sábado, 7 de febrero de 2015

Natureza en liberdade




Pintura, pura pintura, é o que nos atopamos ao entrar na exposición que Álex Vázquez amosa no Museo de Pontevedra. Unha exaltación da pincelada como xeito de expresión do home, unha pincelada que sustenta cada unha das obras como parte dun discurso que encerra toda unha vida adicada a pintar. É o resumo de miles e miles de horas no estudo, de ensaios fronte a unha natureza á que render devoción como gran motivo pictórico e que emerxe nesta exposición como a gran protagonista, a única protagonista. 

Non deixen de visitar esta mostra. Deixense levar pola forza desa pincelada que, a pouco que se fixen nela, vailles a balizar todo un camiño que comezou en 1970. É o primeiro Álex Vázquez, o que procuraba un vieiro no mundo da arte a través de diferentes paisaxes urbanas, nas que xa se adiviña o dominio do debuxo que todo pintor debe manexar como andamio da súa pintura, vaia esta por onde vaia. Irán esas pezas medrando en pretensións, desdibuxando o debuxado para procurar na cor e na mancha unha nova etapa. Chegamos aos famosos balcóns de Álex Vázquez, miradoiros cara a realidade que se conxela na descuberta da cor como xeito de expresión. Todo un éxito, tamén no comercial. Pero Álex Vázquez quería máis, había que seguir crecendo e eses balcóns limitaban moito todo o que o pintor podía chegar a dicir, e entón chega a NATUREZA, así, con maiúsculas, que é como os pintores deben falar sempre do seu primixenio motivo, dun berce do que moitos fuxen pero ao que, nun momento ou noutro volven na procura do acubillo necesario para a reivención persoal, tan necesaria na carreira do pintor. E esa natureza esboura nos cadros de Álex Vázquez, primeiro dun xeito tímido, é o achegamento, a análise, a pescuda de posibilidades. A relación medra, e Álex Vázquez comeza a soltar o pincel, a confianza aumenta e a pincelada fúndese nese percorrido que chega ata hoxe. 
Dende unha gran paisaxe ata unha sinxela flor a mirada do pintor vaise a pousar para converter ambas dimensións nunha soa, a da eternidade. Nubes, árbores, corredoiras, viñas, ceos, follas, ríos, fontes... todo nun só latexo, nunha forte pulsión que fai destas paisaxes unha introspección da realidade convertida noutra realidade, a do pintor. Cada vez máis todo vólvese unha soa mancha. Esas vibracións, das que o mesmo autor fala nalgúns títulos, son a antesala do gran estrondo final. Un conxunto de pezas feitas no ano 2014, fai uns días, que abraian pola súa contundencia, pola procura dunha sinceridade que semella afastarse da pincelada anterior ou dunha cor quizáis máis lucida, máis agarimosa para o espectador, pero que nada ten que ver con esta nova andaina, onde todo se converte nunha exaltación poética da liberdade da natureza. Busquen esas pezas do ano pasado e sentirán, como fixeron os románticos e como Turner foi quen de acadar, a natureza estoupando e xerando unha serie de forzas que disolven o ceo e a terra, xuntos na construción dese abismo que nos atrae fascinados fronte a el, colocándonos na posición dun ser desprotexido ante un potencial inmenso que leva sempre consigo ese senso sublime da natureza dentro do cadro. Músicos e pintores do Romanticismo loitaron por aplacar eses demos aos que agora parece querer enfrontarse Álex Vázquez, todo un desafío a estas alturas da vida, pero quizáis sexa o máis fermoso, o de conducirse pola escuridade, o de sentir que hai un misterio que nos chama para quen sabe qué. 
Nese camiñar na pintura e na vida de Álex Vázquez hai unha persoa especial, unha filla sempre o é, pero cando ela segue a vocación do seu pai, xorde un fío especial, a maior parte das veces invisible, tecido portas adentro, fiado de segredos, confianzas, medos e dúbidas... pero as veces ese fío convértese nunha corda ben forte, e así acontece nesta mostra na que en canto entramos sentimos algo especial. En primeiro lugar polo ben disposto das pezas, por unha montaxe que engrandece á mostra pero que ao tempo faite lembrar outras exposicións que descoidan este aspecto, saíndo claramente perxudicadas; e en segundo lugar por ver que a comisaria da exposición, a responsable desa montaxe marabillosa é esa filla pintora, Amelia Vázquez Palacios. 
Acariñando o ceo é o título da exposición. Unha caricia que se vai convertendo en rabuñada. O bico do ceo coa terra faise paixón a medida que pasan os anos e a pintura procura o seu propio lugar, ese que só otorga a idade, a confianza e a conquista da liberdade, unha bandeira sen a que a pintura é menos pintura. E aquí, como dicíamos ao principio, todo é pintura. Un xeito de percorrer Galicia como inagotable inspiración, dende a máxica e literaria terra de Wenceslao Fernández Flórez ata ese pazo no que un camelio en flor convértese nunha patria, pero sobre todo, nun motivo para pintar, para sentir a pintura mergullada na natureza. Unha natureza en liberdade.





Publicado en Diario de Pontevedra 7/02/2014
Fotografia. A forza do mar (Miguel Vidal)

2 comentarios:

  1. Recordo unha pausa neste cadro... A pintura aínda húmida, producindo mil brillos, faíscas de cor. Fisicamente moi canso, mentalmente esgotado, coa emoción e a sorpresa a flor de pel. Intuía que, por fin, chegara a algo que levaba perseguindo moito tempo. A miña filla Amelia confirmoumo co seu entusiasmoo, a miña outra Amelia, desconcertada, co seu asombro.
    Faltaba a túa opinión Ramón e á fin téñoa de forma tan viva e explosiva como foi pintado este cadro, os últimos temas dunha exposición, concibida "como unha soa mancha" como ti xenialmente expresas.
    "É o resumo de miles e miles de horas no estudo, de ensaios fronte a unha natureza á que render devoción como gran motivo pictórico". Así é e así intentarei que siga sendo.
    Grazas Ramón!

    ResponderEliminar
  2. El aire, la luz, el color y una inmensa armonía se funden en su pincel, dando lugar a algo maravilloso, su obra.Un saludo Alex Vázquez-Palacios

    ResponderEliminar