viernes, 18 de marzo de 2016

Pura maxia!


Xa se comeza a sentir un formigueiro polas pernas, un bulir na cabeza e ata erupcións na pel, o que, vendo o programa do Salón do Libro, xa é unha dúbida máis que razoábel por se todo iso se debe á emoción polo pouco tempo que queda para que arrinque un dos eventos máis senlleiros do ano ou pola multitude de bichos cos que teremos que convivir ao longo do tempo que permanecerá aberto o Salón e que xa semellan estar a carón de nós. 
Terá que ter moito coidado o bo de Orbil de a quen se achega eses días ou a onde se arrima, xa que o Salón, ese marabilloso espazo cheo de soños feitos realidade, vai estar infestado de bichos, de seres moitas veces desprezados e que non dubidamos en esmagar cheos de fachenda sen saber da súa necesidade, dunha función nun ecosistema no que todos somos necesarios e que todos xuntos compoñemos de xeito solidario. Se os cativos xa son quen de pensar un tempo nesta situación, o Salón xa cumprirá un dos seus obxectivos, o específico deste ano, e que servirá para sumar ao fin permanente do fomento da lectura, de artellar un corpo de lectores forte e de futuro ou de alentar o maxín dos nenos, en definitiva, de compoñer un espazo de lecer alicerzado na cultura. Pura maxia!
Este ano, ademais, contamos cunha invitada de excepción, unha rapaza chamada Extravaganzza Pérez. Que non a coñecen? pois no Salón van coincidir moito con ela xa que é a protagonista dun libro publicado polo propio Salón e escrito pola engaiolante Ledicia Costas, o primeiro dunha colección que avanza nas propostas desta iniciativa cultural xurdida fai dezasete anos e que converte a Pontevedra na primavera literaria de Galicia. Unha primavera de raiolas cada vez máis quentes, de flores que espertan e de bichos, moitos bichos, xa que, ademais dos xa tradicionais no Salón do Libro, con dúas perniñas, baixiños, morenos ou loiros e bulidores, engádeselle  unha fauna moi inspiradora.


Publicado no Diario de Pontevedra 18/03/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario