sábado, 1 de noviembre de 2014

Era visto!



Se o día veu cheo de boas cousas é a guinda perfecta, o fin de festa. Pola contra, se a xornada estivo plagada de malas novas, de feridas na alma (e abofé que ao longo desta semana houbo dabondo, aggghhhh!!!!) é o bálsamo necesario para alivar esas feridas. Eles sempre acadan a pretensión máxima que debe ter calquera espectáculo, o da evasión, o de conseguir arrincar un sorriso con independencia das situacións personais que a vida pega na nosa pel hora tras hora.
Eu supoño que xa todos vostedes os coñecen. Que nalgún momento caeron nas súas redes e compartiron con eles as andanzas nese microcosmos que é Lameiro, por centrarnos nalgún sitio, aínda que calquera punto de Galicia, dende o máis pequeno ata o rincón da vila máis grande, podería ter acollido a esta fauna. Era visto! é un produto deses que nacen sen facer ruido, que se van pousando na pantalla de televisión e nas nosas vidas de xeito paseniño e cando te das conta xa forman parte das nosas familias e dese terapéutico momento do día no que un busca desconectar das horas anteriores. Á vista está que non son necesarias grandes superproducións, nin carísimas campañas mediáticas para que un traballo de televisión chegue ao público, só fai falla confianza, calidade e imaxinación. Un cóctel que ben axitado pódese consumir en calquera momento e en calquera lugar, ata no Puskas.
En poucos sitios teño visto a esta Galicia e a súa idiosincrasia (cómo me gusta esa palabra!) aberta en canal como na esquina da barra do Puskas ou no sofá de Moncho. Dous escenarios, o do fogar e o do bar, nos que se poden resumir moitas vidas e moito tamén do que nós mesmos somos. Nunha apresurada aproximación pódenos parecer unha carallada, catro tolos botando unhas risas, pero non, alí fálase do que nós mesmos somos, das relacións da familia, do mundo laboral, das relacións cos amigos, pero sobre todo da paisaxe dun país que muda de xeito apresurado dentro desa mestura do mundo rural e o urbano. Cando vexo a Moncho xunto a Lino e a Puskas falando do divino e o humano, meténdose nalgunha lea, ou simplemente tentando arranxar este mundo noso, non vexo máis ca talento, nas interpretacións, nos guións, no facer do sinxelo algo moito máis complexo, empregando esa arma invencible que é o humor. Todo desemboca nun costumismo cunhas afoutezas moito máis fondas das que nos poida parecer. Ter a capacidade de rirse dun mesmo e do que somos como sociedade pódese facer deste xeito tan cheo de posibilidades. Eu cada vez que vexo a estes tres falando debezo por estar a carón deles, por botar unha parrafada e tomarlle un viño cuns manises. Polo de agora conseguín esta imaxe, feita estes días en plena rodaxe, un agasallo para os lectores do Diario de Pontevedra no que esta tríade do humor mira cara nós como nos miramos cara eles á notiña. Cantos segredos sobre a realidade galega se agochan nesas faragullas de cacahuetes?, qué tan avispadas son esas miradas nas que se burla acotío a seriedade que tantos queren impoñer as nosas vidas!
Moitas veces adoitamos mirar por riba do ombreiro traballos ou series feitas no noso sector audiovisual. Nós non imos facer True Detective ou Breaking Bad, mira!, ao mellor nin queremos, porque non nos representa, e ademais, qué sentido tería? pero si que somos quen de facer producións máis que dignas que sobre todo veñen a falar moi ben dos nosos profesionais, dese mundo da imaxe, que engloba non só aos que saen na pantalla, senón tamén dos que están detrás: guionistas, productores, iluminadores, maquilladores... que acadan achegas tan meritorias como o foi Matalobos ou o é agora Serramoura ou este Era visto!, por falar dalgúns traballos que, dende o meu entender, acadan un puntiño máis de xenialidade que outros que tamén danlle lustre á Televisión de Galicia.
A mín non me chega a hora para botarme no sofá e que eses sketchs me coloquen ante este muestrario galaico, e que Moncho comece a meterse en leas, que Elvira e Kevin lle fagan bulir a cabeza como só eles saben, que don Anselmo o poña contra a ‘espalda’ e a parede, e que o bo de Monchiño procure consellos, pero dos bos, na barra do Puskas. Bimbios cos que facer un cesto no que todos estamos metidos, un acubillo no que agocharse do que nos está a ocorrer cada día. Nese punto é no que unha risa é un tesouro para tentar comprendernos e ser un chisquiño más felices. Non é sinxelo, pero Era Visto! o consegue. E o fai porque sabe ben o qué tan complexa é a raza humana!





Publicado en Diario de Pontevedra 1/11/2014
Fotografía: Carlos Ares

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada