martes, 15 de diciembre de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto VI

Nós/Vós
Derradeira semana electoral enfilando todas as monturas e os seus xinetes a recta de meta, e algúns deses cabalos semellan ser cabalos de máis. Aí teñen o caso galego de Nós e as Mareas que desembocaron nunha estraña alianza co Podemos do benaventurado Pablo Iglesias que abduciu aos enchidos de votos e soños capitáns desas mareas para atraelos ao seu carón frustrando ó que debería ser un fronte común de claro tinte galeguista.
Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale, semella ser o slogan dos dous partidos con ascensión galega. O BNG, mimetizado nese Nós, coa estrela que según Callón sinala o credo verdadeiro, e os En Marea/Podemos, que serían Vós. Nós e Vós, ben separadiños, restando votos a un proxecto galego en común que se verá menosprezado por esa división, por eses dous cabalos correndo e gastando forzas por unhas siglas diferentes que deberían ser unha soa.
De novo a falta de unidade nesta terra cando se trata de defendernos a nós mesmos. Intereses partidistas, pensar que se gañarán máis votos subíndose ao carro das modas... e así sigan apuntando as razóns que a vostedes lle parezan, pero a realidade é que o acordo, cando se trata de ir nunha mesma dirección, semella sempre imposible. Poucas ocasións teremos tan boas para que xurda unha única voz con forza dende Galicia, agora, con dous cabalos loitando entre si, todo semella que ambos chegarán rebentados, e o pior, con lesións de cara un futuro sobre un mesmo cabalo.


Publicado no Diario de Pontevedra 15/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario