martes, 3 de diciembre de 2013

A madeira dos vosos santos

O último libro de Pedro Feijoo, ‘A memoria da choiva’, plantexa moito máis que un dos xogos literarios que tan ben artella o autor de ‘Os fillos do mar’ para engaiolar ao lector, ao alentar unha reflexión sobre o mito literario de Rosalía de Castro, sementando, entre o rastro do sangue, moitas dúbidas sobre a icona das nosas letras.



«Chegou dabondo, son horas de reclamar o noso». Esta é unha das frases que dan acceso á derradeira historia de Pedro Feijoo (Vigo, 1975), o home best-seller das nosas letras, e ao que tanto tempo levabamos agardando como unha das patas necesarias de todo sistema literario. Coa súa anterior obra, ‘Os fillos do mar’, revelouse, a partir do apoio do lector, como un escritor que manexa de inmellorable maneira ese rexistro do suspense de modo máis popular (miopes miradas aparte). Entre as súas innumerables achegas está a de empurrar ao interior dese sistema literario a moitos lectores que ao mellor aínda non se atreveran, pola razón que fora, a coller un libro en galego e poñerse a lelo. As cinco edicións daquela novela, e a súa publicación en castelán, dan boa conta dese soado feito.
Un fito que agora busca a súa reválida cunha novela recén saída do prelo, ‘A memoria da choiva’, na que un xornalista e unha profesora tentan aclarar uns crimes que teñen a unha sobranceira figura da nosa patria no eixo dos acontecementos, nin máis nin menos que Rosalía de Castro.
A novidade na aposta de Pedro Feijoo é a de establecer esa relación esporádica coa gran dama das nosas letras, a icona intocable do noso firmamento literario e na que se alicerza moito da nosa cultura. Alguen sabe que de Rosalía de Castro non existe unha biografía canónica que reflicta de xeito fiel o que foi a súa vida? Cousa un tanto estraña nun personaxe singular no noso tecido literario. Sombras que rodean ao mito e dende as que Pedro Feijoo tenta buscar o ‘leit-motiv’ do seu libro, plantexando propostas que encaixan coa atmósfera que rixe todo o relato. E que farán os puristas da memoria? pois abofé que bramarán ante as suposicións que fai o autor dentro dunha novela de entretemento (ou algo máis?), indo contra o establecido sobre a escritora de Padrón, o que sabemos dela e o que non somos quen de preguntar.
E arredor dela tamen andan aquelas institucións culturais preocupadas por velar da súa figura e do seu status. Unha preocupación que lles leva, ás veces, a sobreprotexer moitos deses mitos se tan siquera valorar a capacidade de dubidar que todo ser razoable debería ter.
Pedro Feijoo plantexa algúns dos poemas de Rosalía como as pistas das que ir tirando ante os diferentes crimes que van enchoupando as páxinas de sangue («unha vez tiven un cravo/cravado no corazón,/ i eu non me acordo xa si era aquel cravo/ de ouro, de ferro ou de amor...») e das que tentamos saír, zafándonos desas descripcións feitas de xeito sórdido con moitas referencias cinematográficas e que tan ben funcionan. Eses poemas lévannos a descubrir outra maneira de ler a Rosalía, de entender as súas palabras e tamén a súa propia vida.
Aínda que todavía non vai moito tempo do seu primeiro libro neste ‘A memoria da choiva’ Pedro Feijoo describe moito mellor as situacións e involucra en maior medida ao lector na narración. As escenas e os escenarios teñen moita importancia, como soe acontecer neste tipo de relatos onde se xoga co movemento dos protagonistas por diferentes espazos, chegándose a converter case en personaxes de seu. A Fundación Rosalía de Castro («chegamos ao portal e atopamos as dúas follas de forxa verde arrimadas. Empurramos a que quedaba a nosa dereita, o xusto para entrar nos xardínsa da quinta, e comezamos a camiñar en dirección ao edificio principal...») ou Santiago de Compostela («viramos a esquerda ao chegar á praza de Galicia, baixando pola Senra en dirección á Alameda. Aparquei o coche a carón do instituto Rosalía de Castro-vaia, non podía ser doutro xeito...») trabállanse arreo para acadar ese punto inquedante no que mover a esa parella de ‘investigadores’.
Pedro Feijoo e Rosalía de Castro mergúllanse xuntos nunha viaxe coa pel dun thriller, pero que ten a capacidade de que ao remate do mesmo nos fagamos moitas preguntas que, ao comezo da narración, nin se nos pasaría pola cabeza plantexarnos.  Así é como se dan a man dúas facianas da nosa cultura nunha relación na que nunca deberíamos esquecer o valor da retranca, e diso o noso escritor anda ben sobrado. «Unha santa? Agora, agora é cando ides coñecer de que madeira están feitos os vosos santos».


Versos, sangue, amor e odio
Deste cóctel de versos, sangue, amor e odio abrolla o que abofé será un deses éxitos literarios que fan que milleiros de persoas se adentren nun libro... e ao mellor logo noutro...e noutro, e así é como se acadan lectores fieis, ese escuro obxecto do desexo de cada autor. É Pedro Feijoo, dende a aparición daquel ‘Os fillos do mar’, un dos autores que máis lectores achegan as nosas letras. Unha beizón da que todos, dunha ou doutra maneira beneficiámonos.
‘A memoria da choiva’ pódese entender como un deses thrillers que tanta sona teñen e que se enchen de vender exemplares. Pedro Feijoo é o primeiro en sabelo, tamén en emplealo como unha arma irónica fronte aos seus opositores, sendo a súa achega o de ser quen de incorporalo ao noso sistema literario e cunha fonda pegada de país. Deste país.


Relacións Esporádicas. Publicado en Diario de Pontevedra 2/12/2013
Imagen: Fundación Rosalía de Castro

No hay comentarios:

Publicar un comentario