domingo, 11 de xaneiro de 2015

Bonjour, Monsieur Sobral




Jaime Blanco Dios, biólogo y micólogo, e Adrián Esperón, campeón de baile deportivo, xunto co pintor e activista cultural Antón Sobral son, a falta de que se poida facer algunha proposta de viva voz na reunión do xurado, os candidatos no apartado de persoas físicas aos Premios Cidade de Pontevedra. Non dubiden dos méritos de cada un deles, das súas achegas dende os seus diferentes ámbitos de traballo e expresión a esta cidade que con eles é moito mellor e cuxo nome defenden e espallan polo mundo co seu labor. 
Teño pasado moito tempo a carón de Antón Sobral, xunto a el aprendín moitas das cousas que nas aulas non se ensinan, esas cousas que non veñen nos libros nin nos apuntes pero que, ao fin e ao cabo, son as que te manteñen a flote fora da Universidade. Achegarse a Antón Sobral é achegarse a un mar de augas e escumas, de vaivéns que te atrapan nel pola paixón, a paixón irrenunciable pola cultura e por todo o que a arrodea. Esa cultura son as velas inchadas dunha embarcación que atravesa as encalmadas da pintura, pero tamén da poesía, da danza, do cine... de calquera acto creativo. Antón Sobral é o gran capitán da súa propia vida fincada nesta Pontevedra á que rende culto case como unha gran deusa. Serían inabarcables as iniciativas culturais que agromaron en Pontevedra grazas a súa iniciativa, aos seus contactos, ao seu carácter, pero sobre todo, a súa paixón. 
Nalgunhas delas andiven eu tamén metido e delas saquei infinitas conclusións que me fixeron aprender, coido que ser un chisco mellor no que tento facer, e sobre todo, respectar a alguén que podería disfrutar do seu estudo de pintura ubicado nos ceos de Pontevedra co Lérez refrescándolle os pés, tranquilamente, sen meterse en leas que non sempre son satisfactorias. Pero Antón Sobral tamén entende a cultura como un acto de entrega á sociedade, un vencello coa vida á que está tan agradecido e que quizás, xunto cos seus océanos, todas esas iniciativas que chegan á xente para que participen da cultura, sexan o pago que manteña calmo o seu espírito. 
Cada vez que me atopo con Antón Sobral, pola rúa ou nunha exposición, teño a sensación de que algo bo vai a pasar, de que baixo a súa gorra mariñeira, o seu chapeu de ala ancha ou o seu barrete contra o frío, se agocha algún dos seus proxectos (ai que sería de Antón Sobral sen os seus proxectos!), e así é, en tan só dous minutos Antón Sobral te pode falar da posta en marcha dun ciclo de poesía en Pontevedra co seu querido Ateneo, dunha reunión de artistas para traballar na natureza na Costa da Morte, das experiencias dos seus alumnos da Escola de Restauración en centros museísticos de todo o mundo, dun concerto ao que foi en Compostela, da lectura dun libro marabilloso de John Berger, de que nos temos que reunir coa xente que lle gusta o bo cine para falar todos xuntos ou, mesmamente, de que vai a coller o tren ata Vigo para gozar dunha película sobre Turner mentres se laia de que en Pontevedra non se poida ver. Iso é unha xubilación e o demáis son parvadas! 
Pero ao fondo, sempre ao fondo, escoitase o ruxe ruxe do mar, do Océano Sobral que se converte en maremoto de saudade para enchoupar as nosas mentes coa súa percepción romántica do mar, ese que o abanou no seu Marín natal e que el mesmo converteu en ría para fincalo na cidade do Lérez. Sempre o mesmo mar, sempre un mar diferente. Pintar como se sinte, pintar como un necesita, pintar como un respira. Dende a pincelada foi Antón Sobral compoñéndose a si mesmo e ó seu universo. Incapaz de conterse dentro dun lenzo, esboura para espallarse pola cidade, e por esa Galicia que tanto ama sen esperar nunca nada a cambio, simplemente uns ollos que miren ós seus cadros ou que participen das súas conversas, presentacións, ilusións, soños e realidades, sempre á procura da beleza, o fin último de calquera artista, o destino dese pintor camiñante que, coma no cadro de Courbet, atopa a un paseante ante o que amosarse de xeito natural, sen ínfulas e vanas apariencias nas que moitos se envolven. Sempre coa man extendida na axuda ao semellante, mirando en fite á esa beleza que está sempre por chegar dende uns ollos que zumegan vida e curiosidade. Supoño que Jaime Blanco e Adrián Esperón desculparán a miña devoción por Antón Sobral entendendo que se teño unha ensinanza segura na vida é a de que hai que ser agradecido, e eu a Antón Sobral débolle moitas cousas reunidas nesa patria que é a amizade, coroada coa bandeira axitada da cultura e rodeada de mar. Como non, do Océano Sobral.





Publicado no Diario de Pontevedra 10/01/2015
Fotografía: Antón Sobral na terraza da cafetería Savoy (Irene Rozas).

Ningún comentario:

Publicar un comentario