martes, 21 de enero de 2014

Arredor dunha novela


O debut no eido da novela de Xosé Enrique Acuña deixa nas nosas mans a paisaxe dunha época chea de soños desfeitos polo paso pola cadea, tamén das ansias por acadar a independencia dun país e quizás, sobre todo, por escribir unha novela. Abofé que tras esta obra hai unha longa historia de preparación, de axustes nas palabras, de ensaios ante a perspectiva, cada vez máis meritoria, da súa posterior publicación. O camiño da protagonista, Zelia Ogando, pode ter certa similitude coas ansias de Enrique Acuña por sacar do prelo un texto como este, tan alonxado doutras facianas da cultura nas que o autor xa ten unha longa traxectoria.
Atopámonos, desta volta, cunha historia que nos leva a reflectir un tempo vivido: o pulo da mocidade independentista, os anos de estudos, a droga e o que supuxo nesta terra, as músicas, as lecturas... un equipo de fútbol e os seus siareiros...todo eso vai agromando ao longo das diferentes páxinas para compoñer así un relato que se lee moi ben, e co que o lector enseguida atopa pequenos fíos dos que quedar suxeito na narración. Máis aínda se un é de Pontevedra ou se ten certa relación con esta cidade. Xosé Enrique Acuña é bo coñecedor da historia e da intrahistoria da cidade do Lérez, das súas xentes, do que se fixo e se falou durante moitos anos. A súa inclusión de numerosos feitos, para os que viven en Pontevedra, é un emocionante percorrido por escearios como o café Carabela ou por personaxes como o debuxante Conde Corbal, que tan ben ilustrou ese local emblemático da cidade senón tamén as páxinas do Diario de Pontevedra durante os anos sesenta. Pero aínda saen moitos máis que non lles vou contar para que os descubran vostedes.
O certo é que Enrique Acuña atina co xeito de compoñer esa paisaxe dun tempo e uns feitos de xeito apaixoado nos que non se evitan certas reprobacións a situacións da realidade ante as que o autor non elude unha posición crítica. Onde si que pode resultar un pouco curto é na profundización dos protagonistas nos que un pode intuír moitas posibilidades que semellan quedar sen explorar, porén o conxunto funciona bastante ben a partir dese centro de intrigas como é unha cafetaría, o Café do idioma, que lle da título ao libro, e no que ao final se espera a presentación desa desexada novela arredor da que todo se move nesta outra novela, tamén de estrea. Ogallá esta primeira obra sexa o punto de partida para novas historias e situacións, para conducirnos a través do maxín da literatura polos senlleiros vieiros dos que tantas cousas sabe Enrique Acuña grazas aos seus coñecementos, un xérmolo que producirá novas novelas das que disfrutar do mesmo xeito que o fixemos con esta obra que amosa, como acontece no caso da protagonista, o desexo por escribir unha vida e por facernos a todos parte dela.


Publicado en Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo 19/01/2014

No hay comentarios:

Publicar un comentario