domingo, 7 de julio de 2013

A memoria das pedras



Emocióname ver a Manolo Paz apalpando as pedras, acariñándoas como se estivese a tocarlle a alma a cada unha delas, sentindo ese latexo que agroma no interior da materia e que tantas veces desprezamos. Poucos elementos do noso ser como pobo nos representan máis que a pedra. Dende o granito ata a pizarra, dende as canteiras ata as pedriñas puídas coas que xoga a escuma do mar, dende os nosos monumentos ata os cantís que recortan a terra sobre o océano. Pedras que cantan ao ser eterno neste recuncho de eternidades e memorias que se agochan entre esas peles pétreas escintilantes baixo o sol do verán. 
O berce das nosas vilas ten na pedra a súa inesgotable senda na historia, o epicentro da súa conformación urbana e o orgullo daqueles que foron e dos que somos hoxe, como tamén acontece co medio rural. Pedras e máis pedras que van conformando o noso camiñar común. Poñerlle as mans enriba a cada unha delas é un exercicio case máxico no que, a diferenza do artista, que por algo o é, un non sente ese tic-tac do corazón, pero sí que se afianza no territorio a través da súa forza, dunha especie de compoñente telúrica, pero sobre todo memorística, que tamén se agocha nelas. En moitas das pedras que atopamos no noso camiño un pode remexer os seus recordos, a activación sentimental dun pasado que coidaba endeble e pasaxeiro pero que no interior desas pedras vólvese alleo ao paso do tempo. Pedras como as que formaban aqueles valados polos que escorrentabamos ós lagartos baixo o sol de xullo nas interminables horas de ver pacer as vacas. O verán era a aldea na infancia, a pel murcha dos avós, pero tamén a moa daquel muíño no río de Santa Lucía en Noceda, nas terras do Deza, que convertía o gran en fariña como nun feitizo, a lareira chea de parruma ou as enormes pías onde bebía o gando antes de entrar na corte para descansar ata o día seguinte, no que todo volvería a ser o mesmo. Pero tamén eran as pedras cheas de buratos e lendas polas que un gabeaba alleo a todas elas, os muros e o piso dos santuarios e as torres das campás que chamaban á festa, pero a pedra tamén era a morte, as lousas nas que se gravan os nomes dos que xa non están con nós e que como unha letanía vanse repetindo nos cemiterios que abrazan esas capelas de aldea. 
Así é como un entende ao escultor na activación da súa memoria interior e, por extensión, da nosa. Un medra e segue envolto pola pedra, atrapado nunha engaiolante furna que me leva a unha facultade chea de historia nunha vila de ‘Campana y piedra’, como soñaría Torrente Ballester, e logo, a unha Pontevedra na que respirar pedra entre viños, conversas e amizades. Beleza con alma e memoria na que pousar as nosas mans nesas rochas nunha volta a nós mesmos, a unha esencia mutilada polo abafante fluír do diario, moitas veces sen tempo para sentir. Ante as pedras, como ante a Esfinxe dos clásicos, un abre as portas a numerosos enigmas. «Cruel cantora» chamouna Sófocles, xa que foi quen de retar ao home ante o seu interior, como agora as pedras o fan con nós convertidas nun espello da alquimia. E alí estamos fronte a elas, febles e inseguros ao capricho do reloxo, mentres a pedra non entende do finito. Protectoras destes seres fráxiles, ao seu abeiro confiemos seguir, elas serán as testemuñas do noso tránsito e por iso non é raro que formen parte das nosas expresións artísticas, dunha expiación íntima que xa o home primitivo descubrira para calmar medos. Agora revestímolas de modernidade e conceptualidade, pero nelas o que se agocha é o noso corazón, a nosa alma, e, como non, a nosa memoria.



Publicado en Diario de Pontevedra 6/07/2013
Imagen: Javier Cervera-Mercadillo

No hay comentarios:

Publicar un comentario