jueves, 20 de agosto de 2015

Antón Sobral na Casa da Parra


¡Eh, os da nave! ¿Víchedes a Balea Branca?
(‘Moby Dick’. Herman Melville)


Un berro e unha pregunta. Ambos arroxados ao mar. Palabras nunha inmensidade. Desexos e loucuras envoltos por escumas. Versos, pinceladas, accións, paisaxes, conversas, beleza, paseos, sentimentos, proxectos, vida. Todo isto é Antón Sobral. Todo isto cabe nese fardelo sempre cheo co que carga o pintor cando sae a navegar, cando se bota ao mar na procura dese vento na cara que lle faga sentir vivo, porque iso é ao único que aspira Antón Sobral a sentirse vivo, a que a súa pel se erice ante as emocións, ante aquilo que unha comprensión chea de epicureísmo da vida pode outorgarlle ao ser humano.
Non son precisos os cofres cheos de moedas de ouro, nin as grandes mansións, nin tan sequera unha viaxe a terras paradisiacas para acadar esas sensacións, simpremente abonda mirar con eses ollos azuis, cheos de mar, á vida dun xeito intelixente, confiando no moito que ela nos pode agasallar. Unha posta de sol, un paseo por un xardín, una boa película, escoitar recitar a un poeta, un aturuxo ou un cadro de Turner… experiencias que se van amontoando na bodega que todos temos, e máis Antón Sobral, o compoñente dunha tripulación que, dende o seu estudo preto das nubes, contempla a vida alborexado polo que sempre está por vir. Mareas de cousas que impulsen os nosos latexos, dunhas emocións que sempre están por chegar, a elas débese o noso capitán para encher as velas dos mellores aires para a travesía.
Non se entendería a Antón Sobral sen esas viaxes, sen esas emocións que dende un lenzo, unha fotografía, ou un apuntamento nun caderno arrincan para achegarnos, trala súa reflexión, algúns dos seus traballos, dende ese intre nós mesmos somos parte xa desa tripulación, desa tropa preparada para a experimentación e a navegación polo Océano Sobral, o gran mar da nosa cultura, un vaivén de ondas que non se moven só pola pintura senón por unha actividade cultural de abisal percorrido na que un se pode ver enseguida seducido pola beleza, polas sereas que tantas veces acompañan ese labor. Sons que conflúen para inzar un traballo que empatiza sempre co espectador que se sinte a gusto entre unha obra afastada de complicacións estéticas e que se mergulla no contacto directo coa súa sensibilidade, con ese home que tamén precisa a cultura como un salvavidas ao que suxeitarse, máis aínda nestes tempos de temporais e tormentas.

"Vosotros que tenéis los ojos cansados y doloridos,
alegradlos ante la inmensidad del mar”
(‘Al mar’. John Keats)



Coa súa pintura Antón Sobral reflicte o mar, o seu mar, ese océano apelidado coma el, no que a escuma e as ondas son a pel na que refuxiarse, a serea coa que compartir solpores e alborexadas, xornadas de contacto coa área e as ondas, pero tamén as nubes e as raiolas de sol, as illas con corpo de muller e os horizontes que nos falan doutro mar no que tamén navegar, eses mares son os das poesías, os das películas, os das músicas, os das intervencións na natureza, os das conversas… encalmadas das travesías nas que Antón Sobral amosa a súa faciana de animador ou promotor cultural, sempre con algún proxecto sobre a táboa, algunha iniciativa que enche coa súa complicidade e a súa longa ringleira de amizades sempre devezosas de subir a bordo. Xuntarse a Antón Sobral é xuntarse a alguén que sabe facer deste camiñar pola vida unha auténtica experiencia chea de motivacións. Afastado de bandeiras o seu barco só iza a bandeira da beleza, unha patria na que acubillarse cando todo semella perdido, un camiño de redención no que o ser humano sempre atopa acougo para ao final entenderse a si mesmo. A arte de Antón Sobral ten moito de comprensión dun mesmo a través da experiencia artística entendida coma un proceso de depuración íntimo colocándonos fronte a diferentes escenarios como aquel home de Friedrich abocado ao diálogo directo coa contorna, con aquelo que nos rodea e que tantas veces desprezamos. Dende esa posición, case como subidos ao mástil da vela maior, debemos buscar como fai o propio Antón Sobral a nosa propia Balea Branca, otear o horizonte na procura dese chorro de auga que identifique a nosa presa entendida como un descubrimento de nós mesmos, unha recuperación da nosa capacidade para experimentar, para sentir, para deixarnos levar máis aló da nosa plúmbea cotidianeidade, entón será cando pechemos os ollos, cando entendamos que as maiores conquistas, as maiores aventuras, xurden da nosa maneira de relacionarnos coa arte, coa pulsión do home por crear, por traducir en obras todo aquelo que nos engaiola, pero tamén que nos perturba e somete.
Esa Balea Branca que se converteu en obsesión para o capitán Ahab para Antón Sobral non deixa de ser un ser imaxinario co que baterse ante cada reto, ante cada obra, e para iso cada vez menos importa o xénero da peza. Aquel pintor canónico foise mergullando cada vez máis noutros territorios acadando unha fértil hibridación de disciplinas artísticas que van dende a fotografía á danza, pasando polo vídeo, as intervencións na natureza ou a poesía para tentar botarlle man a ese soño imposible, que aparece e desaparece, que sube a superficie pero que tamén pode pasar moitas xornadas baixo as augas, pero a pintura sempre se amosará como a gran rede, o gran sustento para enfrontarse ao mundo, xa que, como escribe outra das debilidades de Antón Sobral, John Berger: “A pintura é, máis claramente que calquera outra arte, unha afirmación do existente, do mundo físico ao que foi lanzada a humanidade”. Nese mundo físico e nesa afirmación temos a Antón Sobral como o mellor pintor do mar en Galicia, e iso é moito dicir, na terra das mil augas, do engaiolante universo de Urbano Lugrís o mar de Antón Sobral é o mar de verdade o mar ante o que un sente como lle salpica a bravura das ondas ou como sente o axouxere dun vaivén que nos move como un gran reloxo que sempre está en hora. Xaora o mar de Antón Sobral é un mar sintetizado en augas e ceos, afastado de distracións, en definitiva, o marco axeitado para que todos atopemos as nosas Baleas Brancas. O noso propio eu.

Texto do catálogo da exposición 'Locus horridus#Locus amoenus' que se pode ver na Casa da Parra de Santiago de Compostela ata o 16 de setembro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada