viernes, 20 de febrero de 2015

Recuperando a modernidade


Rue Saint-Antoine nº 170
Arquitectura Un novo libro editado polo Colegio de Arquitectos de Galicia reflexiona sobre a recuperación da modernidade na arquitectura galega entre 1954 e 1973. Entre as obras seleccionadas polo seu autor, Antonio S. Río Vázquez, dúas son de Pontevedra: o Pavillón Municipal dos Deportes e un grupo de vivendas do barrio de San Antoniño.



¿Qué sucede na arquitectura galega entre 1954 e 1973? A iso prentende respostar Antonio S. Río Vázquez (arquitecto e profesor na Escola de Arquitectura de A Coruña) coa edición deste formidable libro, cheo de achegas que non só serven para completar a formación do profesional, senón que, pola súa capacidade didáctica, convértese nunha útil ferramenta para todo aquel interesado en ver como a arquitectura asentaba nas nosas vilas todo o seu potencial revelador dun momento concreto, dunha nova forma de ver e entender a arquitectura como parte do noso desenvolvemento común.
Na arquitectura do século pásado enténdese como Movemento moderno aquel que afianza os seus postulados na década dos anos trinta tras as rupturas das dúas primeiras décadas. Con Le Corbusier á cabeza, tras el nomes como os de Mies van der Rohe o Walter Gropius, xunto coa Bauhaus, o Constructivismo ou o Racionalismo italiano, sustentan unha aquitectura que resposta a unha nova sensibilidade e a unha nova relación coa vida. E aí é onde a arquitectura debe dar resposta ás novas demandas de xeitos de vida, de modos de traballar, de necesidades sociais, en definitiva, acompañar ao seu tempo baixo o seu paradigma eterno dun espazo para ser vivido.

Como punto afastado dos grandes epicentros da creación, Galicia asistirá a unha ralentización deste proceso, moito máis tras a Guerra Civil que deixou a España illada do resto do planeta. Ata os primeiros anos cincuenta, España viviu nunha autarquía, un mundo feito só baixo as súas fronteiras, sendo imposible a relación co exterior. Esas correaxes fóronse afrouxando un pouco e é cando a sociedade comeza a coller un chisco de aire, tamén a arquitectura, claro está, e así é como a arquitectura ábrese ao exterior e comeza a adoptar formas xurdidas das claves dese Movemento moderno. O autor do libro vai definir o ano 1954 como o punto de partida para arrincar o seu estudo. Un Ano Santo en Compostela que arrastrou a diversos proxectos cara el, tras o ano 1953, no que España racha a súa distancia internacional cos acordos coa Santa Sede; e por outro, a data de remate, que é a data na que se conforma o Colexio de Arquitectos de Galicia e se inaugura a Escola Técnica Superior de Aquitectura de Galicia en A Coruña en 1973.
Un principio e un fin no que o narrador vai a a ir comentando todo aquilo que acontece na arquitectura en Galicia nese proceso de mirar enfite ao exterior a través da man e a xenialidade dalgúns nomes xa para sempre instalados nas nosas referencias arquitectónicas. De todos eles aquí quedarémonos con dous, autores de obras esencias dentro deste Movemento moderno que trouxeron a Pontevedra esa recuperación da modernidade. O primeiro deles é o pontevedrés Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1923-Madrid, 1996) que deixou unha longa pegada na nosa cidade con obras como a Misión Biolóxica de Salcedo, un edificio de vivendas na rúa que leva o seu propio nome, o Chalet da familia Domínguez, ou o Pavillón Municipal dos Deportes, obra escollida neste volume dentro das arquitecturas adicadas á práctica do deporte, un dos novos usos desa sociedade dos que falabamos antes. Proxectado en 1965 desenvolverá as ideas presentadas no Concurso para a Delegación Nacional de Educación Física e Deportes de 1963, onde de la Sota acada o primeiro premio, poucos meses despois de inaugurar unha desas obras icónicas da arquitectura española do século XX como foi o Gimnasio Maravillas de Madrid. Na peza de Pontevedra «cuatro torres cuadradas en los ángulos del edificio le dan estabilidad al conjunto», explica Antonio S. Río, «al tiempo que permiten las circulaciones verticales y los aseos. Entre ellos se sitúa el graderío conformado con elementos prefabricados de hormigón», continúa. A construción, nun solar elexido polo propio arquitecto, amosa tamén co manexo da luz unha das súas grandes achegas, «inundando el espacio a través del plástico ondulado de la cubierta», escribe o autor do libro.
Pontevedra medraba neses anos sesenta e diferentes zonas da cidade contemplaban a expansión da mesma. O barrio de Campolongo é un deles, pero tamén o foi o de San Antoniño, alí un arquitecto, Joaquín Basilio Bas (Murcia, 1921), chegado de fora de Galicia, pero que se asentou nesta terra en 1959, contribuiu a modernizar a faciana da capital das Rías Baixas con dúas obras nesa zona. A primeira delas é un conxunto de vivendas individuais subvencionadas, nas que ademáis da súa función dormitorio tamén buscan a mellora das condicións de vida. Con dúas alturas e colocadas nunha ringleira colócanse en forma de dentes de serra para aproveitar a luz do sol, creando unha pequena terraza, ao tempo que se protexe a intimidade do seu interior das miradas dende a rúa. As vivendas responden a varios tipoloxías de catro, tres ou cinco dormitorios. «Se trataba de un proyecto realista, funcional, nada fantasioso. Sabía que lo iba a vivir y quería hacer algo así», comenta o arquitecto a propósito destas vivendas nas que incluso chegou a vivir coa súa familia, instalando alí o seu estudo.
Nesa mesma rúa de San Antoniño, e xunto cun aquitecto que tamén o axudou no proxecto anterior, José Antonio Corrales Gutiérrez, Basilio Bas constrúe un edificio de 80 vivendas que lle confire a esta rúa un importante papel nesta arquitectura da modernidade. Protagonista dun tempo, e agora, tamén, dun libro cheo de valores.



Publicado en Diario de Pontevedra 16/02/2015
Fotografía: Vivendas barrio de San Antoniño, obra de Basilio Bas.
Portada do libro  'La recuperación de la modernidad'.

No hay comentarios:

Publicar un comentario