miércoles, 16 de diciembre de 2015

A semente de Castelao

A publicación das viñetas publicadas en prensa por Castelao ponnos ante unha faciana máis do maxín do artista rianxeiro, a través dun xeito de achegarse ao público e de tentar poñelo diante de diferentes realidades nas que o ser humano e Galicia eran a súa teima.

O ESCOLANTE ANDALUZ. ¿Cuánto año tiene?
-Non temos año ningún; temos unha ovella.

HAI PROXECTOS culturais que xustifican o papel dunha editorial dentro do sistema cultural dun pobo. Aquilo que se pode achegar dende o prelo para afianzar o que somos e revelar moito do que nos conforma como sociedade. Esto ven de acontecer coa reedición por parte da editorial Galaxia en sete volumes de pequeno tamaño (non se asusten) divididos por temáticas, das viñetas de Castelao, compoñendo unha deliciosa obra chea da esencia do que supuña o quefacer do rianxeiro. Unha mezcla da súa capacidade para o debuxo pero tamén para, mediante unha escrita ben afinada, apuntar moitos dos elementos que lle preocupaban ante o que acontecía no mundo do seu tempo e en especial en Galicia.
Un por un o lector non deixa de gozar con cada un destes libros cheos de viñetas agrupados por diferentes temáticas: os vellos, os homes, os caciques, as mulleres, os animais, os nenos, todos eles forman parte desas ‘Cousas da vida’ que xa Galaxia editara nos anos sesenta e setenta recuperando os debuxos publicados en cabeceiras de prensa como ‘Galicia’, ‘Diario de Vigo’ e ‘Faro de Vigo’ por Castelao entre 1924 e 1925. En todos eles apreciase a destreza de Castelao para o debuxo, para sintetizar moitas cousas nunha soa liña, para recoller o mundo nun só trazo e chantalo nun pequeno papel cun claro compromiso co ser humano e a súa dignidade e, como non, coa súa terra.
As viaxes de Castelao por Europea conferíronlle unha fonda admiración pola viñeta, e pola súa capacidade como xeito de transmisión ao pobo de diferentes valores que podían suxeitar calquera revolución fronte as élites dominantes. Ese papel didáctico ou aleccionador é moi claro en Castelao que ademáis as enche dunha certa mirada poética ou sentimental que noutros debuxantes, como os da xeración posterior, os Maside ou Torres, que tamén desenvolveron interesantes carreiras no terreo da viñeta, foron eliminando para centrarse máis a fondo no carácter combativo da mensaxe.
Ese dicir as cousas rindo é propio do mundo da vangarda, da modernidade que se abría paso dende as vilas para alicerzar un novo espazo. O humor como a mellor arma para desentrañala realidade, pero sobre todo para xerar pensamento e reflexión no espectador. Unha semente dende a que xerar conciencia. E se falamos de semente poucos personaxes son tratados con tanta delicadeza e respecto coma os nenos. O número adicado aos cativos é todo un modelo do que pretendía Castelao con estas viñetas, con estes debuxos nos que as figuras dos nenos son a falta de maldade, o descubrimento da contorna na que se moven e a súa relación cos maiores. Viñetas medioambientais, culturais, sociais, reivindicativas, inocentes... en definitiva, pequenas xoias por cómo recolle Castelao con só unha mirada baseada nun sinxelo debuxo e un pequeno texto (unha ou dúas frases), unha mensaxe de fondo tan poderosa e chea de forza como a que posúen todas elas.
- ¿E papá volverá rico?
- Abonda que veña san, meu fillo.

Un debuxo tras outro este pequeno tratado filosófico sobre a realidade vivida nun tempo, pero tamén no que se agocha moito do que conforma a nosa identidade común, non deixa de abraiarnos, en boa medida por ese trazo fino de liñas sinxelas que se van enguedellando entre si ata facer da figura unha síntese do ser humano, perfilando de xeito maxistral os tipos da sociedade: os ricos, os pobres, os poderosos, os humildes, a nai, o fillo, as vellas... toda unha xeografía humana á que se debe Castelao e onde sabe que repousa o noso saber máis íntimo, aquel que nos identifica dun xeito como non o pode facer outra realidade. A vida dos seus debuxos xorde, precisamente, desa situación, de ser quen de trasladar un anaco de vida ao papel para poñelo ante nós e situarnos fronte a un espello. Un espello no que os nenos amosan unha mirada especial, a desa semente que no futuro convertirase no que somos.



Publicado no suplemento Táboa Redonda. Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 13/12/2015

1 comentario: