domingo, 15 de marzo de 2015

Dolores, taxista

« Mi hermano había comprado un coche y entonces aprendí a conducir. Después él se dedicó a otra cosa, y como a mí me gustaba muchísimo me quedé yo con el taxi. Además éramos 14 hermanos, y teníamos que buscarnos una forma de vida»
[Entrevista a Dolores Trabado no Diario de Pontevedra, 28-04-1964]


Pouco sabía dela fai uns meses, só era unha fotografía atopada ao azar no arquivo do Diario de Pontevedra. Meses despois esa fotografía asomou casualmente nunha páxina dun xornal de 1964. Aquel rostro xa tiña nome, Dolores Trabado, e oficio, era taxista, aínda máis, era a máis antiga de España. Pero, se esta muller semella ser moi maior?, pensei. Nese ano Dolores Trabado xa levaba corenta e un anos con carné de conducir. Tíñao dende 1923 o que a converteu na única muller con ese documento na provincia de Pontevedra. A única das 1.417 licencias que había nesa provincia. Imposible xa dende ese dato desprenderse desa páxina, dunha biografía profesional chea de situacións familiares (como a de ter trece irmáns, o de vivir cunha tía e unha sobriña,  ou ter nacido en Lugo e chegar a Pontevedra con cinco anos) descubrindo unha desas historias de mulleres sepultadas polo tempo, pola cor gris de tantas décadas e por un mundo secuestrado polos homes en perxuicio das mulleres.
Maricarmen, á que moitos coñecerán polo alcume de ‘Emperatriz’, foi a muller que lle fixo aquela entrevista a Dolores Trabado. Maricarmen non está morta, sí confinada nunha residencia onde pasará as horas entre os recordos do seu peculiar mundo. Pero antes de todo iso Mari Carmen Romero firmaba no Diario de Pontevedra escribindo reportaxes e entrevistas sobre a nosa cidade, rúas e espazos e achegándose, en non poucos casos, á mulleres descoñecidas así como as súas condicións de traballo. Ela tamén o é.
Dolores Trabado ao fin e ao cabo e un nome máis nesa nómina de mulleres esquecidas e que nun momento concreto da súas vidas, sen querelo nin pretendelo, convertíronse en heroínas pola súa forza e resistencia ante uns tempos que non lles eran precisamente moi favorables. A elas se lles adica durante dous meses unha exposición na praza da Ferraría que se verá completada con diferentes accións para rescatar esa memoria, ou polo menos para servir de arranque a outras investigacións que, co tempo, permitirán restituir nomes, facianas e vidas ás que a propia comunidade e o tempo, moitas veces indolentes, non prestaron a importancia precisa. Percorrer esta mostra, deterse a ler os diferentes paneis é mergullarse en vidas e situacións que a historia escribiu en feminino é unha débeda de todos nós. Unha memoria latente conservada en fotografías nos caixóns das familias, ou en diferentes arquivos que foron, entre todos eles, dándolle xeito a unha iniciativa ante a que calquer adxectivo quédase pequeno. Elas mesmas son adxectivo, de valentía, afouteza, esforzo  e loita, en tempos de paz (chamémoslle así); pero tamén cando a Guerra Civil trocou a esperanza en miseria e noxo.
Impulsada por Luis Bará, atarefado a fondo na recuperación da memoria das mulleres, coa coordinación de María Xesús López Escudeiro, Helena Torres e Montse Fajardo, ‘Do gris ao violeta’ artéllase en diferentes apartados para percorrer a historia da muller na nosa vila e a súa contorna. Mulleres pioneiras en diferentes ámbitos, mulleres que fixeron da súa vida un traballo arreo, mulleres que chegaron ás aulas para facerse donas do seu futuro, mulleres represaliadas despois da Guerra Civil, mulleres que traballaron na nosa cidade e cuxas biografías son o reflexo de tantas e tantas outras que tamén o fixeron... en definitiva, mulleres que foron iso, mulleres. Case nada!
Maricarmen pregúntalle a Dolores Trabado cal foi o primeiro coche que conduxo, e ela respostou: «Era un Ford. Luego fue un Fiat, más tarde un Nas, un Chrisler, un Dodge y el actual es un Peugeot modelo antiguo». E continúa a entrevista: «-¿Cómo no tiene el coche en una parada?» - «No es necesario. Siempre he tenido el garaje (o garaxe atopábase na rúa Marquesa) con dos teléfonos y aquí me llaman cuando me necesitan. Tengo muchos clientes, la mayoría desde hace ya muchos años». «-¿Qué cualidades debe tener una mujer que aprenda a conducir?» «- Buenos reflejos y no ser de temperamento nervioso. Claro que esto, el temperamento nervioso, se da mucho más en los hombres que en las mujeres, por lo que los accidentes son muchísimo menos entre el sexo débil». «-¿Por qué en Pontevedra le conocen con el nombre de la taxista de la Cruz Roja?». - «Porque en los primeros años, cuando aun este organismo no contaba con ambulancia, en el coche de mi hermano que era prácticamente de ese centro, yo trasladaba a los enfermos con el automóvil puesto al servicio de la Cruz Roja». «La sobrina de doña Dolores Trabado irrumpe nuevamente en el despacho. Quiere que su tía vaya a darle la cena, puesto que son las nueve y media de la noche. Porque la decana de las taxistas españolas a pesar de ser taxista es una mujer eminentemente femenina, como la que más».
A historia de Dolores está aínda por escribirse, quedan moitas cousas por saber dela, como de tantas mulleres que están e que non están nesta escolma. Toda unha vida tras os cristais dos seus coches, falando cos seus clientes, sendo unha muller nun mundo de homes. Tras esa foto chegou unha entrevista, unha exposición, e agora estamos outra vez fronte ao abismo, seguro que hai algún fío do que tirar para saber máis, para contar máis. E para iso xa saben. Razón aquí.




Publicado no Diario de Pontevedra 14/03/2015
Fotografía: Dolores Trabado en su taxi en 1964 (Camilo Gómez)

No hay comentarios:

Publicar un comentario