sábado, 13 de junio de 2015

Grupo salvaxe


O que me gustaría e o que preciso son dúas cousas distintas. Non quero voltar ao cárcere. Nunca máis, pero teño que facelo a miña maneira. ¡Preciso homes que sirvan, ya viches o que pasou esta mañá!
[Diálogo de ‘Grupo salvaxe’ de Sam Peckinpah]



Día de bastóns ao aire, de novas corporacións e de novos alcaldes. Abofé que dende os tempos da Transición non houbo un baile de poltronas municipais tan ostentoso como ao que asistiremos ao longo da mañá de hoxe. Novos partidos, coalicións, pactos e máis pactos, maiorías, dun ou doutro xeito, pero ao fin e ao cabo maiorías, todas válidas e perfectamente establecidas dentro do marco democrático, grazas a uns votantes que decidiron que xa era tempo dunha nova situación na política ao ver co noso sistema íase a pique pola molicie de moitos políticos e as maquinarias dos seus partidos.
E día tamén de comprobar como a algúns a democracia non lles senta tan ben, como eses mesmos pensaban que democracia significaba algo así como ‘eu estou aquí para sempre e que ninguén veña a enredar’ e agora danse conta de que se afunden no océano. Iso si, hai quen o fai coa dignidade dos músicos do Titanic, mentres outros tentan ata o último momento virar un rumbo que xa non ten posibilidade de muda se faga o que se faga, ou se argalle o que se argalle. Os tempos están cambiando que cantaba Bob Dylan, como atinadamente comentou o meu compañeiro Javi Casal mentres se fregaba os ollos ao ver a imaxe no noso xornal do cuatripartito que deixará fóra da alcaldía lilaina a Telmo Martín, un dos casos máis sobranceiros na nosa contorna, pero ao que se lle poderían engadir os de Ribadumia, Barro, Portas, Ponte Caldelas ou Lalín, e a nivel rexional grandes vilas como as de Santiago, A Coruña ou Ferrol.
Como di a canción os que non comecen a nadar irán ao fondo do mar como unha pedra. Moitos levan ao longo desta semana máis que nadando, sprintando coma toliños, ofrecendo todo aquilo que durante anos negaron aos que agoran acadaron o poder alcanzando unha imaxe entre o patetismo e a tenrura.
Na nosa cidade Miguel Anxo Fernández Lores voltará a erguer o bastón de mando como leva facendo dende 1999 para achegarse ata os vinte anos gobernando. En Pontevedra os resultados das elecciones afastaron a palabra pactos do taboleiro político, pactos que serían incomprensibles, tamén á vista do acontecido nas semanas previas á cita electoral, e que de chegar nalgún momento non deixarían moi ben nin a uns nin a outros. Sen pactos, e con doce concelleiros, un xa ve a poeira que levantan os membros dese equipo de goberno, sobre todo os do que poderíamos chamar o Grupo salvaxe, aqueles que manteñen o seu lugar dende 1999 e que, como na película de Sam Peckinpah, amósanse como uns irredutibles ata o desenlace final. Eles chegarán para facer unha lexislatura a súa imaxe e semellanza, coas menores interferencias doutros partidos. Así o quixeron as urnas.
César Mosquera, Raimundo González, Carme da Silva, Luis Bará, Anxos Riveiro e Miguel Anxo Fernández Lores son os que resisten dende aquela primeira vez e é posible que cheguen xa ao final do camiño con esta lexislatura, tamén e probable que cando Lores levante hoxe ese bastón lembren aquela primeira vez de 1999 cando aínda eran case nenos políticos, e pensen cando deles dicían que serían quen de rematar co mundo, que todo sería desolación, que entrarían na cidade como no tiroteo final da película sembrando o caos e a destrución. E agora ven como iso mesmo que lles dicían a eles fai vinte anos é o que se lles bota en cara aos que forman parte deses novos partidos que dende hoxe si que entran en escena de verdade: radicais, antisistema... en definitiva, xente moi perigosa que lle bota de comer escorpións ás formigas para logo prenderlles lume. E como nun dos prodixiosos diálogos da película, o Grupo salvaxe do BNG sentirá aquilo de: «Todos soñamos con voltar a ser nenos, incluso os peores; tal vez os peores máis que ninguén”.
Os tempos están cambiando e todos nós formamos parte dese cambio que ata fai ben pouco semellaba imposible. Non teñan medo, escoiten o que escoiten, pese ao que moitos presaxian, mañá seguirá saíndo o sol. O amencer será tan fermoso como o é sempre nesta terra. Agora tócalle a eles tentar facer a política que outros non quixeron, non puideron, ou que fixeron nun principio pero que coa mantenza nas súas cadeiras esqueceron para afastarse do sentir da xente.


Publicado no Diario de Pontevedra 13/06/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario