lunes, 1 de julio de 2013

"A estatuiña a teñen os meus fillos no cuarto"

Xabier López vai xa recuperando a voz que perdeu a base de facer entrevistas dende que o pasado día 8 desvelouse que era o gañador do Premio Xerais de Novela. Pouco máis de quince días nos que se deron diferentes circunstancias arredor da súa paixón literaria. Unha aposta á que a vida cada vez máis faille adicar o seu tempo para beizón das nosas letras. Neste encontro Xabier nos fala do premio, da construción dunha novela pero sobor de todo dese máxico labor dun escritor que é o de contarnos historias.


Dende Betanzos é dende onde Xabier López argalla as súas novelas. Os seus mundos dende os que traer ata nós o maxín da escrita. Así o leva facendo dende os anos noventa, cando comenzou a publicar os seus relatos na revista ‘A Xanela’, publicada pola Asociación Cultural Eira Vella da que foi presidente. O tempo foi pasando e agora libros, fillos e premios conxúganse para respaldar unha traxectoria que comenza a afianzarse nas nosas letras e todo a piques de cumprir coarenta anos.
Xabier López ven de gañar o Premio Xerais de Novela. Qué supón para vostede?
­—Empezando polo máis íntimo foi unha sorpresa. É un premio con prestixio ao que se presenta moita xente e que chama moito aos que nos adicamos á escrita. E despois o de ver o teu nome ao dos outros galardoados, nunha edición tan redonda como a trixésima, acentúa un pouco máis ese feito.
Que se sinte ao verse nese listado de gañadores?
­—Pois mira, cando un esperaba o faio do xurado durante a cerimonia na que nos agasallaron cun libro de Xabier P. DoCampo, dentro del viña un marcapáxinas no que, botando un ollo, aparecían os gañadores. Entón é cando un liga eses nomes á súa memoria, levándote ao aspecto sentimental, cando estudabas BUP e os Premios Xerais eran recomendacións dos nosos mestres. E máis adiante, cando eres lector e como persoa que agasalla libros, sempre se acude a eles porque son unha garantía. Agora é cando un se da conta desa importancia.
Aínda que xa ten experiencia en gañar outros premios este é probable que sexa diferente.
­—É diferente, primeiro polo prestixio, e pola repercusión mediática. Estes días foron de tolos, nos días seguintes acabei rouco de tanta conversa. Pero é algo moi bo. Esto dura pouco na vida do escritor que pasa a maior parte do tempo ante o ordenador. Aqueles premios tamén foron importantes no seu tempo, a diferencia é que transcorrirron dez anos dende o último premio ata este. E nese tempo a todos nos pasaron moitas cousas, eu concretamente pasei de recoller o premio coa miña moza desexando ir ben axiña a tomar unhas copas a desexar chegar a casa para amosarlles a estatuiña do premio aos meus fillos, que xa quedaron con ela na habitación. Tamén estando a piques de cumprir os coarenta cádrame nun bo momento, a mín recárgame bastante as pilas de cara ao futuro e solventa moitas das dúbidas que un pode ter co que fai.
Mudou algo ao seu arredor a concesión do premio?
­—Bueno fóronse dando algunhas circunstancias, non sei se casuais, pero sí que pechei dúas traduccións ao español. Eran dous proxectos que xa viñan de antes, pero materializáronse agora. Unha é o Premio Manuel Lueiro Rey no 2002, ‘O mono no espello’, e que publicará unha editorial canaria, Baile del sol, e a outra é ‘Trinta e dous dentes’ que vai publicar Pulp Books de Cangas, ambas sairán o ano que ven, o que se xunta coa traducción este ano ao castelán de ‘Os libros prestados’ que se publicou no mes de marzo na editorial Libros de Pizarra e de ‘A vida que nos mata’ na Editorial Funambulista que sairá a finais de ano. Son coincidencias felices que se xuntan agora, naturalmente ao Premio Xerais teño que concederlle un lugar preminente neste cúmulo de casualidades deste ano que, literariamente, está sendo moi bo. É un símbolo dun deste anos cos que superas outros nos que un pode estar máis desaparecido. As cousas polas que esperas, cando as acadas, no lles das toda a importancia que teñen. Tamén custa interiorizar as cousas nun momento concreto, como foi na entrega dos premios, o tempo lévate a disfrutar máis deses momentos, eu o comparo cunha boda, na que os noivos son os que menos disfrutan a festa.
A obra gañadora chámase ‘Cadeas’. Cómo definiría á novela?
­— Máis que unha novela de novelas, como se leva dicindo dende que se soubo que era a gañadora, a mín gustame máis o de novela de ‘nouvelles’, pequenas novelas. Son historias encadeadas pero sen formato de conto ou relato, máis ben son pequenas novelas. O título foi unha das cuestións máis claras que tiña, algo que non é habitual nas miñas obras. Ese título explica a estructura desas historias, e o fondo e a imaxe metafórica das cadeas, tamén a sumisión ou a violencia, que percorre todos os relatos. Serve para enganchar fondo e forma, e esta é unha novela na que ambos non se poden separar, senón non funcionaría como unha novela.
Cómo naceu ‘Cadeas’?
­—É algo que pasa moitas veces, un ten unha idea sobre unha novela, pero logo hai que facer unha reformulación teórica cando a tes que ofrecer ao lector. Hai certas obsesións que te perseguen, empezas a escribir a novela na cabeza moitos meses ou anos. Cando tiña algo claro por onde ía ir recuperei uns apuntamentos feitos a raíz de ‘Os libros prestados’ que era un libro de relatos. Alí tiña certas reflexións sobre se era o meu primeiro libro de relatos ou non, que así foi como se vendeu. Eso me levou a botar unha ollada a novelas anteriores, e nelas, arredor da historia principal sempre había outras historias secundarias, que se podían ler autónomamente. De ahí dixen que a vida era unha suma de relatos e, partindo da idea da nosa vida como unha unidade narrativa, como individuos pasaremos a formar parte das narrativas doutros, seguramente como seres secundarios, e con estes bimbios se podería explicar o alento que me levou a escribir esta novela.
A novela polo que me fala presenta unha morea de rexistros nesas pequenas novelas. Iso non é algo moi complexo para o escritor á hora da súa escrita?
­—Enlazando co que falabamos antes e ao afondar nesa idea de nos mesmos como unidades narrativas, como individuos nunca empregamos o mesmo rexistro lingüísitico dependendo da situación na que esteamos ou de con quen falemos. Despois a novela, nesa reflexión sobre o que é a novela, fracasa ou non para contar a nosa vida? A novela é para explicar as nosas vidas, tanto por activa como por pasiva, a vida non se acaba parecendo ao que queremos que debía parecerse, que é a literatura, e ao revés, tristemente. Esa idea está moito na concepción de Sthendal da novela, o espello ao arredor do camiño. E na novela hai moitos xogos coa imaxe do dobre, personaxes que aparecen en varios textos; o incompleto, hai moitos coxos na novela, as mutilacións, os naufraxios... A novela espello non fracasa, serve para contar historias e tamén os diversos estilos empregados van funcionando como novos camiños que se van abrindo para ver cara onde pode ir a novela.
Entón podíamos falar de dous niveis de lectura?
­—Si, ahí estaría a clave. Esas historias poderían funcionar autónomamente, pero tamén dándolle a posibilidade a outro tipo de lector con capacidade para ler esa estructura dende fora e dende dentro, sendo capaz de hilvanar todas as cadeas que van facendo as novelas. Ademais dos enganches, hai pasadizos, falsas trampas, aparicións que se repiten....
Sigo pensando que esa estructura semella moi complicada para o propio autor
­—Non, non o é tanto como parece. É unha novela que non é facil de escribir, non se fai nun mes. A dúbida que un quere plantexar ao lector, aínda que se lle vai vender como unha novela, é o de plantexarse eso que é? unha novela ou unha suma de relatos. A primeira sensación da literatura e xerar a sensación de extraneza. Evidentemente é algo arriscado, e ahí que me parece unha aposta forte por parte do xurado na elección deste libro. É difícil plantexalo e que empece a fluir, pero logo vai saíndo, tamén tes que ter sentido do humor, tanto o autor como o lector. Hai moitos contrapuntos humorísticos para alixeirar partes da narración.
Ante todas estas propostas en qué lugar queda o lector?
­—O lector casa moito coa novela, de feito comeza cun escritor atopándose co que nunca se atopa un escritor que é un lector seu. Todos temos unha visión moi idealizada ou difusa, non sabemos quen nos acaba lendo realmente. A novela é a busca, non do tempo perdido, aínda que nalgúns textos hai algúns relatos sentimentais, sobre a adolescencia dos anos oitenta. O vehículo é un autor que busca respostar a esa pregunta, quén nos lee? Ese é un dos motores da novela, tanto dentro dela como fora. Insisto no de fondo e forma e como non se poden discernir nunha novela que bromea sobre si mesma, sobre o tipo de lector que pode atopar fora. O protagonista ten a sorte de atoparse cun lector seu lendo nunha praia, a mín nunca me sucedeu iso. Ao reflexionar sobre a creación estamos ante unha novela que entra e sae cara fora.
Do panorama narrativo galego que é o que máis lle interesa tanto como lector e como escritor?
­—Eu contra o discurso que puiden realizar sobre o tipo lector que me podía interesar, eu leo prácticamente de todo, e seguindo a brincadeira dos espellos podería salientar a alguén que fixese cousas moi semellantes. No que é a narrativa primeiro hai que contar unha historia ou moitas historias. Nós, como seres humanos, necesitamos narracións para a nosa subsistencia, tanto de xeito oral ou escrito, necesitamos ficcións continuamente. A maneira de contala, é importante, pois si, estructuras mais novedosas son tamén de salientar. Hai autores da miña xeración e da anterior que anovan, e un sempre agarda o que poidan facer. Penso que hai un nivel moi bo en Galicia, e non é gremialismo, para mín o nivel literario é similar a calquera outro do mundo. Qué falla?, sobre todo dende o punto de vista do autor é que os sistemas literarios sexan máis permeables, é dicir que os nosos escritores sexan coñecidos en base á publicación das súas obras noutras latitudes, incluso da propia España.
E na literatura en xeral? Porque en Cadeas recoñécese un bo feixe de referencias literarias que falan dun atinado lector

­—Ler, leo de todo, ata as etiquetas do champú no baño. É un problema. A veces nin sequera sabes ao escribir a quen estás homenaxeando, algunhas son aposta e outras non tanto. Fai anos houbera dito que ‘A montaña máxica’ de Thomas Mann é a obra mestra da Literatura, pero hoxe seguiríache dicindo que o é pero dende que a lín, xa hai unha historia lectora na que sempre acabas incorporando obras. Dar un nome ou dous é sempre quedarse corto. E como lector eu non diferencio entre Literatura galega e universal, non diferencio quen me conta unha historia. Se pode facer unha literatura universal dende o local, que é a clave do feito literario, as fronteiras funcionan para outras cousas. Mira Rafael Dieste, que aparece na novela, quen nos ía dicir que ía incorporalo Roberto Bolaño en 2666, as veces un leva estas sorpresas.


Publicado en Revista. Diario de Pontevedra 23/06/2013
Fotografía: Manuel G. Vicente

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada