martes, 3 de septiembre de 2013

O lapis vermello


Chégame a nova do falecemento de Chonchiña Comesaña, e ao tempo que levanto a vista para mirar non sei a onde a miña ollada repara no bote dos lapis do meu escritorio, onde se erixe como unha bandeira un lapis vermello. Non é un lapis máis, é un lapis de carpinteiro, groso e plano, que acompañaba ao meu exemplar de ‘O lapis do carpinteiro’, cando Xerais o engadiu como un intelixente agasallo ao mítico libro de Manuel Rivas.
O lapis está aínda sen afiar, rodeado doutros lapis. Hainos de recordo de Portugal, do Museo de Pontevedra, outros do Diario, pero tamén hai moitos anónimos. Todos eles conviven con ese lapis vermello con letras douradas. A min paréceme que todos o miran cun respecto especial, como se soubesen que baixo esa pel se agocha unha historia diferente ás súas, unha das grandes historias da nosa memoria como pobo convertida en literatura polo veludo da escrita de Manuel Rivas, ese veludo polo que un pasa a man para estremecerse, un latexo que recuperou o escritor na súa última obra, ‘As voces baixas’. A voz de Chonchiña, a muller inspiradora daquel relato, apagouse, pero a súa voz baixa xa quedará para sempre na nosa memoria. Non hai mellor pasaporte para a eternidade que ese libro afundido na nosa alma. Nós sabémolo e os meus lapis semella que tamén.

Publicado en Diario de Pontevedra 3/09/2013
Fotografía Alba Sotelo

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada