sábado, 14 de febreiro de 2015

A ledicia da pintura




«Sempre hai flores para o que desexa velas» dixo Henri Matisse. Flores, e músicos, e froitas, e viño, e espidos, e paisaxes... podería dicir José María Barreiro a partir do senso lúdico da súa pintura, dunha ledicia de vivir que se converte na ledicia da pintura, na exaltación dos sentidos que, en canto entras en contacto coas súas obras, póñense en estado de alerta, en axitación máxica facéndote comprender todo o bo que pode chegar a acadar a pintura como xeito de expresión, como forma artística de primeira orde. 
Museo de Pontevedra amosa ata o 15 de marzo a obra deste pintor que entre Forcarei, Pontevedra e Cela artellou todo un imaxinario que, para o que serve, como serve toda arte que se teña por tal, é para desbotar bandeiras e patrias, axitando únicamente a da beleza, patria irrenunciable para o ser humano e pola única que merecería a pena morrer hoxe, cando vemos tantas barbaridades envoltas en cegas bandeiras. Achegarse a esta mostra é entrar nun universo de paz, de evocacións sensoriais do que un non quere saír. A pintura de Barreiro é unha pintura que convida ao espectador, que non o afasta do cadro, como moitos semella que pretenden, e que lle pon diante unha festa. Ven se ve co pintor gusta da vida, que a entende como unha sorte na que hai moito do que gozar. Os seus cadros cheos de cores, de músicas, de copas de viño, Tinta Femia de Cela, por suposto, son unha axitación da mente e tamén do corpo que poucos pintores son quen de acadar. 
Cando a principios do século XX un grupo de pintores foron calificados de fauvistas pola súa exaltación da cor e a disolución das formas en base a ese emprego cheo de expresividade das cores por riba da realidade a pintura asumiu parte dun potencial que tiña esquecido a favor desa realidade, que coartaba ao artista. Esa liberación abriu moitas ventás, entre elas a que o propio Matisse abriu en 1905 en Collioure. Con ela «o exterior e o interior fúndense na miña sensación», dixo o pintor, pai deste movemento. O mesmo podemos dicir de Barreiro ao ver as súas ventás abertas ante a Ría de Pontevedra, esa que cada amencer ve dende o seu estudo, dende unha atalia na que se asenta a súa patria, onde este home é feliz e iso se reflicte neses cadros que, como na ‘Ventá en Collioure’ de Matisse, fan co interior do seu estudo se achegue ao exterior, a unha natureza coroada pola Illa de Ons nunha danza cun interior cheo tamén de naturezas, de músicas reflectidas en guitarras, acordeóns, pianos ou nun gramófono; en xarróns con flores, recollidas no xardín arredor do seu estudo; de froitas que compoñen espléndidos bodegóns. ‘O meu lugar preferido’, ‘A luz é vida’, ‘A illa de Ons dende o estudo de Cela’, ‘Atardecer en Cela’, son títulos de cadros que se van sucedendo para amosar o lugar onde pinta Barreiro é onde sabe que é feliz. Qué grande é o home que entende que con cousas sinxelas pode ser feliz! Pero esas ventás tamén se poden abrir a Compostela, a Vigo ou a Pontevedra. Qué fermosos os seus achegamentos ao ‘skyline’ da cidade do Lérez. Sempre dende A Caeira, miradoiro privilexiado para, de ponte a ponte, converter a cidade nunha paisaxe na que se sinta a vida e que se completa con esa dobre face das súas obras, un bodegón en primeiro plano invitándonos a sumarnos ao festín da pintura. A ese banquete do que gozar. 
A ampla selección da pintura complétase cunha sorpresa, como son as esculturas feitas por Barreiro. Auténticas reflexións sobre a forma, a cor e o movemento que recordan a pezas de Alexander Calder, aínda que moito máis consistentes, e con vocación de formar parte de espazos urbanos e que, seguindo coa aproximación a Matisse, podería ser un experimento como os daqueles ‘papeis cortados’ empregados polo francés cando a saúde lle impedía afrontar traballos máis intensos. O certo é que esas pezas son unha achega máis a toda esta festa, unha sorte de ‘Joie de vivre’ como a enunciada por Emile Zola, e que se respira dentro dunhas salas que, coa presenza desas esculturas, aumenta esa sensación e enriquece as posibilidades argumentais e visuais da propia exposición, medrando o atractivo da montaxe feita baixo o comisariado de Tino Lores
Canta boa pintura se respira neste comezo de ano no Museo de Pontevedra! (así si Museo de Pontevedra). Coa exposición de Álex Vázquez ao seu carón, a pintura berra como xeito de expresión ancestral renovado cada vez cun pintor se enfronta a ela ou a súa propia tradición. A José María Barreiro non lle treme o pulso para amosar, dende a tradición, o seu propio camiño, para encher de ventás o noso vencello coa arte facendo que nos asomemos a elas na procura da felicidade. Abofé que Barreiro o acada con cada peza, ventás cara o interior ou cara o exterior, acubilladas na forza da cor e na captación de sensacións dun pintor feito para sentir a vida, para gozar dela e para plasmala nunha superficie convertida xa en eternidade.


Publicado no Diario de Pontevedra 14/02/2015

Ningún comentario:

Publicar un comentario