miércoles, 6 de enero de 2016

Por alí resopra!

Cada certo tempo a historia do ataque dunha balea branca ao Essex, o feito que inspirou a escrita de ‘Moby Dick’, xorde das augas para volvernos a enfrontar a un relato cheo de épica e sentimento. Desta vez un filme e un libro pescudan nese relato mítico.


NANTUCKET era, a comezos do século XIX, a capital mundial da caza de baleas. Unha illa, poderosa economicamente, situada a vintecatro millas da costa do sur de Nova Inglaterra cunha gran actividade baseada na necesidade das novas cidades de alumear as súas rúas. A graxa das baleas, e especialmente a dos cachalotes, coñecida como espermaceti, era moi demandada pola súa calidade como combustible para manter acesos eses farois. Pero Nantucket tamén foi o porto do Essex, o barco que naufragou atacado por un cachalote de cor branca, un exemplar mítico que levou ao escritor Herman Melville a escribir un deses relatos lexendarios na historia da literatura. Unha das grandes novelas do século XIX tomou o nome de ‘Moby Dick’ para narrar a loita do home contra a natureza, a vinganza do ser humano, pero tamén o desafío establecido por un novo tempo e un novo mundo. Dende entón o Essex coñeceuse como o Pequod, debido ao éxito da novela de Melville, un éxito renovado cada certo tempo coas novas edicións da novela, moitas delas ilustradas, a estrea de películas, ou a publicación de estudos ou revistas arredor daqueles feitos.
Neste final de ano volvémenos a atopar con novas miradas arredor do que aconteceu co Essex, dende a literatura e o cinema. A publicación pola editorial Seix Barral da novela ‘En el corazón del mar’, escrita por Nathaniel Philbrick, e a súa recente estrea como película co mesmo título a cargo do prestixioso Ron Howard, ponnos ante o complemento perfecto para os que amamos o relato de Melville como un territorio de aventuras cheo de fascinantes capítulos e que tamén ten outro momento cume no cinema coa adaptación feita por John Houston en 1956 inesqueciblemente interpretada por Gregory Peck.
As revisión feita nestes últimos tempos aporta novas achegas respecto ao relato de Melville centrado na loita casi enfermiza do capitán Ahab para dar caza a ese animal que o deixara mutilado nun encontro anterior. O texto de Nathaniel Philbrick engade unha segunda novela, a historia dos sobreviventes do naufraxio, á deriva nas pequenas barcas necesarias para a caza dos cachalotes ao longo de moitos días nos que chegaron a acontecer actos de canibalismo para acadar a sobrevivencia. Este texto xorde directamente  das narracións escritas por dous sobreviventes, especialmente a do grumete,  Thomas Nickerson, perdida durante moitos anos, tantos, que só se soubo dela en 1960, e non chegou a ser publicada ata 1984, e tamén do primeiro oficial Owen Chase.
A novela ‘En el corazón del mar’ amósase como un extraordinario relato, no que o seu autor artella un texto entre o xornalístico e o puramente novelístico, no que se conta como era a vida desa cidade de Nantucket, os intereses económicos, pero tamén como era a navegación naqueles barcos, o avistamento das baleas ao berro de Por alí resopra!, as manobras para darlles caza, a relación cos familiares dos que se afastaban durante varios anos… en definitiva, que ademáis do puramente aventureiro hai moito tamén de comprensión dun tempo e dunhas persoas adicadas a unha actividade chea de dureza e sacrificios.
Este libro, gañador do prestixioso National Book Award, era unha ocasión que o director Ron Howard no podía deixar escapar. El, que dirixira outra epopea americana, como foi a viaxe do ‘Apolo XIII’ (1995), ou unha visión sobre o cas Watergate en ‘Frost/Nixon’ (2008), tiña enfronte a gran historia da navegación americana cun texto cheo de buratos polos que poder amosar un deses capítulos que alicerzan unha nación a través do espíritu de conquista e o risco do ser humano. A película é moi respectuosa co libro e arrinca coa chegada a Nantuteck de Herman Melville na procura dunha historia da que oiu falar. A historia dun cachalote que ataca aos barcos na defensa dos seus conxéneres, amosando unha intelixencia engadida a unha forza descomunal, pero o que se vai a atopar é un reto, o de ser quen de explorar os seus propios límites como escritor á hora de narrar unha historia. A historia do Essex.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 27/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario