viernes, 18 de diciembre de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto VII

Obtusos
Se lembran a marabillosa película ‘Cadena perpetua’ non esquecerían cal foi o momento no que ese perverso alcaide estoupa de ira ante o preso interpretado por Tim Robbins e que tanto lle axudaba na súa contabilidade, lembran? pois cando éste lle chama obtuso. A partir de aí o inferno. Unha palabra peor cunha labazada. A pluma por riba da espada.
A execrábel agresión sufrida polo presidente do Goberno en Pontevedra deixou, ademais dun acto que nunca debería terse producido, a visibilidade da cantidade de obtusos que poboan o noso territorio. Tantos que si voasen non veríamos o sol. O primeiro, evidentemente, o autor deses feitos, incapaz de saber que hai pasos que nunca se deben dar, que a reprobación de calquera persoa nunca debe exceder o argumentario, a palabra, e que con ela se pode facer moito dano, como vimos, tanto en ‘Cadena perpetua’, como no debate do pasado luns cando Mariano Rajoy puxo a mesma cara co alcaide ante a calificación da súa conduta ante os seus feitos políticos coma ‘indecentes’ por parte do líder do PSOE.
Pero obtusos tamén son os que nunha fracción de twitter comenzaron a trousar pola súa boca as barbaridades máis dispares. Dende vinculacións con partidos extremistas ata relacións ultras co Pontevedra c.f., dende un ataque perfectamente planificado ata os que vencellan este acto coas palabras de Pedro Sánchez nese debate. Tamén os que comezaron a elucubrar sobre a orixe social do agresor, os que falan da xeración de odio ao longo da campaña ou os que encheron as redes sociais con grazas de dubidoso gusto que non viñan máis que a encher de miserias o propio suceso.
Obtusos tamén foron os que ampliaron co photoshop o alcance das feridas do presidente para empatizar cos posibles votantes e tamén os que empregaron o traballo dos demais para tapar as súas carencias e facelo sen o máis mínimo decoro profesional ao copiar e reproducir a única imaxe do preciso instante da agresión obtida por este xornal da man de Santy Mosteiro e que medio mundo viu e emitiu respectando a súa autoría, mentres outros, cansados de dar leccións de ética xornalística, reveláronse coma rateiros da información.
Quizais é o tempo de preguntarse qué tipo de sociedade estamos a xerar tras este tipo de feitos nos que un rapaz de 17 anos plántase a carón de todo un presidente do Goberno e lle solta un puño sen o menor pudor ou arrepentimiento. Unha violencia alicerzada nunha sociedade que, por moito que lles custe entender aos obtusos, nada ten que ver coa política.


Publicado no Diario de Pontevedra 18/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada