martes, 14 de julio de 2015

Luis Seoane. Unha mirada de esguello

Rue Saint-Antoine nº 170
Pintura. Ata o 27 de setembro o Museo MARCO de Vigo abre a totalidade da súa planta baixa para que nos mergullemos no ollar dun dos nosos artistas máis sobranceiros: Luis Seoane. Un creador total, un deses homes que por si mesmos son capaces de artellar a cultura de todo un país dende diferentes vieiros, aquí analizados.
 
'As Remolachas' (1959)

Toda exposición debe deixar despois da súa visita unha serie de conclusións, isto é, que o visitante, cando volte para a súa casa, ou cando lle adique uns segundos a reflexionar sobre o vivido neses intres, da súa cabeza xurda todo un ideario ao que asirse para entender o visto. Ese é o gran éxito dunha exposición, o da súa prolongación máis aló do que só é un recinto físico, pero para iso a mostra debe ofrecer diferentes situacións. Por un lado que haxa un proxecto sólido a explicar; segundo, que a súa exposición ao público se faga de maneira axeitada; e terceiro, que xurda unha empatía entre visitante e mensaxe. Cando todo isto se concreta, cando todo isto encaixa como a engranaxe dun reloxo, é cando podemos comprobar a importancia da cultura e a súa necesidade, e máis concretamente da arte, da arte plástica como un medio de análise e explicación dunha sociedade e o seu devir histórico. Todo iso dase nesta mostra adicada a Luis Seoane no MARCO de Vigo. Unha exposición de tese para revisitar a unha das figuras totémicas da nosa cultura. Un ser deses proteicos que engrandecen todo o que o rodea e que son incapaces de someterse a unha soa disciplina, agromando coma unha torrenteira toda unha semente que no caso de Luis Seoane foi da pintura ao deseño,  a escultura, a publicidade, a edición ou a ilustración na construción dunha obra, pero tamén da identidade dun país dende o terreo da plástica, alicerzado dende as dúas orelas atlánticas.
 
'Cabeza II' (1965)
 ‘Retrato de esguello’, é o inxenioso título que acolle a exposición que, dende o MARCO e a Fundación Luis Seoane, comisariada polo que é director desta última, David Barro, procura retratar a esta figura, pero máis que a el mesmo, busca compoñer o retrato do que el mesmo pretendía retratar, unha composición caleidoscópica de quen tivo tantos puntos de vista, tantos xeitos de mirar as cousas. «Unha cabeza nunca é unha», é o título dunha das catro pezas que, coma esfinxes interrógannos antes de acceder aos diferentes espazos da exposición. Fronte a elas temos que preguntarnos cómo é a nosa mirada sobre as cousas, se a realidade é a que recollen as nosas retinas ou se é outra diferente. O artista, coa súa capacidade demiúrxica, é quen de percibir que as cousas non sempre son como as vemos, que hai aristas ás que a nosa precipitación á hora de mirar ou o adocenamento visual e mental ao que esta sociedade nos somente non é quen de calibrar dende esa diversidade. É por iso que estes catro retratos miran de esguello, que segundo o diccionario quere dicir, «mirar en oblicuo», ampliando o noso ángulo de visión ou percibindo as cousas doutra manera. Unha vez superados eses retratos mergullámonos nos diferentes territorios que acollen esas miradas en oblicuo, esas miradas que perciben unha realidade feita en Galicia e para Galicia. É o pulso dunha terra a través das súas xentes, das súas escenas, da súa fauna, dos seus ceos e árbores, pero tamén dunha interpretación intelectualizada de todo iso para achegarse a unha linguaxe renovadora e chea de modernidade, algo que tanto precisa sempre calquer discurso artístico e máis un que pretenda artellar a singularidade cultural dun país.

Percorrer os seis espazos inxeniados de maneira brillante polo comisario da exposición é cruzar seis territorios dese universo que conformou Luis Seoane coa súa obra e a súa vida, ao fin e ao cabo dúas coordenadas que, como a liña e a cor nas súas pezas, non deixan de cruzarse para artellar unha dimensión creativa propia. 
Xilografías, polbos, bestiarios, estudos para murais, o mundo do circo, bodegóns, retratos, o deseño, a Torre de Hércules convertida na nosa picassiana Suite Vollard, tapices... todo iso baliza un camiño de percepción da realidade que desemboca nas súas pinturas dos anos sesenta e setenta, toda unha eclosión de forza que abraia pola determinación coa que se resolven paisaxes, retratos e mesmo a publicidade. Unha síntese expresiva que fai da policromía modernidade. Unha descomposición fragmentaria das cores, figuras concebidas coma paisaxes e unha percepción do territorio pictórico entendido como a trasposición do minifundismo galego ao lenzo. Unha xeometrización pensada para roturar unha nova pintura ante a que un non deixa de sinalar encontros con xenios nos que a pintura e o deseño revolucionaron mundos tan alleos a eles como o de Hollywood. Pensen uns instantes nos deseños para os créditos das películas ou os carteis de cine de Saul Bass e verán como ambas propostas non están tan afastadas entre si. Mentes visionarias que plantexaron, nunha cronoloxía similar, un xeito de representar artísticamente un motivo para visibilizar novos tempos e novas sensibilidades.
Dende ese ámbito da sorpresa chegamos a augada, manchas en liberdade capaces de xerar paisaxes que nos farán saltar ao outro lado do Atlántico para percorrer esa outra patria súa, a Arxentina, cunhas paisaxes que trazan unha xeografía na que Luis Seoane respirou aires galegos. Alí, naquela terra que o acolleu, fixo máis forte un amor por Galicia que á súa volta estourou coma un volcán para converterse hoxe nunha lingua de lava que non deixa de moverse para fixar o seu territorio, e como non, para marabillarnos.


Publicado no Diario de Pontevedra 13/07/2014. Imáxenes: MARCO

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada