domingo, 5 de octubre de 2014

A inocencia da poesía


«Chamádeslle violencia á nosa paixón pola verdade». Como lle pode quedar o corpo a quen escribe isto, cando lle queda como lle queda a quen o le? A frase, extraída do derradeiro poema deste libro, sacude ao lector e deixa no ambiente a sensación de que a inocencia da poesía non é tal. Cando unha frase é quen de provocar ese efecto derrúbase, dende os seus mesmos alicerces, esa pretensión de moitos de facer da poesía un xogo declamatorio, con máis ou menos pretensións literarias, afundíndose no seu valor primixenio de esculcar na cerna do ser humano para amosar as súas miserias, os seus medos, as súas inquedanzas; pero tamén os seus desexos, as súas ambicións ou os seus soños.
Nesa lea quere poñer orde María do Cebreiro para o que escorrega polas páxinas de ‘Os inocentes’ un conxunto de poemas que pouco teñen de inocentes ao chantarse ante o home para amosarlle o material co que está modelado.
A pertenza a un mundo e a un tempo agroman no poemario para artellar todo este balizamento que, dende a linguaxe semella poñer ante nós un itinerario sentimental no que buscar refuxio, pero, sobre todo, atopar explicacións as dúbidas que acotío forman parte de nós. E forman parte para ben, xa que ese ronsel dubitativo é o que nos fai máis fortes cando somos quen de enfrontarnos as súas teimas acadando respostas. Respostas para as preguntas coas que María do Cebreiro madura a súa experiencia poética, xa cun fondo percorrido pese a súa idade, pero iso non a arreda para facer da vida o taboleiro da súa obra e o das nosas reflexións. «A vida consiste en gañar e en perder a aposta ao mesmo tempo», escribe. Pouco máis que dicir, entre a derrota e a vitoria nos movemos nun fío moi feble que se pode crebar ante calquera xiro da vida. O imprevisible é o que pode mudar todo, o que nun intre faga estourar, como castañas no lume, a este home ou esta muller, se antes non picaron na súa pel un burato para respirar o que acontece ao noso arredor.
A poesía permítelle a autora achegarse ao eu, evadíndose de todos eses aneis concéntricos que nos rodean e confunden ante o que é realmente importante, e que somos nós mesmos. Esa subxectividade prolóngase a cada un de nós nese desexo de facer da poesía un berce morno, pero o resultado, antolladizo el, decide ir por outro lado, ese no que a linguaxe marca o territorio dos sentimentos supeditados á afouteza da poesía para definir o seu propio terreo. Abofé que as intencións da autora foron outras, como atopar esa inocencia na que coido que nin ela mesma confiaba, sabedora como é de que linguaxe e forma, é dicir, a poesía, imponse como a hedra no valado para artellar a súa propia paisaxe, a que constrúe ante nós como unha beizón colectiva.



Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 5/10/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario