lunes, 1 de julio de 2013

O bosquexo do seu mundo

Alí é onde xorde todo. O útero no que medra o maxín do artista. O lugar onde buscar o acubillo ante o que acontece fóra del. O berce onde mecerse na busca do amparo ao que nos obriga a sociedade. Falamos do taller do artista, un espazo para a reflexión de cada un deses creadores, pero tamén, ata o 15 de setembro grazas ao comisariado de Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, un espazo para a reflexión do visitante á exposición ‘O bosquexo do mundo’, que se amosa na planta baixa do Museo Marco de Vigo.


Abrir o taller ao público ten un pouco de amosar as propias carnes do autor. Saltar esa barreira física e ata mental que moitas veces se agocha tras unhas paredes e alí, moitas veces, as máis delas, o que se adiviña son os restos dunha batalla, dunha loita sen cuartel dende o maxín do artista ata a realidade do que acontece fóra. Ese boceto que se amosa no seu interior é o que agora dá un chimpo ata a sala de exposicións para mergullarnos nese conflito, nesa lea na que se enreda cada creador para albiscar ao fondo a súa materialización artística, o resultado de confrontar a sociedade co seu pensamento. E é ese pensamento o que sustenta o aquí exposto, xa que cada un deles vainos abrir o seu mundo, o seu universo creativo para que formemos, aínda que sexa un cachiño, parte del. Confórmase así unha suxerente viaxe ata ese berce do que nunca adoitamos formar parte.
A colectividade, plantexada dende o atinado comisariado da mostra, lévanos a unha diversidade formal e de plantexamentos que o que fai e conducirnos por numerosos vieiros, uns máis afortunados que outros, pero en todos hai algunha conclusión que extraer para achegar ao colectivo. A disposición das salas do Marco, engádelle o valor necesario para a integración das pezas que van xogando cos espazos do mesmo xeito que xogan no taller do artista no bosquexo dese mundo tanto interior como exterior.

Soportes do máis diversos, influencias de todo tipo, miradas, apuntes, textos, imaxes, materiais... son os restos dun naufraxio que dende a individualidade pasa a actuar en conxunto para acadar esa vertente épica que é o que sostén a mostra, ao suxeitar baixo esas formas unha loita conceptual do artista co seu territorio.

Do íntimo ao público, falamos do enfrontamento permanente que se dá nos autores con independencia de tempos, modas, correntes, xeografías, idades ou xeitos de expresión. Aquí atopamos unha gran diversidade de creadores, de lugares, espazos e tempos diferentes. Algúns ata foron mestres doutros na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, auténtico paradigma do que é o taller do artista, xa que non son poucos os que nela medraron como creadores e configuraron os seus idearios para agora compartir espazos de proxección no que é o mellor apoio para ámbolos dous. Un diálogo do que formamos parte, sentándonos á mesa con todos eles, o público invadindo a súa intimidade, abrindo portas como ‘vouyeurs’ descoñecidos, miróns dos que eles nunca saberán nada. Eles así o quixeron, agora nós sabemos de que material se forxan os seus soños, que diría Bogart. Un material a camiño entre eles e nós, un bosquexo do que será obra nun futuro, ou polo menos foi inspiración nalgún momento, pero que xa contén a entidade suficiente como para formar parte dunha exposición. Porque dende o acto máis instintivo dun creador xa se pode falar de arte. Poñer eses actos ante nós é a súa validación definitiva, ao tempo que nos coloca aos espectadores dentro do seu universo, dentro do seu bosquexo.

Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 30/06/2013
Obras de Marta Bran y Tamara Feijoo. Imágenes de Enrique Touriño/MARCO

No hay comentarios:

Publicar un comentario