domingo, 2 de noviembre de 2014

Unhas receitas de medo


Dela fala Manuel Bragado, director da editorial Xerais, como dunha integrante da xeración da esperanza da nosa literatura. Case nada! Eu non lle cargaría con esa responsabilidade, simplemente falaría dela como dunha nova realidade que sente a Literatura como parte súa e como xeito de expresarse nesta sociedade nosa.
A esperanza, de habela, aínda que cada vez un teña menos motivos para tela, é o que hoxe temos nas mans, este libro viscoso, fedorento e xoguetón que Ledicia Costas argallou e que foi recoñecido co Premio Merlín de literatura infantil. Ao seu remate un abeizoa a decisión do xurado que foi quen de  ver nesta ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ o material preciso para este recoñecemento.
Un neno que quere ser cociñeiro e a presenza dunha cociñeira falecida no século XIX son os protagonistas deste relato vencellado ao mundo dos defuntos, a ese alén que tan afastado pode semellar para a literatura infantil pero ao que Ledicia Costas outorga unha apaixoante identidade que abofé fará as delicias dos cativos, e tamén dos maiores. Asegúrolles que si. Unha aposta que pode semellar difícil pero que, á vista do resultado, amosa a afouteza da autora e a confianza nas súas posibilidades. Todo o relato semella enchoupado por esa fantástica ambientación victoriana pero tamén cunha pátina do benquerido universo de Tim Burton, ao que incluso se lle fai un chisco nalgún instante, que permite que o lector visualice de xeito rápido todo ese mundo xurdido do maxín de Ledicia Costas, pero tamén brilantemente corporeizado, nunca mellor dito, polas ilustracións de Víctor Rivas.
Podemos falar doutra das achegas do libro, e para nada pequena ou desprezable, senón ben ao contrario, como é a importancia da cociña e a súa inclusión no terreo literario. Esa motivación dos protagonistas pola cociña, salpícase dunha serie de receitas que abren cada un dos capítulos do libro, todo un receitario de medo que fai salivar a calquera, aínda que logo esas receitas se vexan substituídas por outras moito máis ‘complexas’ para o ser humano, pero non así para os habitantes dese inframundo no que cae Román, o neno protagonista.
Ese xogo de dous mundos, o da realidade e máis o do alén, xunto con todo un universo de seres, ímolos a chamar así, que completan ás personalidades dos protagonistas, artellan un imaxinario abraiante, abofé que merecedor do Premio Merlín, pero tamén da confianza dos lectores que descubrirán e participarán dun itinerario insospeitado no que non borrarán o sorriso da faciana, pese algún xesto de noxo, parte da peaxe que hai que pagar por ir ao mundo dos mortos. Eu deixolles, que me poño a escribir e escribir... e teño no forno unha larpeirada que xa me cheira a torrado.





Publicado no Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 2/11/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada