sábado, 21 de febrero de 2015

Teñan coidado aí fóra



Horarios inverosímiles, extensas xornadas ao socairo das novas, demasiado tempo afastado da familia... son algunhas das eivas do traballo nun medio de comunicación, pero aínda así, e ogallá por moito tempo, un segue enganchado a este xeito de traballar que converte ao día a día nun horizonte diferente cada xornada. De vez en cando ese espazo convértese nun agasallo, nunha enchenta que te fai feliz e acada que esquezas aquilo de que «sabes a qué hora entras pero non a qué hora saes». Se a semana pasada xa tiven un deses momentos coa presenza no acto de entrega do Premio Biblioteca Breve de Novela Seix Barral, e do que aínda estou impactado pola presenza dunha chea dos mellores escritores do estado, estes días vivín outro deses momentos ao coñecer e formar parte da posta en escena dun encontro de escritores diso que xenéricamente se coñece como novela negra.
Poucos nomes poden gabarse de vender máis libros ca eles. Dolores RedondoDomingo Villar e Pedro Feijoo son parte dun milagre literario que dende un tempo leva revitalizando listas de vendas e apañando no canastro a unha morea de lectores, moitos deles novos, e aos que lles inoculan o virus da lectura para logo bulir por outros vieiros literarios. E se falamos de milagres literarios temos outro ben preto de nós, no IES Torrente Ballester, no que, baixo a man de Pedro Iturburúa e o resto de membros da comunidade educativa, vense traballando arreo para a difusión da lectura e a escrita entre os rapaces. O mellor dun centro de ensino público agroma tras estas paredes e, como a lava dun volcán, agóchase quente e burbullante na súa cerna, esa Biblioteca que leva o nome da inesquecible María Victoria Moreno. Entrar nela é como acceder a unha dimensión que acariña o espírito e nos reconcilia con nós mesmos e o que podemos chegar a ser. Os seus murais, os seus recunchos, o coidado e a vida que se palpa nela, son parte dese milagre que xa burbulleou fai uns meses coa publicación dun libro de relatos feitos polos propios alumnos e que se converteu en erupción cando puxeron os seus pés nela os tres convidados polo Instituto, para manter unha conversa pública sobre ese xénero no que se moven como autores, pero sobre todo, para que os coñezamos como seres humanos, afastados dos seus universos literarios de crimes, sucesos, detectives, policías, persecucións, luces e sombras... Un salón de actos cheo, pese a festividade do día, mércores de cinza, e aos distintos actos do Entroido (nunca houbo un mellor día para falar de cadáveres cando tantos enterros había fóra dese centro) serviu de marco para achegarnos a cada un deles e, ao remate do mesmo, sentirnos moito máis cómplices das súas historias en base ao seu carácter, absolutamente encantador e afastado de estúpidas vaidades. Eles falaron do que entendían por novela negra, do proceso de creación das súas obras e dalgo que lle preocupaba moito ao público, cal sería o seu próximo libro? Interrumpíronse, encheron a conversa de complicidades, falaron de todo aquilo que lles move a contar historias, pero sobre todo, fixéronnos parte dos seus mundos. Dende ese Val do Baztán argallado por Dolores Redondo, pasando polas andanzas do detective Leo Caldas, parido por Domingo Villar, ata os ‘universitos’ do benquerido Pedro Feijoo, tan cheos de aventuras que se afastan desas etiquetas das que constantemente escapa este autor preocupado, como todos eles, por artellar historias que entreteñan ao lector e que o evadan dunha realidade que nos leva a recuperar aquela frase da serie de televisión Canción triste de Hill Street: ‘Teñan coidado aí fóra’. Por moitos mortos e asasinos que haxa nos seus libros todo o que alí acontece palidece fronte ao que nos atopamos no noso devir cotiá.
Xuntos, naquel estrado, agasallaron a esta cidade cunha fotografía para a historia, revelándose como persoas dunha gran proximidade na renovación do seu compromiso con moitos dos seus lectores, que eles saben son o maior dos seus tesouros, mentres que a quen lles escribe o fixeron formar parte dese conto de Alicia no País das Marabillas no que un se sente cada vez que acode a este Instituto, máis aínda cando alí coinciden este tipo de aparicións ante as que un non deixa de fregar os seus ollos.
Voltemos á realidade, ao traballo nun xornal que hoxe quere rematar as súas páxinas con esta triple fiestra á literatura, unha beizón que nos diferencia doutros seres e que nos converte en homes e mulleres desexosos de milagres como estes acaecidos nos últimos tempos e que serven para pechar un xornal falando de libros. Outro pequeno milagre.




Publicado no Diario de Pontevedra 21/02/2015
Fotografía: Domingo Villar, Dolores Redondo e Pedro Feijoo na biblioteca do IES Torrente Ballester.

No hay comentarios:

Publicar un comentario