domingo, 10 de mayo de 2015

Fillos dun mesmo tempo



O dez de maio de 1995 finaba Manuel Torres, o gran pintor de Marín, o home que protagonizou o escenario da pintura galega con algúns dos seus mellores pintores do século pasado. Os Laxeiro, Colmeiro, Souto ou Maside, fillos dunha xeración que agromou nun tempo de esperanzas e que de xeito abrupto esmoreceu ante a barbarie que cada un afrontou da maneira que puido. Uns fuxindo daquela Galicia que dun gris plomizo pasou a ser pura negrura, e outros quedándose nela fincados nos seus territorios persoais dos que era moi difícil fuxir, aínda que iso os obrigase a ter que ver, oír e calar, pese a sentirse coa gorxa apretada e as mans ben suxeitas. As formas de resistencia e de mimetizarse co entorno, cando este é hostil, son tan diversas como alleas aos que oitenta anos despois vivimos outra realidade ben distinta.
Mañá cúmprense vinte anos do pasamento de Manuel Torres. Sempre foi un ‘outsider’, un marxinado ao carón dos seus compañeiros de xeración, pero ante os que, pincel en man, nada lles tiña que envexar. Naqueles anos vinte e trinta as súas pezas forneceron unha forza e un talento comparables aos dos seus compañeiros de xeración, tantas veces ensalzados fronte ao esquecemento do pintor marinense, acubillado nun retiro interior que, dende Marín a Pontevedra, ou incluso Vigo, establecía un territorio no que moverse sen facer ruido. Sempre atento ao seu quefacer, aos diferentes xeitos de expresión e a artellar as numerosas posibilidades de difundila cultura como tamén fixo dende o Ateneo Santa Cecilia do que foi fundador. Manuel Torres empezou a recollelos seus froitos de pintor case cando a morte reclamaba a súa taxa. Cando tres anos antes se inaugura o Museo Manuel Torres na súa vila de Marín, refuxio e motivo, ao que cedeu un gran conxunto das súas obras para a exposición ante os seus veciños, os mesmos que inspiraron a maior parte dunhas pezas sempre vencelladas a ese territorio humano arrolado polos sons do mar, estivo acompañado por Xosé Filgueira Valverde, quen, co seu bo olfacto, xa convencera a Manuel Torres para que lle cedera ao Museo de Pontevedra algunhas das súas pezas, e vendo as obras que posúe o Museo de Pontevedra, agora felizmente expostas como se merecen, non temos dúbida de que Filgueira Valverde volveu a corroborala súa capacidade para levar sempre o mellor ao acolleito dese Museo que dende os anos trinta comezouse a converter en catedral do saber e nunha das súas achegas máis fondas ao noso patrimonio. ‘O Berbés’, ‘Bodegón dos bastóns’, ‘Boneca’, ‘Dama con sombreiro’, ou ‘O buzo’ son só algunhas desas pezas senlleiras. Xoias da nosa pintura que poden contemplar e que deberían ver de cando en cando como complemento ao moito exposto no seu Museo marinense. De feito é unha mágoa que ese fío non sexa máis intenso, que entre ambos traballen en común para salientar e afondar nunha obra moi ampla e da que aínda hai moito que dicir.
Grazas a elaboración dun catálogo sobre a súa obra encargado polo Concello de Marín no ano 2011 redimensionei a súa figura e comprendín que Manuel Torres é un deses tesouros polos que moitos concellos darían moito por ter un artista desta valía e sobre todo cun amplísimo legado ao seu coidado. Non é fácil atopar grandes coleccións dun mesmo autor con tantas pezas xuntas. O que podería converterse nun reclamo cultural e turístico de primeira orde, atópase aínda sen explotar como merece, pese aos esforzos do seu fiel e constante custodio no Museo, Alberto Mallo, sendo esta data, a do vinte aniversario do seu pasamento, unha boa excusa para reclamar esa consideración que nos leve á revisión definitiva de todo o feito polo pintor.

Manuel Torres e Xosé Filgueira Valverde levávanse cinco anos de diferencia. Eran, polo tanto, fillos dun mesmo tempo, e ese tempo os volve a xuntar neste maio no que lembramos a un e agasallamos ao outro co gallo do Día das Letras Galegas. Os dous finaron con máis de noventa anos de vida e desenvolveron longuísimas traxectorias que en moitos instantes chegaron a tocarse. Foron homes de caracteres moi diferentes. Un, o pintor, enclaustrado nese Marín do que só se aireaba grazas ao cabalete, austero e introvertido; o outro, máis dado a amosarse en público dende ben cativo, a achegarse á xente, pero ambos sabedores dunha misión, que era a de facer da súa terra xérmolo de coñecemento dende os pinceis ou dende o estudo e a divulgación. Dúas maneiras de estar ante o mundo, de formar parte del, nin mellores nin peores, simpremente diferentes. E é que a vida escribe sobre nós en liñas moi diferentes os acontecementos que nos rodean ao longo dela, para marcar todo o que poderemos ser e son tantos, tantos, e tan variables eses factores que, pese a estar xuntos no comezo do camiño e tamén no seu final, ao longo del todo pode ser diferente. 



Publicado no Diario de Pontevedra 9/05/2015
Fotografía: Xosé Filgueira Valverde e Manuel Torre na inauguración do Museo Manuel Torres en Marín (24-03-1992) 

No hay comentarios:

Publicar un comentario