domingo, 9 de febrero de 2014

As nosas illas



Facía tempo que un non sentía tremer o corpo ao paso das páxinas dun libro. O belisco con cada liña grazas ao latexo provocado por esa ledicia que so é quen de acadar a literatura, mesturada co maxín que sempre ofrece a recuperación dun pasado onde un foi feliz. Este territorio acada desta volta forma de illa, ou mellor dito de illas, de xeografías literarias rodeadas de mar salgada, afastadas deste mundo non sempre favorable ao ser humano que, nesas terras, acada unha liberdade non so física senon tamén mental. 
Xabier P. DoCampo homenaxea no seu último libro, ‘A illa de todas as illas’ a aquela literatura calificada sempre nas coleccións como Literatura Infantil e Xuvenil, pero á que o tempo, e unha valoración máis axeitada, vai afirmando como literatura sen máis, en definitiva, como literatura da boa, da que se incrusta no corazón e na alma, e que ao longo das nosas vidas servirá de boia á que suxeitarse nas treboadas que agroman no noso camiño. 
Un libro no que conflúen varios relatos, historias xa canónicas na literatura de aventuras que van asomando a través de diferentes personaxes entre a néboa que envolve a chamada illa Navalleira. Ata esa illa chegan tres rapaces e dela sairán cunha personalidade diferente á que tiñan cando entraron. Como cando un le ‘Robinson Crusoe’, ‘A illa misteriosa’, ‘O señor das moscas’ ou ‘A illa das voces’, que son algúns dos relatos aos que o autor ‘adica’ esta historia de illas, de illas que son as de todos nós, nada voltará a ser o mesmo. Para ninguén que teña lido algún destes libros as cousas serán como antes de facelo e o que significa unha illa tamén será moi diferente. Xa para sempre a illa será un lugar case máxico, un territorio feito para a aventura, no que deixar voar a imaxinación para convertela nun couto ao que voltar cando un necesita atoparse a si mesmo. 
A estes tres cativos Xabier P. DoCampo faraos percorrer esa illa que, como non, ten o seu mapa e os seus cantís, a súa vexetación e a súa néboa, pero sobre todo, ten a varios deses personaxes que formaban parte daquelas novelas que nos marcaron, e que a medida que van aparecendo van subindo a intensidade do que un percibe ao sentirse acompañado por seres tan míticos coma inesquecibles. Temos a sensación, como os protagonistas, de que o tempo se conxela, de que as agullas do reloxo se deteñen como se entrásemos noutra dimensión, diferente a nosa, tan chea dunha realidade normalmente aburrida e monótona. 
Xunto a eses ingredientes atópase a capacidade do autor para enxerilos na súa propia narración, para contarnos unha nova historia que dispón sobre ese altar máxico e cheo de misterios que emerxe do mar para que bebamos del como se fose un Santo Grial no que conquerir a inmortalidade. “O único que non vale para nada é non saber nada”, dille un dos protagonistas a outro. Se somos quen de ler estes libros ao mellor non atopamos a saída as nosas vidas, pero abofé que o noso paso por ela estará cheo de mellores cousas, de boas ensinanzas e, sobre todo, dun goce que poucas situacións son quen de deixar que as academos.
Non se pode esquecer o apartado gráfico, tan importante en moitas das sucesivas edicións deses textos, moitos deles xa con moitos anos enriba. O labor de Xosé Cobas engrandece o texto de Xabier P. DoCampo e agasállanos cunhas ilustracións cheas do mesmo agarimo que amosa o escritor por unhas novelas refuxio. Por unhas novelas que tanto amamos e as que agora se engade unha máis: ‘A illa de todas as illas’. 
Nestes días nos que zoa o vento, nos que a chuvia non nos ofrece respiro, no que o mar loita contra si mesmo, atopar uns minutos para botarse no sofá con este libro nas mans, sentindo as pingas de auga xogar cos cristais das fiestras é un deses intres nos que un sente coller o temón da vida, ese que tantas veces son outros os que o manexan sen o noso consentimento, para sentirnos ao abeiro daquela patria fronteiriza cun tempo que xa pasou e ao que nunca temos que renunciar. Unhas illas nas que fomos felices. Os reis das nosas illas.


Publicado en Diario de Pontevedra 8/02/2014
Fotografía: Diferentes edicións de 'A illa do tesouro' e portada de 'A illa de todas as illas'.

No hay comentarios:

Publicar un comentario