martes, 17 de noviembre de 2015

"O CGAC ten que recuperar o seu foco"

Tras cinco meses no cargo, Santiago Olmo xa pensa no traballo dos próximos meses. Luis González Palma, Eva Lootz, unha revisión sobre o postatlantismo ou a obra de Berta Cáccamo serán os primeiros fíos dos que tirar.



TARDE DE luns no CGAC. Tarde co Museo pechado ao público, pero a vida dentro do Centro Galego de Arte Contemporánea, aínda que máis despacio, segue fluíndo. Nos almacéns uns operarios recolocan diferentes pezas e no seu despacho, Santiago Olmo (Madrid, 1958) move diferentes papeis cos deseños das salas ante futuras exposicións para librar unha mesa e facer un sitio no que desenvolver esta entrevista na que valorar, uns poucos meses despois de chegar ao cargo de director, e xa sobre o terreo, a nova etapa que agora comeza.
Unha etapa na que artellar unha programación case sobre a marcha e na que arrincar a amosar algunhas das liñas de actuación que este home, comisario e crítico independente, pretende seguir nun contexto, o galego, ao que se sinte moi afín dende a coordinación da derradeira Bienal de Arte de Pontevedra (2010), e no que se encontra moi cómodo, tamén co uso do galego, algo que se criticou xunto cos seus méritos para o posto no proceso de selección.
Como xorde a opción de presentarse ao posto de director do CGAC?
Pois foi unha cuestión moi casual. O pasado ano nunha viaxe a Galicia para participar nunha charla uns amigos comentáronme que saíra a praza, e pensei porque non? Gústame Galicia, xa traballei aquí e o CGAC é un centro moi interesante. Presenteime pero sen ser un obxectivo moi claro. Despois o proceso foi tan longo que xa me esquecera del, grazas que me chamou un amigo para facer a primeira entrevista.
Ese proceso de selección tamén foi un tanto turbulento, con acusacións sobre a falta de experiencia neste tipo de cargos, con dúbidas sobre os seus méritos ou o seu coñecemento do galego. Como afrontou todo iso?
Pois vivino dunha maneira moi deportiva. Tampouco fixen ningunha manifestación, só algún comentario cos meus amigos. E a miña sensación era que a xente que opinaba naquel momento non tiña moita información. Eu teño unha dimensión moi práctica ou pragmática de España, coñezo ben moitos lugares, teño unha afinidade coas linguas, falo catalán, portugués, e co galego, dende a organización da Bienal de Arte de Pontevedra xa tiña unha familiaridade, un gusto e un pracer pola lingua. Eu o vivín ben, sen unha sensación de dureza. Estou seguro das cousas que podo facer ben e sei das miñas limitacións. Agora teño que demostrar todo iso.
Tras un contexto de crise como atopou o CGAC?
Atopeime cun centro con moitas posibilidades pero co motor no punto máis baixo. A maquinaria é moi boa, pero ese procedemento tan longo (sete meses sen dirección) levou a atrasos nas decisións, como poñer en marcha certas publicacións de exposicións que xa se fixeron. Tamén me atopei coa necesidade de estimular ao personal con novos proxectos, en definitiva, de engrasar a maquinaria, e cun museo sen programación. Tiven que improvisar no verán unha programación co que houbo que pensar qué exposicións poderían ter un sentido no CGAC propiciando sobre todo pensamento, que non foran soamente unhas exposicións que cumplan a función de recheo. Se non que permitan abrir camiños de traballo ou de investigación.
En qué lle gustaría que se convertira o CGAC?
O CGAC ten que converterse no que sempre foi, un museo de referencia. Dalgunha maneira é o museo nacional de Galicia de arte contemporánea e, ao mesmo tempo, desenvolve unha función multidisciplinar a partir da realidade da creación contemporánea. Polo tanto, ten que ser un centro moi aberto ás realidades culturais, as situacións do contexto, do contexto internacional, pero tamén un espazo de equilibro entre ese contexto e o contexto galego. Ese é un equilibrio importante, o CGAC foi un centro de referencia en España nos primeiros anos, esa capacidade de creación, de produción, de ser un foco, ten que recuperarse polo museo. A actividade non é soamente cara Galicia ou como receptor de exposicións, senón dende un diálogo coas outras realidades ibéricas, e non debemos esquecer tampouco a Portugal.
Cales son as liñas de traballo a desenvolver?
Unha das miñas preocupacións é que a metodoloxía da investigación sexa fundamental. Hoxe os museos teñen a responsabilidade de complementar un ámbito da investigación da universidade e da educación xeral que está nunha situación moi precaria. Ao mesmo tempo ten que ser un espazo crítico, social, como unha maquinaria de activación e recepción de situacións complexas e tratalas dende o punto de vista do difícil. O museo non pode ser como un xornal na procura do titular, a nosa perspectiva ten que ser máis complexa.
Como afronta ese equilibrio entre o contexto galego e a escena nacional ou internacional?
É algo moi dificil, pero creo que esa dinámica máis internacional do museo nos seus primeiros tempos foi mudando. Se vemos as publicacións e os catálogos atopamos moitos nomes da plástica internacional, pero tamén hai moitos galegos. Si atopo un déficit de nomes galegos é na colección. Unha eiva de estrutura que non tivo atención cara o contexto galego e que agora é difícil de tapar, pero temos a obriga de desenvolver proxectos de investigación sobre artistas galegos, e tamén de facer unha colección co noso, e aí os orzamentos son moi necesarios.
Non cre necesario traballar en común con institucións asentadas no que podería ser un corredor Atlántico da arte?
Estou dacordo, atopeime cando estiven na Bienal de Pontevedra que o contexto tiña que ser a contorna. Cando Santiago está entre Ferrol e Vigo a realidade ten que ser máis dinámica, estamos establecendo liñas de colaboración co MARCO e coa Fundación Seoane, institucións públicas que traballan nun ámbito máis cercano ao noso. Pero creo que temos que ter máis fluidez nas comunicacións, nas coordinacións, e o mesmo na propia Compostela, coa Casa da Parra, o Concello ou a Cidade da Cultura.
Cómo analiza a situación artística en Galicia nestes momentos?
Non é moi diferente á doutros lugares de España, pero si que temos unhas estruturas pouco proclives á intercomunicación, e atopo unha certa situación de invisibilidade cara ao exterior. Aínda que hai nomes de artistas e cineastas novos con proxección, un dos nosos retos, en conxunto coas outras institucións, é tamén o de ser quen de facelos visibles noutros espazos, noutros centros e noutros contextos.



Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra
Fotografía: Javier Cervera-Mercadillo


No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada