miércoles, 25 de noviembre de 2015

Munch. A disección da alma

O poder de atracción dos grandes nomes da pintura co que o Museo Thyssen traballa corría aquí un gran risco ao achegarse a un pintor sometido á tiranía dunha das súas propias obras. Un plantexamiento fascinante borra ese risco na descuberta de Munch.


MÁIS ALÓ do berro sería o titular ao que te obriga a exposición arredor da obra, e tamén da vida, do pintor noruegués, Edvard Munch (Loten, 1863-Ekelyn, 1944), ao que o Museo Thyssen adica un reveladora exposición do moito feito por quen foi un dos rompexeos da modernidade. Un pintor ao que a forza dese cadro seu, ‘O berro’, deixou limitado a esa expresión desacougada dun rostro tendente a calaverización sen que semellara haber nada tras el.
Pero esa é a importancia e a necesidade deste tipo de exposicións nas que se traballa dende a totalidade do creador, dende a excepcionalidade do individuo, dende unha obra entendida como un todo no que a vida do autor, as circunstancias que a rodean e a época na que foi feita, incrústanse nela como un aderezo do motivo que centra o cadro, e converténdose nos fíos precisos para tentar darlle senso a todo o que rodea unha existencia. A de Edvard Munch non foi precisamente fácil nese tránsito dos séculos XIX e XX, nunha Europa septentrional condicionada pola paisaxe, e metereoloxía pero tamén toda unha serie de correntes literarias e filosóficas ás que dende ben cedo se achegou a través de nomes como os de Ibsen, Strindberg, Goldstein ou Kierkeegard e que foron deixando un pouso no que afundir os pinceis para converter os seus lenzos ou gravados en manifestacións do existencialismo humano, en representacións (dende o punto de vista da teatralidade) do devir do home e a súa relación cunha sociedade  e todo iso para en palabras do propio Munch «tentar diseccionar a alma». Chanzo a chanzo mergullábase este home na século XX, pero no o facía só. O facía coas súas dúbidas, cos seus medos, coas súas filias e as fobias, coas súas mulleres, coa melancolía ou coa paisaxe. Un home pegado a un tempo e a unha xeografía.
Intelixentemente o comisariado da exposición a cargo de Paloma Alarcó e Jon-Ove Steihaug plantexa un percorrido afastado dun discurso cronolóxico, pouco sentido tería nun tempo no que os progresos científicos con Einstein á cabeza poñían ese elemento en discusión e máis aínda se se pretende analizar a súa obra a través doutros factores que se integran nas súas pezas e que serven para amosar a un pintor tan xenial coma complexo, tan arriscado coma sorprendente nos seus logros, tan magnético coma desolador.
Os cadros de Munch son quen de vampirizar ao espectador, de achegalo a uns personaxes que, aínda cun recoñeza a súa dor ou o seu estado de desasosego, non podemos apartar a mirada desa escena entendida como unha secuencia a través de nove estadíos polos que atravesamos ao percorrer a exposición. Melancolía, Morte, Pánico, Muller, Melodrama, Amor, Nocturnos, Vitalismo e Desnudos conforman un itinerario tan desacougante como fascinante e que pon de manifesto o valor da pintura como terreo para a expiación da propia vida, para enfrontarse a ela na procura de preguntas moitas delas sen respostas. Preguntas convertidas en fragmentos que é como Munch se achegaba ao mundo real, a través de flashes, encadres de seres anónimos que reflectían a unha sociedade movilizada a través de sentimentos e emocións, de latexos e fracasos, un mundo moito máis complexo do que ese berro no que se adoita recoller a Munch pode representar. A pincelada de Munch é unha prolongación da vida, unha sucesión de auroras boreais que nos envolven para arrastrarmos a unhas cosmoloxías humanas e paisaxísticas que nos desdebuxan a nós mesmos. Un xeito de alienación que só un talento inabarcable, tanto pola súa gran produción como pola fondura formal, agora revelado coma unha epifanía, é quen de acadar. Almas abertas á pintura, a unha catarse da que un só berro non pode espertarmos, tan só a descuberta do universo Munch.


Publicado no suplemento cultural Táboa Redonda. El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra. 22/11/2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada