martes, 18 de agosto de 2015

A (re) invención da paisaxe


Rue Saint-Antoine nº 170
O Museo de Pontevedra propón ata o 30 de agosto unha reflexión sobre a paisaxe como escenario habitual das nosas vidas. A partir dese escenario doce artistas farán as súas propostas para reflectir coa súa obra como é esa relación entre quen a menudo é o seu máximo depredador, pero tamén quen saben que nel pode estar a felicidade


GALICIA É pura paisaxe. Pura relación entre os seus habitantes e unha contorna chea de matices e posibilidades para vivila como unha experiencia sensorial, pero tamén artística. Unha das bondades que ten a arte, e os artistas, é a de poder achegarse á realidade e convertela nun fragmento íntimo que recolle todo aquilo que esa paisaxe lle pode suxerir ao artista. ‘En (re) torno a paisaxe’ búscase precisamente iso, enfrontar a unha selección de artistas con ese ámbito natural ao que estamos afeitos dende que somos pequenos, co que nos relacionamos ao longo de toda a nosa vida e que vemos cómo se transforma ou modifica, ás veces de xeito natural, e outras, probablemente ás máis, e de xeito lamentable, pola incursión do insensible home.
Baixo o comisariado de Paula Cabaleiro os doce artistas plantexan a súa saída ao exterior e o seu regreso ao interior do Museo dende unha reinterpretación contemporánea e chea de motivacións para o espectador que (re) interpreta a paisaxe a través da propia visión do creador. Para levalo a cabo o artista hoxe válese das inmensas posibilidades que a expresión artística lle permite para (re) inventar un xénero artístico, abofé que o primeiro que motivou ao home a facer arte. A representación da natureza dende a prehistoria converteuse nun punto de experimentación para pescudar nesa relación entre o home e a súa contorna.
Doce creadores galegos, diversos, en estilos e xeracións, converxen para artellar este novo ecosistema. Percorrelo e saber o que se agocha baixo ás súas sensibilidades converte esta visita á exposición nun espazo para a reflexión, onde cada obra ten o seu lugar sen interferencias entre elas facendo desta visita un momento moi agradable. Cada un dos artistas protagonistas teñen tamén a súa propia vivencia ou experiencia sobre o vivido fronte á natureza, a esa paisaxe cos leva envolvendo dende que naceron e da que comprenden a súa importancia como berce dunha identidade común.
Elena Fernández Prada acude a dous escenarios clásicos da historia da arte. O inferno e o paraíso. Paisaxes que se transforman para dende a pintura, e dende a idea da paisaxe que se facía nesas pinturas, achegarnos dúas imaxes, do presente, dúas paisaxes, unha dese terror mediático ao que xa estamos afeitos, e outra dese paraíso dun pracer sinxelo, de pés e pernas en contacto co céspede.
Fernando Casás non representa á natureza, senón que nos presenta a esa natureza a través dunha serie de fragmentos que se dispoñen ao longo dunha parede. Unha espectacular peza na que a natureza fálanos de xeito directo para que vexamos como nun fragmento reside unha fonda capacidade de suxestión.
Jorge Perianes cautívanos dentre a entrada da exposición coa súa peza. Unha peza que nos reclama como a abellas pola súa beleza, polo que é quen de facer para conquistar o espazo onde se fixo esta obra ex profeso polo propio autor que a foi rematando unha vez aberta a exposición para que o espectador formase parte tamén dese proceso íntimo do creador aquí aberto ao público, como esa natureza que se abre entre as fendas para atopar o seu lugar.
Manuel Sendón colócanos ante nós mesmos. Ante esa paisaxe made in Galicia de casas a medio facer, de espectaculares vistas colapsadas, de aberracións urbanísticas e paisaxísticas que, aínda así, son quen de acadar un certo punto de beleza ao formar parte dunha paisaxe que as captura e as integra nas súas posibilidades.
Ruth Montiel fai que miremos cara o ceo, facendo visible o invisible, unha contaminación que descoñecíamos pero que é real.
Carmen Nogueira traballa na paisaxe urbana, na relación entre arquitecturas recentes e as que se atopaban nesa paisaxe e se atopan aferradas á memoria dos seus habitantes. Estudar a relación das vivendas da rúa Serra co propio edificio do Museo é construír unha nova paisaxe dende o contacto humano.
Lois Patiño mergulla no seu cine a natureza cun papel protagónico. Aquí primeiro a auga e despois a terra, redimensionan a nosa posición nesas cosmoloxías.
Carla Andrade abre o fascinante foco das súas fotografías á inmensidade vertebrada por un camiño onde se coloca o visitante como parte do seu propio itinerario pola natureza.
Vari Caramés enche de misterio este percorrido, a súa fotografía, impoñente, énchenos de dúbidas e de preguntas sobre que acontecerá ao dar a volta nese camiño.
Sara Coleman texe a paisaxe. Fía unha orografía que colga do aire pero que baixa á terra para que atopemos diferentes percepcións dalgo tan endeble coma nos pode parecer pero que logo se revela como un descubrimento.
Pamen Pereira, fusiona diferentes elementos naturais pero marabíllanos con ese frasquiño de perfume paisaxístico que está a nosa espera. Un tempo suspendido pendente de suceder e de evocar.
Iago Eireos, sorpréndenos coa súa capacidade de suxerir, de facer da pintura un espazo do que fluír elementos para compoñer unha instalación impactante.
Doce paisaxes arredor dunha gran paisaxe, a dunha terra que é paisaxe e tamén inspiración para estas doce miradas fascinantes.



Publicado no Diario de Pontevedra 18/08/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario