lunes, 14 de diciembre de 2015

Caderno de campaña. Entre Pontes. Acto IV

Pandora
Abrir os programas electorais de cada un dos partidos que concorren ás eleccións supón, en moitos casos, abrir unha sorte de Caixa de Pandora da que saen as ideas máis variopintas.
O programa de Ciudadanos, unha vez que se deu en abrir, está sementando de furias e hidras as páxinas dos xornais, os micrófonos de radio ou os platós de televisión. Se no debate do pasado luns, que aínda segue a dar que falar, ao seu líder botáronlle no rostro, cando deixou de movelo, que aposte polo contrato único, dándolle carta blanca aos empresarios para despedir cando e cómo lles pete (si, aínda máis que agora); pois tras outro debate, a simpar Marta Rivera de la Cruz, número tres da candidatura de Ciudadanos por Madrid ao Congreso, e da que coñecíamos as súas bondades literarias e agora tamén as políticas, abriu a odiosa caixiña de par en par para, entre outras lindezas,  presentar a proposta para modificar a ley contra a violencia de xénero despoxándoa do seu carácter maioritariamente machista, cando a realidade, a miserábel realidade, empéñase en dicirnos que non é así, e de feito, e lamentábelmente, abriron a caixa no día en que morreron dúas mulleres a man de dous homes.
Dito e rexistrado. Agora asistiremos a baixada do volume, a dicir que o que se quería dicir realmente non era iso e Rivera porá o seu mellor sorriso para que confiemos nas súas políticas tan afastadas das do PP, iso si, sen clarexar en que dirección se afastan.

Publicado no Diario de Pontevedra 11/12/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada