sábado, 20 de febrero de 2016

Bravo!


Poucos orgullos pode ter unha cidade máis grandes que o de poder dicir que ten unha orquestra filharmónica que leve o seu nome, que a represente alí onde vaia, pero sobre todo, que sexa quen de ofrecerlle a súa cidade todo o seu talento musical.
E se falamos de talento diso hai dabondo na Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra que comezou un ciclo de concertos o pasado mércores no Teatro Principal e que terá continuidade en sucesivos concertos mensuais ata o mes de maio. Se algo distingue ás cidades do centro de Europa, aquelas que loitan pola cultura como un elemento distintivo na súa contorna, é o de ter unha filharmónica que faga honor a unha longa tradición musical de compositores, concertos e implicación co tecido cidadán. En Pontevedra, sen esa tradición tan ampla, si que temos dende fai moitos anos un excelente Conservatorio que nutre a moitas agrupacións, pero quizais o que falta nestes momentos, e onde deberían centrarse máis esforzos, sexa en aproximar máis eses talentos á cidadanía co fomento dunha serie de actividades que fagan cos sons dos violíns, os baixos, os metais e demais instrumentos cheguen á rúa e mobilicen un tecido de potenciais asistentes a concertos tan inesquecíbeis como o do pasado mércores.
Un programa de luxo que baixo o título de ‘De Austria a América’ compoñíase, na súa primeira parte, por varios movementos das catro óperas cómicas de Mozart nas que participou coa súa voz o barítono portugués Job Tomé; e a segunda, íntegramente adicada a unha das sinfonías máis marabillosas da historia da música, a Novena Sinfonía de Antonín Dvorak, coñecida como sinfonía ‘Do Novo mundo’.
A abertura de Cosi fan tutte xa amosou a perfecta precisión de todos os instrumentos que foron quecendo ata esa explosión sinfónica que nos afundiu a todos nos asentos ante un son marabilloso. Cada un dos seus catro movementos, e o bis final, trala petición do público, amosaron o dominio na execución de tódolos intérpretes baixo a batuta do seu director, Javier Viceiro Figueira. Xente maioritariamente moi nova e extraordinariamente preparada (moitos deles no Conservatorio de Pontevedra) para retos como os que supoñen este tipo de concertos e que nos levaron por ese axitado in crescendo do primeiro movemento, o cadencioso e fermoso segundo, o vibrante terceiro e o ardente cuarto. Cando este derradeiro movemento arrincou o arrepío que se sentíu na sala foi a mellor mostra da importancia de contar con este tipo de agrupacións capaces de que sintas a través da música, de ter experiencias reconfortantes e que te reconcilian co ser humano a través da súa capacidade para xerar beleza. É espectacular ver como desa escuridade en que se converteu o escenario emerxía unha luminosidade da que só a música pode dar conta. Un embruxo que facía que non puideras apartar a mirada duns xenios que, cos seus instrumentos, formaban unha única e admirábel esencia.
Quen isto escribe, aínda que gusta da música clásica, non é un profundo entendido na materia, pero do que si entiende, como moitas persoas que nunca se decidiron a achegarse a un concerto de música clásica, é de emocións, de recibir unha serie de impactos que te seducen, o mesmo que ante unha boa película, unha pintura que te abraia, unha obra de teatro que te conmove ou un texto literario que te engaiola. E aquí houbo moitas emocións. Vostedes teñen ocasión de sentilas tamén, recoméndolles a vindeira cita que será o mércores 16 de marzo baixo o título de ‘Noite rusa’, na que os compositores rusos serán os proragonistas. Fáganme caso, vaian, gocen dun talento acubillado ás beiras do Lérez e ao remate berren ben alto: Bravo!
Pontevedra estase a facer tamén a base de músicas. A elas adícanse moitos esforzos para sacar á luz o inmenso potencial dos nosos artistas. Músicas diferentes, cheas de atractivos para un público moi distinto pero que sabe que na música agóchase un acougo necesario para a alma. Nunha soa semana tivemos unha dobre dose deste acougo terapéutico, a primeira o pasado sábado na exitosa, e con moitas posibilidades aínda, Sétima Feira, cun pequeno concerto dos fascinantes Australia no Mercado de Abastos e a outra o mércores, cunha orquestra da que nos temos que sentir ben orgullosos.



Publicado no Diario de Pontevedra 20/02/2016
Fotografía. Rafa Fariña



No hay comentarios:

Publicar un comentario