan refulxir as luces da inauguración do hoxe Auditorio Afundación, antes Centro Social, na nosa cidade. Unha conquista de Pontevedra feita a través da súa entidade bancaria máis querida. O fío perfecto entre anos de aforros e a xente que se enchía de orgullo dun icono urbanístico que, grazas a César Portela, acadou a excelencia arquitectónica. Pero tamén polo seu uso como gran dinamizador cultural dunha cidade sempre vencellada á cultura. O seu espectacular auditorio, a gran sala de exposicións... todo facía que nos lambésemos ante o que se erixía ante nós e, sobre todo, ante o que estaba por chegar. Pero todo foise esvaecendo coma nun soño. A boa actividade do principio foi diminuíndo de xeito alarmante, e o que eran unhas instalacións feitas precisamente para alentar os soños, caeron nun sono de sombras e aburrimento.
Sen apenas programación e coa sala de exposicións pechada, soamente a visión dese gran edificio consólanos ante os soños esnaquizados. Nin Pontevedra, nin a inversión feita nese gran contedor cultural, poden permitirse o luxo dese baleiro tan inmenso, dese desacougo do que podía ser e do que finalmente é. A historia da Caixa de Aforros de Pontevedra é moito tamén da historia dos apoios á cultura, do emprendemento á hora de afrontar proxectos arredor dos nosos artistas e de colaborar con outras institucións para seguir renovando esa tradición cultural.
Cunha Obra Social sen unha liña de actuación definida e, sobre todo, afastada da cidadanía, polo menos en Pontevedra, sen grandes exposicións e simplemente remexendo nos seus fondos para cumprir o expediente, e ante a efeméride dos dez anos da apertura do seu gran Centro Social, é un bo momento para pensar cara onde ir e se a aposta pola cultura é efectiva ou simplemente unha especie de obriga bancaria afastada das ilusións necesarias para que este tipo de proxectos xeneren futuro. Dez anos despois as sombras gañáronlle ás luces. 

Publicado no Diario de Pontevedra 21/06/2016
Fotografía. Gonzalo García

No hay comentarios:

Publicar un comentario