lunes, 11 de enero de 2016

Virxilio Vieitez: retrato dun tempo

O Museo de Pontevedra, institución que garda entre os seus fondos unha das coleccións fotográficas máis importantes da comunidade galega, acolle ata o 7 de febreiro unha mostra de 150 fotografías de Virxilio Vieitez como parte do seu labor na difusión dos testemuños históricos, culturais e artísticos da súa contorna



Poucas percepcións tan atinadas da realidade dun tempo concreto como ante as que nos convoca a cámara de Virxilo Vieitez (Forcarei, 1930- 2008). Todo un retrato dunha época, a través do territorio e dos seus ocupantes, a xente de Terra de Montes á que o fotógrafo adicou toda a súa vida para convertelos en testemuñas do seu tempo, tornando a toda esa xente descoñecida e anónima en protagonistas dunha representación que xa se transformou en atemporal. O rexistro dun tempo.
Atopámonos ante un claro exemplo da fotografía como documento que muda do social ao artístico, mercede a un xeito de retratar único, cheo de vigor, ante o que non deixaría de ser un feito cotiá, como unha simple fotografía para o arquivo familiar, pero a singularidade de Virxilio Vieitez e a súa habilidade por encadrar ou pola captación da esencia de cada un dos seus fotografados, permite outorgarlle esa trascendencia ao seu traballo. Acádase así o que se podería definir como unha viaxe do álbum familiar á parede do centro. Percorrer todo o espazo expositivo da súa planta baixa que o Museo de Pontevedra lle concedeu a esta importante mostra, é facer un itinerario por aquela vila do rural pontevedrés, unha coma tantas outras, na que os seus veciños desenvolven a súa vida entre a cotidianeidade do día a día e o feito que supón algún tipo de celebración, como único motivo de rachar esa rutina. O traballo diario, a visita a perruquería, os enterros, a visita ao bar, a presenza na rúa... todo iso mestúrase coa celebración: o día de voda, a estrea dun novo vestido, a presenza dun vehículo lustroso no pobo... Así ían sucedéndose os días e pasando as vidas que precisaban, para acadar o seu valor diferencial, a inmortalización do fotógrafo, a fotografía como o paradigma dunha presunta fama, a conxelación dun intre a conservar dentro do seno familiar para transmitirse ás xeracións futuras.
Nunhas das salas atopámonos toda unha galería de rostros nos que Virxilio Vieitez amó- sase coma un fotógrafo xenial, consciente de que detrás do ‘disparo’ da súa cámara agóchase unha esculca psicolóxica do representado, unha maneira de mirar que a fotografía contemporánea empregou como discurso e como concepto, aí temos o caso salientable de Pierre Gonnord, pero que xa albiscamos no traballo do de Forcarei moitas décadas antes. Retratos empregados para formar parte do documento nacional de identidade, que comezaba a empregarse naquelas décadas centrais do século pasado, de aí que houbera que fotografar tantos primeiros planos; pero tamén, da man doutro tipo de retratos de conxunto, familiares, para diferentes documentacións e, como non, para envialos alén do Atlántico, a unha emigración que respiraba, en moitos casos, galeguidade e morriña a través das imaxes que os familiares lles facían chegar dende os seus lugares de orixe.
Forcarei, Soutelo de Montes, Cerdedo... a Terra de Montes, en definitiva, convértese no pano de fondo dunhas imaxes que documentan toda unha mirada a unha sociedade e os seus costumes. Nelas respírase un tempo de atraso, todavía mergullado nas miserias xurdidas da Guerra Civil, pero tamén unha inocencia que lles outorgaba un sentido de sosego, felicidade e asunción da vida que lles tocou vivir. Os obxectos, as indumentarias, os peiteados ou as propias rúas son o mellor retrato dun tempo no que Virxilio Vieitez desenvolveu o seu labor, conformando un indispensábel patrimonio documental que a Fundación Telefónica, dentro do seu programa de recuperación de arquivos fotográficos —Marín ou Arissa son nomes doutros fotógrafos revisados dende esa fundación—, puxo en valor para que agora nos podamos asomar a el e descubrir o retrato dun tempo da man de Virxilio Vieitez.
Tan importante é o feito, como que ese material chegue ata nós. O empeño da súa filla Keta Vieitez sorteou o incerto devir de tantos arquivos fotográficos que moitas veces esmoreceron entre o esquecemento e a ausencia dunha conciencia do que supuña ese material. Keta tiña moi claro o que manexaba, sabía do maxín do seu pai e así acadou o apoio da Fundación Telefónica ante unha empresa ciclópea, como foi revisar ese inxente material de décadas e décadas de rolos de películas nun tesouro patrimonial dunha enorme importancia para o noso coñecemento cultural e antropolóxico. Os datos que se manexan ante a exposición deixan constancia da súa magnitude: revisáronse case trinta anos de fotografías, manexáronse máis de 50.000 fotografías e recuperouse material inédito. E de todo iso agora amósanse 150 imáxenes que resumen toda unha vida en branco e negro, aínda que nos seus derradeiros anos de fotó- grafo Virxilio Vieitez tamén fixo imáxenes en cor, como queda constancia nun apuntamento final da mostra.
"Eu estudaba a papeleta e, cando apertaba o disparador, iso era o tiro seguro", con esa confianza movíase Virxilio Vieitez ante a súa obra, sabía perfectamente o que quería en cada unha das imaxes, e así llo transmitía aos seus clientes. A meirande parte das súas obras eran feitas por encarga, pero el adueñábase da fotografía, aproveitándose desas poses confiadas para artellar unha mirada reveladora do representado, que abofé nin el mesmo pensaba que podía chegar a verse retratado dunha maneira tan sincera.
Mirar a un tempo e a un espazo, eminentemente rural, é a escolla de Virxilio Vieitez, o que vén completar a mirada urbana doutros fotógrafos dun mesmo tempo, como pode ser a do pontevedrés Rafa Vázquez ao que o propio Museo de Pontevedra adicou unha exposición en 2011, tras unha recuperación de moito material descoñecido. Son, polo tanto, as dúas miradas a esta Galicia bipolar, de vilas e pobos, que conviviron coa fotografía nun tempo de escaseza de medios tecnolóxicos e que só a fotografía permitía captar esas presenzas. É curioso ver como ambos sempre se decantaban polo ser humano como eixo das súas fotografías, impoñéndose ao espazo e incluso a actos sociais, o realmente importante sempre é a esculca desas miradas, a conxelación dun espírito co tempo configurou como memoria de todos nós. Un poderoso rexistro humanizado daquilo que aconteceu antes de nós. A exposición, de xeito intelixente, ábrese a outras percepcións, completando a propia mostra cunha serie de actividades que ofrecerán novas achegas ao traballo de Virxilio Vieitez. Así, ao longo do mes de xaneiro, diferentes nomes —como os de Ramón Villares, Manuel Sendón, Suso de Toro ou Miguel Vidal— falarán da obra e do tempo de Virxilio Vieitez.
Ambas, obra e tempo, están presentes nesa chea de imaxes, reduto dun xeito de vida que xa pasou e no que ata o 7 de febreiro podemos mergullarnos. Moitos recordarán o imaxinario, moitas veces convertido en fabuloso, do mundo da aldea, os tempos nos que un como cativo adentrábase nunha realidade diferente da vivida acotío no medio urbano. Imaxes de roupas, facianas, obxectos, decoracións ou espazos que pemanecen acubillados no noso interior e que, agora, grazas á forza da mirada de Virxilio Vieitez, golpean o noso interior dun xeito case proustiano, sabedores, vendo o que vemos hoxe, que esa realidade, na que moitos dos nosos devanceiros medraron e viviron, xa é produto dun pasado a piques de clausurarse. Para que esa clausura nunca sexa definitiva é para o que serve o traballo de Virxilio Vieitez, o retrato dun tempo.




Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. 3/01/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada