xoves, 21 de novembro de 2013

"Hai que kermessear"

O Museo de Pontevedra inaugura hoxe unha mostra coa pintura de Antón Pulido, na que a cor é a gran protagonista.


Achegarse a Antón Pulido é poñerse a carón dun xigante. Dun ser que pola súa constitución física semella un ser mitolóxico, un Zeus que busca compoñer o seu propio mundo de ambrosía pictórica.
Xubilado da ensinanza, e tras moitos anos de traballo na visibilidade dos demais dende diferentes postos de responsabilidade no sistema cultural galego, agora é o tempo no que toca reivindicar o seu propio traballo. Unha pintura que é a súa felicidade, un estado de excitación que o leva a estar ata as catro ou as cinco da madrugada no seu estudio na procura de novos camiños de expresión, que nesta ocasión derivan nunha gran ‘Kermesse’. Este é o título elixido para unha exposición que leva ata o Museo de Pontevedra a súa última produción, e que toma ese nome da tradición pictórica flamenca na que se reflectía a festa do pobo. Antón Pulido entende esa festa como unha emoción: «A min interésame moito que os cadros expresen a emoción do espectador», afirma o pintor, para continuar: «Decía Pessoa que o río que pasaba polo seu pobo non era como o Tajo, que era un río para navegar, senón que o seu era un río para ver, para contemplar e para gozar. Pois coa miña pintura pasa o mesmo. É unha pintura directa onde traballo moito coa composición e as cores, así como a súa distribución, para xerar unha sinfonía de cores que permitan gozar ao espectador».
A ledicia que abrolla na súa pintura non deixa de xerar tensións con eses seres solitarios, tan habituais na súa obra, e que aquí tamén están presentes nunha serie de cadros que nos levan ao Antón Pulido anterior, máis matérico e existencial. Ese constraste afúndese na propia  vida, nunha existencia na que hai moito diso, de loita de cores arredor dun negro abisal, e de feito o propio Antón Pulido así o entende: «Hai cadros case negros por enteiro, son como un monte, pero na súa cima, hai un latexar. Sempre hai un latexar na miña pintura. A min interésame o sentido positivo da vida, que a pintura transmita enerxía, esa é unha das pretensións da miña obra».
No ano 2007 comezou a traballar deste xeito case matissiano na procura daquela ‘joie de vivre’ ou alegría de vivir do pintor francés. Aquí achégase moito a el dentro dese proceso de depuración que asexa na súa obra nos últimos anos. Unha esencia poética que respecta sempre o xesto do pintor, que é algo así como un sinal de identidade: «Todo pintor ten o seu xesto, é como o que ten unha maneira de escribir. Eu agora estou potenciando o meu xesto. O de agora é o mesmo de antes, é a miña cor, as miñas formas, pero sintetizando a mensaxe ».
Esta festa da pintura é a que leva a Antón Pulido a gozar, como el mesmo define, unha postura xa non so pictórica, senon vital: «Eu sempre digo que hai que kermessear», murmura Pulido gabándose dese espírito de goce que ten o ser humano como unha conquista que estes tempos moitas veces non deixan saborear.

Tras varias exposicións en Asia, por primeira vez estas «festiñas»amósanse en Galicia. Dela, con paradas en Ourense ou Lugo, sairán cara Nova York, París, Londres ou Nova Delhi para que o mundo saiba como se fai festa coa pintura, como Galicia ten a un festeiro maior chamado Antón Pulido.


Publicado en Diario de Pontevedra 21/11/2013
Fotografía: David Freire

Ningún comentario:

Publicar un comentario