lunes, 25 de mayo de 2015

A neve do desasosego



Palabras maiores cando nos achegamos ao traballo de Agustín Fernández Paz. Sempre capaz de mergullarnos na súa escrita chea de beizóns e de posibilidades que nos vai descubrindo cada vez que publica un libro. O fixo con títulos como ‘Non hai noite tan longa’ ou ‘A viaxe de Gagarin’, pero tamén o fai cando se afunde no que semella é unha das súas paixóns literarias, os libros de misterio e ciencia-ficción. Se con ‘Cartas de inverno’ o autor alicerzou un dos nosos piares dese xénero, a partires de aí ese xeito de narrar e de construír historias cheas de inquietude e atmósferas abafantes foise espallando en diferentes libros con cadansúas características. Títulos como ‘As fronteiras do medo’, ‘Malos tempos para os fantasmas’ ou ‘Aire negro’, móvense por eses vieiros do desasosego aos que se lles engade agora ‘A neve interminable’, un relato que se artella dende un fato de narracións que reflexionan sobre a construción do terror na literatura, pero que ao final ábrenos unha porta inesperada cara un territorio sobre o que reflexionamos ben pouco e iso que somos nós quen escribimos esa historia cada vez máis terrorífica.
Un grupo de guionistas buscan inspiración e o ambiente preciso para desenvolver o guión dunha serie televisiva de misterio nun lugar afastado do ruido. Así chegarán ata un hostal ubicado na Fonsagrada no que, ao pouco de chegar, comenzará a nevar. A partires desta situación inicial o relato converterase en diferentes relatos, todos eles cunha compoñente común, como é a do medo como inspiración e a inquietude como o ámbito de traballo no que desenvolver unha historia. Cada un dos protagonistas vai a escribir un relato na procura da inspiración común cara elaborar ese guión que todos eles precisan. Pero cada unha das súas historias o que acada e que nós, lectores, percorramos accións e situacións que nos levarán  a visitar eses espazos que a literatura é quen de construír sempre coa referencia de autores fundacionais do xénero coma Lovecraft ou Edgar Allan Poe. Esta diversidade permítelle a Agustín Fernández Paz novos achegamentos á escrita, variando cuestións dentro de cada un, pero que lle serve para levar a cabo eses ensaios, que ademais non descuidan o resultado final ao non entorpecerse uns aos outros. O misterio, a inquietude, o desasosego... en definitiva iso tan dificil que lle concede forza a calquera arte, como é a construción dunha atmosfera, está maxistralmente resolto en cada un deles por un autor que ese terror psicolóxico xa o traballa sumamente ben en ‘Aire negro’.
Como remate Agustín Fernández Paz aínda se permite un xiro final, cando esa protagonista permanente ao longo do libro, a neve, compañía silente, revélase como o gran medo co que si deberíamos tremer nestes momentos da nosa existencia na que esquecemos o que é realmente perigoso. 



 Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso 24/05/2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada