lunes, 20 de enero de 2014

Coñas, as xustas

XOGUEN se queren co número de compoñentes do Parlamento, poden xogar a facer máis ou menos kilómetros de estradas, xoguen tamén a seguir xuntando concellos... pero co que non poden xogar, no seu posto de políticos, é coa Sanidade. Nesa materia, coñas as xustas, xa que as súas decisións custan vidas. E en Pontevedra xa estamos bastante cansos desas leas coas que nos envolven no ámbito sanitario. Faláronnos dun novo hospital e agora resulta que o novo hospital de Pontevedra está en Compostela. A recente decisión de derivar pacientes desta área sanitaria a ese centro hospitalario deixa claras dúas cousas... ou tres. Unha, que ese novo hospital foi un engano que xa deixou de selo; dúas, que a alcaldía de Pontevedra ao PP impórtalle ben pouco, xa que esta decisión custa dous ou tres concelleiros menos; e tres, que o PP ten a sanidade como un xogo cunhas fichas a piques de saltar do taboleiro.

Entre Dous. Diario de Pontevedra 20/01/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario