miércoles, 23 de diciembre de 2015

Pixar/Disney. Equilibrio xenial


NO ANO 2006 Disney merca Pixar, a compañía creadora de éxitos como Toy Story, Monsters, Buscando a Nemo ou Os incríbles, ao darse conta de que os seus protagonistas comezaban a verse superados polos feitos polos creativos de Pixar. Esa compra, entendida xa como un gran negocio, fixo temer a moitos que Pixar perdería parte da súa identidade, dun cine que revolucionou a animación grazas á aplicación dunha nova tecnoloxía pero tamén a unha serie de guións capaces de afondar no ser humano a través dunhas historias pensadas xa non só para rapaces.
Ben lonxe desa presunción Pixar soubo perfectamente controlar a dose de azucre con que gosta adornar os seus produtos Disney e, cun maior respaldo económico, xurdiron obras mestras como Cars, Ratatouille ou Up, xunto a outras películas tamén magníficas. Ese equilibrio entre os dous mundos, o de Pixar e o de Disney, funciona coma unha perfecta balanza na que calibrar ambos compoñentes e poñelos a disposición do cine, do cine con maiúsculas que é como se debe entender estas produccións, aínda que sexan de animación, semellando que sempre teñen que demostrar algo máis que o outro cine. Hoxe en día a animación permite facer algo moi semellante ao cine feito por actores reais, a súas historias, o seu desenvolvemento, a súa posta en común coa realidade, permítenos achegarnos ao que nos sucede hoxe en día, tamén a través deste cine de animación .
Bo exemplo diso é a última das súas estreas, ‘A viaxe de Arlo’ que durante estes días pódese ver nas nosas pantallas. Un filme cheo deses elementos que equilibran un produto para acadar a dose necesaria de éxito. A historia dun pequeno dinosauro medoso e con moitos complexos ao lombo e que se verá envolto nunha viaxe iniciática e chea de peripecias, permítenos ver o ben que se sabe adaptar  a productora a esa dinámica. Ese dinosauro posúe as características do ser humano que medra cheo de temores e de incomprensións e que se atopará no devir duha viaxe de aprendizaxe acompañado dun neno que ten o comportamento dun animal. Unha mutación que permite mudar os papeis e ofrecer un curioso contraste que achega unha nova visión a este tipo de narracións nas que o camiño conxunto vai establecendo todo ese proceso dende o que poder medrar e enfrontarse ao mundo adulto.
Non é novo ese emprego da viaxe como espazo de crecemento interior, e é algo que xorde da gran narrativa, tamén dos primeiros tempos. Qué é a Odisea senón o relato dunha viaxe ou Moby Dick?, colocar ao ser humano en situacións límites para tentar rescatar do seu interior aquilo que lle vai facer evolucionar. Tamén Disney o plantexou co Rei León  e máis tarde xa con Pixar en Up.
Pero no filme asoman outros ingredientes que seguen a facer medrar o cine de animación e así durante uns minutos o filme convértese nun western, que lle outorga un carácter épico ao argumento. Albíscase o Monument Valley fordiano, e atopámonos con escenas e planos moi do estilo do western clásico de Howard Hawks ou o máis recente de Kevin Costner. É a necesidade do desafío ante a natureza, o medirse con forzas moi superiores a un e que, dende a súa domesticación, serven para alicerzar un novo espírito. E despois, por suposto, a emoción, a bágoa que comeza a saír cando se resolve o argumento, cando entendemos que a viaxe, como tantas na vida, non foi un territorio ermo.
Cando por unha pantalla asoma Luxo Jr., esa lámpada que é a mascota de Pixar, preparámonos para asistir a unha aventura do mellor cine que se pode ver hoxe. Historias que teñen a animación case como unha disculpa para explorar as condutas do ser humano, ao fin e ao cabo, ao que sempre se debe calquera manifestación artística, e o que fai Pixar, e o que nos chega a transmitir e arte de primeira categoría froito dun equilibrio xenial.





Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 20/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario