lunes, 10 de marzo de 2014

Lavando os trapos sucios


Homes e mulleres a falar do seu. O xérmolo de tantas liortas na nosa sociedade e o ancestral choque de condutas que protagonizou tantos relatos literarios ou tantos filmes ao longo da historia. Desa loita é da que nace ‘Dióxenes en Dolorida’, a novela de Ignacio Vidal Portabales que acadou no 2012 o Premio Blanco Amor, e que sae agora do prelo. Un texto que nos enfronta as relacións entre home e muller a través dunha serie de personaxes galvanizados por unha curiosa presenza, como é a dun tal Dióxenes que, tras un fracaso amoroso, chega a unha localidade na que se acompaña de tres homes aos que nas súas relacións sentimentais tampouco lles vai nada ben. Eles comporán un curioso grupo que fará das mulleres a súa cerna de debate, cheo de misoxinia e ferintes reflexións sobre o sexo contrario, que logo terán resposta por parte delas.
O primeiro que nos chama a atención na lectura ademais desa idea, a de establecer un ring de boxeo no cal achegarse a ese inagotable pozo ao que todos nos asomamos a diario, é a estrutura da novela. Así é como nunha primeira parte, e case sen acougo, eses homes van soltando pola boca as súas confesións sobre o que acontece nos seus fogares e como a relación coas súas mulleres vai marcando as súas vidas, empregando para iso moitas das teimas masculinas na procura dos consellos que ese home, que tan sabio lles parece, ese Dióxenes excesivo e irreverente, lles pode ofrecer, algúns deles tan estridentes como o de perfumarse cun insecticida. Sérveme este consello para achegarme ao humor, que este si perfuma de maneira axeitada toda a novela. Un humor groso en ocasións, que lle acae moi ben ao ton que procura Ignacio Vidal para achegarse dende o exceso a amosar esas relacións. O humor funciona como desengrasante da realidade e na novela, como xeito de sosegar un relato que as veces colle demasiada velocidade nesa pendente de descalificacións mutuas. Esa parte, bañada no exceso de xeito premeditado polo autor e afundido na testosterona, mudará cando as mulleres toman protagonismo facendo desfilar esa ringleira de tópicos que uns e outros fomos asentando na nosa sociedade. E o farán dende un ‘orixinal establecemento’ como se di nas cubertas do libro, un lugar onde as mulleres amosarán os seus pensamentos sobre os homes, e tamén, entre elas mesmas, algo que tamén aparece nesa primeira parte. Non so son homes contra mulleres ou mulleres contra homes, senón homes e mulleres que plantexan as súas relacións entre si cun funcionamento ben singular.
Como o propio Dióxenes, metido a ‘filósofo afeccionado’, Ignacio Vidal introdúcenos neste relato ao que ninguén é alleo ao formarmos parte desta realidade de homes e mulleres, de encontros e desencontros, que son ante os que o autor propicia esta enxeñosa reflexión dende o literario e co sempre intelixente sustento do humor. Benvida sexa.

Publicado en Diario de Pontevedra y El Progreso de Lugo 2/03/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario